culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Tempo para o traballo

A presentación do último libro de María do Cebreiro, editado por Galaxia, e a noticia de que Alberto Ruíz de Samaniego será o próximo encargado de dirixir o pabillón español na vindeira Bienal de Venecia, son desas magníficas novas que alimentan o noso mundo cultural; nos dous casos, exemplos de vontades do investigador no seu traballo diario, constante, desde a escrita, a poesía e a arte, a estética. Esa casualidade de acontecementos é un recurso para a ilusión, do mesmo xeito que dispoñemos as dúas entregas expositivas, construídas desde o azar, igual de distanciadas pero cómplices de Álvaro de la Vega e Ignacio Basallo, que nestes días expoñen en dúas galerías galegas. Comezamos coa noticia, detrás sempre queda o realmente importante, o traballo e o labor constantes.

Atrapade o mensaxeiro
13 / 12 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Creo que a primeira vez que atopei unha obra de Álvaro de la Vega foi na entrada do Museo de Belas Artes da Coruña, nunha visita coa facultade, e quedei recordando durante tempo a súa opción escultórica, nunha contundente dimensión espacial, de dominio temporal. Tempo despois fun poñéndolle liñas e volumes a ese encontro, para descubrilo no Museo Barjola de Xixón ou, recentemente, no Centro Cultural da Deputación de Pontevedra e no Museo Provincial de Lugo. Fun descubrindo un traballo relacionado coa materia, sempre a materia. Estes días podemos atopar as súas últimas producións na galería Espacio 48 de Compostela, nunha relación de esculturas e debuxos, nunha lectura da figuración que o destina a un capítulo de autores que revisan as grandes temáticas da escultura narrativa, desde o fragmentario e a propia referencia a motivos e iconografías. Quedamos tamén cos seus debuxos, que acompañan o percorrido entre a escultura dun pequeno cabalo, mentres acariñan un tempo privado e permiten definir o seu labor constante.

Non sei se o texto vai de achados nos espazos públicos, pero recordo o percorrido de miradas verticais nas propostas que desde hai pouco instalou Ignacio Basallo na Avda. Mestre Mateo de Compostela. Durante moitos anos fun atopándoo en individuais e colectivas, e sobre todo nun camiño de perseveranza na representación da escultura de emblema, de paradigma. Este venres inaugúrase unha nova mostra dos seus traballos, dun deses escultores que manteñen unha voz continuada no seu discurso coñecido, dialogante no estudio, no silencio, e que se manteñen nunha magnífica coherencia creativa, xa desde a década dos oitenta. Ignacio Basallo presenta as súas entregas na galería María Prego de Vigo, asistindo a un repertorio de obras que divirten nun tempo de manipulación contundente da materia, trazando a madeira de castiñeiro para despois dispoñer unha capa de aluminio. Os tempos dunha escultura transformada, de minutos prolongados. Sorprende na obra deste ourensán o emprego lúdico e efectivo da escala, que manexa abertamente en prototipos e bosquexos (tamén en debuxos en pequenas libretas), o dominio dos materiais significados ao modo de versos que se van adherindo á estrutura, resistindo na súas orixes e filosofía, que derivan nunha escultura sincera e, finalmente, na firme aposta pola plástica construída, narrada e vivida.
Ligazóns
Álvaro de la Vega. Galería Espacio 48. Rúa Villar, 48. Santiago de Compostela. Até o 7 de xaneiro. Ignacio Basallo. Galería María Prego. Luis Taboada 21 2º Esq. Vigo. Até xaneiro.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org