A pregunta e a cidade
Comezamos deixando as Casas Reais, camiño do Preguntoiro, mentres unha estrutura pseudo-arquitectónica a dúas cores sorprende diante da igrexa de San Bieito, na Praza de Cervantes. Estamos en Compostela e ao noso carón un grupo de peregrinos desaparecen baixando pola Acibechería cando unha rapaza entrega a dose diaria de información dixerida no Metro. Deixamos a cámara facer o traballo do visitante coñecedor da cidade, mentres seguimos vendo pasar estudantes, parellas e xente da praza. Asistimos a unha das propostas do proxecto de arte público “A cidade interpretada” que durante estes meses e até o 17 de decembro, distribuído en dúas fases de actuación, se desenvolve en diversos lugares de Compostela. O barrio de San Pedro, o Pazo de Bendaña, a Ruela das Hortas ou a Alameda, entre outros, foron e son os campos de traballo dos oito artistas invitados a participar, algún galego, pero sobre todo estranxeiros, baixo o comisariado de Pablo Fanego.
Atrapade o mensaxeiro
16 / 11 / 2006
Un termo queda claro na visión da arte no espazo público: construción. Queda claro que segundo se visitan pobos, se arrodean rotondas ou percorren autoestradas asistimos a unha verdadeira expansión de exemplos de arte, nas súas máis variadas distancias e narracións, dispostas nos lugares de observación pública. E debemos ter moi claro que a arte, neses contextos, non se presenta (ou así temos que demandalo) como un sinxelo final de festa ou sinxela guinda. A arte, como todo o estruturado e organizado, debe sempre manterse dentro dun programa, un esquema ordenado e establecido, relacionado co lugar, co seu presente e cos cidadáns; por iso, queda moito por pensar e facer na etiquetaxe da creación pública nos diversos espazos galegos. A arte nos lugares colectivos, como intentan demostrar moitos investigadores, ten que servir de pregunta e de ensinanza, de construción. Por iso mesmo, sentímonos proxectados nas magníficas vontades de propostas como a que oferta a Concellería de Cultura de Santiago, nunha “cidade interpretada”, que non invadida nin decorada.
Habitantes
Peregrinos, universitarios, paseantes e comerciantes, funcionarios e estudantes; xente e habitantes. Compostela posúe todos os graos posibles de aceptación dunha cidade, todos os públicos e espectadores. O presente proxecto persegue aceptar unha ollada non escenográfica da cidade, optando non por unha homenaxe nin unha extensión das súas vontades indubidablemente culturais, senón reforzando unha vertente social e crítica, preguntona; unha opción repugnante, como comentaba hai pouco Roberto Ribao na súa derradeira Postal na revista Tempos Novos. Apóstase, de forma moi afirmativa, por unha interpretación, non unha lectura nin unha observación. Non se pinta a cidade, nin se bosquexa, realízase unha campaña de intentos de rabuñar na súa pel, nos seus hábitos e horizontes. Pero sobre todo o proxecto propón unha serie de preguntas que atopan en Santiago un lugar de exposición, pero que serven de pautas de aplicación para todas as urbes e espazos habitados.
Esta correcta misión de comprender desde un tempo construído, contaminado e aberto, principalmente desde o social, compréndese á perfección con tres das oito intervencións que se deron cita nestes meses. Carme Nogueira cunha análise do social desde as prazas e barrios, facendo un traballo de contacto cos habitantes dos lugares, como un laboratorio, mantendo a pregunta sobre a utilidade que damos aos contextos públicos; André Guede, coñecido artista portugués, deseñou unha das actuacións máis amplas do proxecto: o traslado eventual da escultura de Montero Ríos desde a Praza de Mazarelos até a do Obradoiro, o lugar onde foi instalada hai moitas décadas, para repensar o feito de como se constrúe a memoria e ironizar sobre a capacidade de fractura do concepto estatuario, paradigmático. Finalmente, Apolonija Sustersic interveu na ruela das Hortas, un deses espazos nos que non existen turistas, escenario de partes traseiras dos composteláns, instalando un banco para o debate, lene e sinxelo, en oposición ás grandes estruturas baleiras destinadas á cultura.
Acentuando o termo de observación pública do que falabamos ao comezo, e quedamos cunha idea clara: a construción dunha cidade, dun territorio, pasa sempre pola construción, educación e confrontación do habitante. Sigamos paseando e preguntando.