Manifestos na pel
Dentro da última fotografía actual en España, e máis concretamente en Galicia, resulta incuestionable a figura e traxectoria de Félix Fernández. A mostra que presenta na galería C5 Colección en Compostela retrata a obra dun autor que se ofrece desde o fotográfico pero que condensa unha complexa variedade de disciplinas, desde a performance, a instalación e o vídeo, e sobre e propia capacidade de ofrecer unha produción que nunca se desliga da actuación, da acción e do comportamento. Asistimos, sen dúbida, a un dos novos nomes máis destacados do panorama galego, cunha ampla carreira profesional deseñada sobre todo no ámbito peninsular, coa participación en proxectos da importancia de PhotoEspaña, Injuve ou Observatori, en numerosas colectivas, e cunha atención constante desde institucións galegas, participando en Miradas Virxes, IFI, Malas Artes ou Latitudes, entre outros, e protagonizando unha recente mostra o pasado verán no Museo Provincial de Lugo. Visitamos a súa individual na galería compostelá mentres volvemos redescubrir a súa particular poética.
Atrapade o mensaxeiro
6 / 3 / 2007
Atopamos unha imaxe de fronte, o retrato dunha cara tatuada cos díxitos dos dedos ocupando por completo a composición fotográfica, loitando coa nosa mirada desde a súa propia mirada, toda rodeada dunha sinxela orla decorativa pintada sobre a parede. Esa é a imaxe, perfectamente definitoria, que nos recibe ao entrar na exposición, case a modo de manifesto. Conscientes de antemán do propio itinerario marcado pola estrutura arquitectónica da galería, asumimos un percorrido ascendente e adoptamos a percepción das obras de Félix Fernández cunha sensación de traveling e proximidade, case carnal, de autorretratos, atopando o actor, captando as súas miradas. A mostra ofrécenos unha proposta moi diferente á presentada no Museo de Lugo, nesta ocasión, baixo o título “Rompendo ciclos”, faise referencia á propia necesidade de facerse preguntas e instalar dúbidas na propia traxectoria dun artista. O autor ofrécenos unha selección de obras desde o 2003 até os últimos traballos cunha intención non tanto retrospectiva como pedagóxica; xa que mentres mostra a súa linguaxe híbrida e complexa, pegada ao social, á crítica, á identidade, dun xeito perfectamente claro aposta por un recoñecemento do concepto de series, de proxectos, algo moi habitual no seu traballo. A súa aposta céntrase, deste xeito, na medición da súa obra, nunha análise crítica pola súa parte, agradecéndose, e máis tento en conta que se trata dunha exposición nunha galería. Quizais unha das mellores atencións recae nesa sensación de repaso dunha linguaxe, mentres non evita a opción da revisión, de mensaxes abertos, albiscando.
Novos comezos
“Rompendo ciclos” é ao mesmo tempo un comezo. Deixando as loitas iniciais sobre a composición, do dominio do espazo, dun drama narrado, nesta mostra atopamos unha serie de obras que ofrecen unha coherencia de traxectoria, apuntalando claves coñecidas e albisca liñas de futuro. Mentres percorremos traballos coñecidos como “Sensible á beleza” ou “Versus Ulises” e “Buscando a Alicia” (das súas series “1000 xeitos de durmir tranquilo” ou “Festa Branca”), o seu novo intento pasa por unha revisión dos códigos históricos, quizais unha das liñas máis identificativas do seu traballo, neste caso botando man das iconas da pintura, de Lucian Freud e Picasso, para crear unha escenografía sobre as influenzas no seu traballo, nos seus comezos, construíndo imaxes de corpos sobre colchóns ou actores interpretando. Novos traballos nos que se reforza a súa variante dramática, outra lúdica, outra participativa, outra cerimoniosa, incluso a opción tráxica e irónica. Vémonos contaminados, como na mirada que nos recibía ou comezo da exposición, pola figura do propio Félix. Fiamos delicadamente entre o retrato e a figura, entre a súa captura de identidade e o reflexo social, nas tres fotografías da última serie “Eclosión”, nas que retoma as súas claves pero nunha pretensión máis eficaz, recoñecendo unha fascinación máis directa pola interpretación, quizais nunha vertente máxica, case soñada, como o actor despois da obra, despois da dúbida, no ensaio, no tránsito, coa música ausente nun escenario. Mentres, seguimos percorrendo as súas miradas, de fronte ou manifestadas sobre a pel.