Despois de miradas acedas
Unha obra readáptanos no tempo, nun pasado non tan afastado e nunha obra plenamente actual. Asistimos a unha pequena peza na exposición de Juan Galdeano, recoñecible por unha leituga amarrada á parede cunha cinta adhesiva industrial, permite retratar de inmediato a obra deste autor, identificar a súa poética aceda e permitir seguir desvelando a traxectoria dos autores relacionados coa incerteza e o absurdo, coa fuxida dunha moda e na aposta por unha mensaxe a longo prazo, que quede no espectador non tanto durante a visita, como no resto dos días; esta exposición individual na galería Trinta serve de acerto para os mantos da pregunta e os terreos da ironía.
Atrapade o mensaxeiro
13 / 2 / 2007
As obras de Juan Galdeano sortean os terreos da sorpresa e da inquedanza; unha carreira profesional vinculada aos parámetros do neo-dadaísmo, que bebe directamente das vangardas rompendo cunha sucesión de programas sintetizados en pezas complexas, sobre todo en obras illadas que funcionan ao modo de relatos intensos, de poemas abertos ao espectador, que conclúe o seu funcionamento, a súa maquinaria crítica. Na presente mostra en Trinta, galería coa que vén colaborando desde hai varios anos, recoñecemos as súas liñas de traballo habituais, partes do seu vocabulario persoal; polo menos aparentemente porque, como lle sucede a moitos autores de incertezas —Carlos Pazos, Brossa ou Jorge Barbi— sempre descubrimos novos relatos, case inesperados, en traxectorias coherentes e de discursos recoñecibles. Neste caso, unha sucesión de novas pezas que se distribúen polas dúas plantas mostran a súa magnífica efectividade expositiva e de longo traxecto.
Obxectos readaptados
Repasamos as súas pezas: unha motocicleta empotrada na parede, unha sucesión de letras coas iniciais P, U, T e A nuns marcos de prata conformando un acento directo, unha leituga adherida á parede, un televisor que presenta un mar calmo mentres pinga gotas de auga pola súa parte inferior, unha maceta cunha planta sobre un teclado provocando un son eterno, un coitelo fincado nun espello, unha operación matemática nunha sorte de cadro e un cubo branco ateigado de coitelos, tamén imaxes dunha manifestación protagonizada polo propio autor. Mensaxes: intentos de fragmentar os discursos habituais, de pousarlle dúbidas a grandes verdades, de percorrer a propia historia da arte, a afastada e a próxima, desde a leituga de Giovanni Anselmo até o cubo branco minimalista alterado no exercicio do impulso. Os seus recursos, como vemos, deposítanse diante do visitante nunha primeira exaxeración e nunha segunda, e máis determinante, explosión investigada e profunda.
Desde un obxecto traballado, adaptado desde o cotián, recollido e readaptado nun discurso plural, consegue trasladar unha claridade de crítica social e cultural tremendamente efectiva, case ferinte. Serán reinterpretacións de miradas que foxen do habitual, que rebuscan no tempo diario mentres se reforzan na punzada tanxencial, máis silenciosa e permanente; por iso non sorprende o título que escolleu para a mostra, “Despois de todo, todo foi nada”, ou quizais si.