culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A voz, contundente, dos argumentos

Mentres rematamos o último libro publicado por Camilo Franco en Xerais, “Palabras contadas”, mentres volvemos a repasar os seus pequenos pero intensos relatos de historias cotiás, mentres penduramos como chaveiros as súas mensaxes claras, acompañamos os seus pasos escritos na mostra que vén de instalar na Fundación Luis Seoane na Coruña. Asistimos a unha exposición que se fai mentres se percorre, que sorprende desde a novidade do formato e do resultado expositivo; no intento, perfectamente superado, de provocar unha fractura nos modos de asistir ao obxecto escrito, e segundo, de depositar escenas cotiás, grandes realidades, á altura dos ollos e a medida do corpo, do noso corpo.

Atrapade o mensaxeiro
22 / 2 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A presente mostra que ocupa as dúas plantas da Fundación, incluso o vestíbulo e o patio central, permite manter un fondo continuo recordando sempre a sensación de descubrir, de diversos modos, un texto, a lectura, na sucesión de relatos repartidos no ámbito espacial, expandidos nun terreo non habitual para a escrita; como observamos, non se recorre unicamente a unha sucesión de letras ou documentos, senón que se idea unha contaminación de disciplinas, na plástica, no pictórico, no visual ou na instalación. Pulsamos propostas que serven de fondo dos textos e viceversa: unha piscina de area ou unha cama bordada, unha silueta de corpo, un camiño, un reclinatorio ou un colchón con mensaxes. As súas “Palabras contadas” teñen, en moitos casos, a xusta medida do expositivo, do control de espazo e das relacións coas salas, por iso atopamos a man e a ollada de Miguel Mosquera (un dos nosos mellores artistas da construción e das colaxes de memoria) nas tarefas de comisario, perfilando modos de facer visible a mensaxe do texto, de conxugar as dúas liñas paralelas, da literatura e da arte visual, nun plano de escenografía. Por iso mesmo, o espazo serve de esponxa dunha sucesión de escritos, ou ao mesmo tempo, escritos que son materia prima, como a area, o vinilo ou as camisetas; produtos deseñados desde a experimentación, no tempo das fronteiras, por iso comprendemos a adhesión desta mostra na programación do “Proxecto-edición”.

Campos híbridos
Queda claro que Camilo Franco é, sobre todo, un magnífico escritor e xornalista, non sei se de pequenas novelas ou prosas sintéticas, non sei se de artigos ou ensaios a modo de críticas de arte e teatro; pero queda demostrado que asistimos ao traballo dun autor implicado no terreo da comunicación, da mensaxe; ámbitos que domina e modela á perfección. E serán os seus argumentos unha tranquila relación de motivos familiares, habituais, rescatando unha memoria persoal pero colectiva e retratando o seu perímetro vital, as súas inquedanzas e obsesións. Mensaxes curtas, sintéticas, case á maneira de novelas concentradas, de resumos inesperados, de petos pegados á ironía e á retranca. Por todo isto, nunca resulta estraño que o escritor, axente de provocación, conclúa cunha mensaxe na súa camiseta: “a palabra, para quen a traballa”.
Ligazóns
“Palabras contadas”. Fundación Luis Seoane. San Francisco, s/n. A Coruña. Até 4 de marzo.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org