culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Paisaxe da nosa nutrición

Resulta máis que sorprendente seguir co dedo índice a liña de horizonte do mar, mentres percorremos un litoral de area e bastante cemento, mentres evitamos rotondas na paisaxe do verde e do ladrillo, das leiras con beirarúas e das autoestradas con cunetas queimadas. Son moitas as achegas á paisaxe que podemos ir atopando na nosa historia da arte máis próxima, por iso cada vez que recoñecemos novas entregas ou escenarios creativos, coas súas respectivas e diferentes vertentes, imos atrapando as súas mensaxes, innovacións ou, simplemente, as súas enerxías de ollar emocionado, pensativo sobre o lugar. Pintura, acción, fotografía e son.

Atrapade o mensaxeiro
28 / 11 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Cor, volume ou ruídos, esculturas de madeira e imaxes televisivas; puntos de comezo e de alternancia destes parágrafos. O dedo e a man son os métodos de achegamento de Antón Sobral á pintura, son direccións enriquecidas nunha sucesión de xestos e ritmos, masas e canles polas que ir percorrendo a súa paisaxe pictórica; a ollada e a recomposición en Carmen Chacón, desde unha deliberada xustaposición de realidade e ficción nunha paisaxe urbana, recoñecible; lugar e memoria en Fernando Casás ou lugar readaptando en Carlos Rodríguez-Méndez na reconstrución dos lindeiros de pedra dun monte queimado. Todo, mentres pechamos os ollos, e articulamos os nosos oídos nunha dirección de busca, encontro e documentación, obxectivos que persegue Escoitar.org nunha recuperación das voces da paisaxe, esa que tanto admiramos e tanto descoidamos. A imaxe e o son seguen diante, para amarralas, para facer algo máis que oílas, atrapalas.

Campos e sons no horizonte
Repetimos: son moitos dos exemplos de como achegarnos á realidade exterior, a unha paisaxe que se atopa no parabrisas, na postal ou na televisión; a paisaxe consumida, campo de festa ou destino de asfalto, e sempre colectiva. Por iso, mentres estas semanas iamos atopando diversas mostras ou obras, incluso sinxelos fragmentos achados, gardábamos esas doses de variados traballos sobre o territorio para ser, agora, bebida de relato quincenal. Advertimos o ton desde unha evocación que se nutre na cor e na emoción, de azul mar, de branco mar, de luz mar, nas pinturas que presentou Antón Sobral na sala de Caixanova; na mesma institución pero na antiga sede de Policarpo Sanz pechaba hai poucos días a entrega creativa doutro lector da paisaxe, Fernando Casás, quizais un dos máis intelixentes na captura dun pasado recoñecido no presente ecoloxista de materiais do natural, erosionados. Pensamos tamén na composición do lugar inventado, como o “De profundis” de Miguelanxo Prado, na Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, luz de Lugrís e fondos dun Hopper surreal. E tamén no entorno cotiá alterado, imaxinado, por iso recordamos os traballos de Carmen Chacón, nestes días no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, para recoñecer nas súas fotografías a tradición da paisaxe pictórica, recreada e soñada, ofrecendo un repertorio de posibilidades do real desde a ficción, do relato desde o inesperado. Mentres, trazamos unha busca na colectiva “Descubertos” no Parlamento de Galicia para recordar os traballos de Carlos Rodríguez-Méndez diseccionando o territorio, neste caso nunha recomposición dun antigo valado derrubado, nun terreo varrido polo lume. Escena do home relendo, aprendendo, rehabilitando un presente con nome de paisaxe.

Recoñécese unha volta sobre o noso territorio ou quizais nunca deixou de existir. Ultimamente atopamos novas entregas que actualizan o debate, como o ciclo de conferencias “As estruturas da paisaxe” realizado recentemente no CGAC, a publicación “Entrecruzar” deseñada por Uqui Permui e Antonio Doñate ou proxectos como Escoitar.org, que desenvolven novos artistas e músicos galegos, entre os que se atopa Chiu Longina, Juan Gil ou Berio Molina, conformando un achegamento metódico e ambicioso ás paisaxes sonoras de Galicia. Entramos na páxina web deste último colectivo e recordamos unha paisaxe esquecida, de voces de xente na beira dun camiño, quizais só identificada coas novelas dos territorios de sempre, coas lecturas dun pasado aínda existente, de interior, mentres advertimos a importancia de poñermos as lentes do antropólogo, do xeógrafo, do historiador, do paseante activo. Conciencia de lugar.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org