Capturas á espera
Achegámonos á obra de Rita Rodríguez na coincidencia temporal dunha mostra individual no Espazo Anexo do MARCO e na colectiva “AP9 - A3” na galería Sargadelos de Santiago. Tomamos esa circunstancia para recoñecer o traballo dunha autora moi nova, que traballa dun xeito activo nestes últimos anos, e que vén a representar a unha xeración de nomes que se incorporan ao mapa actual desde o ano 2000; mentres revelamos a importancia da ollada colectiva de proxectos plurais que teñen lugar nalgunhas institucións galegas e que coinciden na construción dunha nova, cambiante pero en formación, trama creativa actual.
Atrapade o mensaxeiro
12 / 1 / 2007
A obra de Rita Rodríguez, que puidemos seguir nas mostras na galería DF de Santiago, no ciclo de performances “Arte no parque” ou na colectiva “Residentes’05”, recoñécese nunha constante busca de fronteiras coas que topar e alcanzar. Os seus traballos, deste xeito, derívanse principalmente desde a acción, e no propio campo alterno de rexistro e documentación que implica a performance. Descubrimos unha autora enredada no seu facer, alimentando cada paso nun proceso medido, na aparente instalación ou nos restos de esculturas, incluso na sensación de traballos que teñen un fin afastado. Os argumentos son, como veremos, os principais motores dos seus traballos, accións e movementos controlados, cun guión establecido, que se executan en tempos concretos pero con dixestión pública. Deste xeito comprendemos todas as propostas nas que nos incita a participar no Espazo Anexo do MARCO. Son canles á espera de palabras, voces e escritura, paredes como encerados e pantallas como muros nos que redactar; entrementres redescóbrese a parte superior desta sala, captando os sons do exterior e preguntas a un espectador sobre o seu papel na creación. Vestixios e accións, case as mellores palabras para resumir a actividade desta sala de exposicións, xa afeita ao camiño do proxecto e da estrada secundaria, a longo prazo.
Novas capturas
Curiosamente podemos comprobar parte desta liña de traballos, con obras anteriores da autora, na mostra colectiva “AP9 - A3” na galería Sargadelos de Santiago, que comisaría Cecilia Pereira e que reúne pezas tamén de Santi Jiménez, Mauro Trastoy, os irmáns Javier e Pablo Ávila, Pablo Pérez Sanmartín, Jorge Couceiro ou Silvia García, entre outros. Unha mostra que serve para seguir repasando a obra de moitos destes nomes, algúns pouco visibles no campo da creación, outros ofrecendo os seus traballos case por vez primeira mentres a maioría segue con escalas recoñecidas da súa produción. Jorge Couceiro aposta por unha composición mínima, de debuxo fragmentado, Santi Jiménez realiza unha pintura mural de referencia narrativa ou Mauro Trastoy —do cal podemos ver estas semanas a instalación “De tripas corazón” na Fundación Granell— formalizando unha ficción de tensións sociais, na sospeita e na ironía. Unha mostra que serve de pretexto de cata e visibilidade dunha parte da creación actual en Galicia, unha desas imprescindibles colectivas que non esconden a súa vontade pedagóxica, onde se ordena unha mensaxe pública, de observación, reafirmando traballos e traxectorias, todo mentres se intenta construír ese mapa do que falabamos, certamente necesario.