Soños dun vangardista
A exposición que nos presenta a Fundación Caixa Galicia, na súa sala de mostras da Coruña, do pintor Cándido Fernández Mazas constitúe un tributo non só ó artista ourensán, senón que tamén é unha homenaxe a todos os intelectuais que atoparon o 18 de xullo de 1936 o fin á súa carreira profesional.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
O caso que nos ocupa é o dun pintor nacido na cidade das Burgas en 1902, nunha familia conservadora que emigrara á capital desde o pobo de Castro Caldelas. Ainda que se criara neste ambiente, os pasos píctóricos de Fernández Mazas sempre tenderon cara ás vangardas artísticas do momento, unhas pegadas que están ilustradas en cada unha das obras e material documental e gráfico que agora se presentan nesta mostra.
Así mesmo, esta retrospectiva fainos pensar na perda inmensa que supuxo a Guerra Civil e a dictadura franquista para a xa de por sí débil cultura galega do primeiro tercio do século XX. Lembremos que ata a década de 1950 non volvemos a constatar un empuxe destacado na creación galega coa fundación da editorial Galaxia. Pero as esperanzas e vidas estragadas pola intolerancia cívico-militar xa foron irrecuperables.
En Ourense, Cándido Fernández Mazas conecta cos grupos intelectuais da cidade, a xeración NÓS, así como con Vicente Risco ou Ramón Otero Pedrayo. Realiza unha primeira viaxe a París en 1925 becado pola Deputación Provincial de Ourense, algo que se repitirá en 1927. Será nestas estadías na capital francesa onde tomará contacto coa avanzadilla da cultura europea do momento como Tristán Tzara ou Erik Satíe; nun primeiro intre máis interesado pola literatura que pola pintura, retomándoa durante os anos trinta.
Ollada polifacética
Férnandez Mazas constitúe unha desas personaxes imprescindibles á hora de estudiar a cultura dun pobo. Intelectual polifacético, ó tempo que colaboraba con caricaturas nas publicacións máis importantes da época como a viguesa Vida Gallega, tamén escribía, saindo á luz en 1930 o seu primeiro libro, Santa Margorí, unha parábola en tres escenarios. Xa en Madrid, nos primeiros anos da república, asiste ás tertulias do Ateneo, e ás charlas que Valle Inclán ofrecía na capital de España. Precisamente o escritor pobrense sentirá especial atracción polo ourensán, así o corroboran as colaboracións literarias que realizaba en La República ou La Zarpa.
Sen embargo, artista
A súa obra artística resposta á época na que foi concebida, as décadas de 1920 e 1930. Era un mestre da liña, emulando ós caricaturista do momento, nuns anos en que este linguaxe artístico estaba en plena efervescencia. As súas viñetas son dunha calidade plástica exquisita, con figuras silueteadas, curvas e de tonalidades uniformes. Entre todas as súas obras, destacar os precisos debuxos matissianos, os carteis que realizou para o teatro das “Misiones Pedagógicas” e a obra "Venta ó campo", óleo pintado en 1925 durante as súa primeira visita a París.
Co trunfo dos franquistas na Guerra Civil sométeselle a un xuizo do que sae con vida gracias os contactos da súa familia. Trasládase a vivir a Castro Caldelas, onde morreu en 1942. Ainda que a súa sorte foi mellor cá de Francisco Miguel ou Luis Huici. Os galegos tivemos que agardar medio século para coñecer a este artista, relegado ó esquecemento polo poder que saíra victorioso o primeiro de abril de 1939; esta mostra exemplar serve de homenaxe á súa obra, ó seu tempo e á arte galega do século XX.