culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Con todo, un título

Sempre que non consigo poñerlle título a un artigo, imaxino todos os comezos das obras (teatro, novela, danza ou cómic), nese momento no que aínda non se pensa no título e, moito menos, nos posibles subtítulos. Por iso, sempre propoño un xogo para visitantes: observar unha fotografía e intentar poñerlle un título, logo mirar e descubrir o título que lle puxo o autor; que coincida ou non, tanto ten, quedamos co tempo e coas narracións que trenzamos mentres observamos. No meu caso, ese xogo é algo máis que lúdico, é terapeútico. No caso concreto da mostra que estes meses podemos ver na Fundación Caixa Galicia de Santiago, non facemos máis que atopar xogadores sen sabelo, preguntando palabras diante de cada imaxe.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A mostra motivo do meu comezo é “Historia da fotografía en España”, permitindo recoñecer os graos de títulos e subtítulos que posúe a fotografía para o espectador de exposicións colectivas: títulos recreados describindo un presente histórico en imaxes, tan social coma humano, espacial, económico e político; despois chegan os subtítulos, imaxinados, describindo os centos de historias reais de cada retratado. En fin, achegas de espellos do real, prácticas, quizais como o escritor buscando un epígrafe ou o carpinteiro un martelo.

Neste proceso de escritura (e de busca dun título) descubro un libro na librería da casa; comenta unha escritora que a fotografía non é un recurso de memoria, só de pasado; comenta outra que na reprodución fotográfica, na pel, reside o tempo, o persoal e universal; finalmente unha última escritora narra o que está detrás da fotografía, rachando para comer na carne. Relendo o libro, recordaba ese percorrido construtivo e xustaposto pola interpretación dun conxunto de imaxes fotográficas, e segue a ser o mesmo sentimento que me acompaña estes días nesa mostra en Compostela e que delata unha vontade didáctica e histórica: a historia a través da fotografía en España, baixo o comisariado de Publio López Mondéjar. Unha mostra que se centra nunha vertente deliberadamente histórica e que pretende actuar de mapa do feito sociolóxico da fotografía, nunha escolla representativa desde mediados do século XIX ata achegarse moito ao presente.

Títulos nas lecturas
A exposición, dividida en tres partes, percorre precisamente o máis inmediato pero complicado da historia da fotografía en España: o espello, cristal, do social. Percorre nomes e xeografías, tránsitos en perspectivas habitadas e camiños en fuxidas; estradas principais e canles identificativas: a memoria, a emigración, o territorio, a familia, o poder, o rural, o festivo e a vivenda. A mostra traza unha liña correcta de análise do social desde o fotográfico, actuando este como fiestra aberta, diáfana e pedagóxica, coma sempre, dun tempo e dun lugar. Sobre todo, fálase de tempo, de cronoloxías dispostas en capítulos identificativos polo público, o mesmo que, sen sabelo, segue a xogar buscando títulos. Deste xeito, cada unha das imaxes preséntanse como unha sucesión de ligazóns que van prendendo unha da outra, cosendo nos estilos e nas tendencias. E sempre preguntándonos polo título, antes incluso de recoñecer o autor; e sempre volvemos sobre a imaxe para recoñecer o grao xusto de historia que posúe, a distancia co presente. E todo, coa medida coa que desde a actualidade ollamos estas fotografías.

Sobre todo, a mostra redacta algo que todos, acostumados a mirar imaxes, a ler imaxes e saborealas, incluso a fotografar relatos ou novelas, comprendemos mentres acompañamos cada fotograma como pequenos almacéns nunha película achegada. Por iso, pensamos noutra mostra que se realiza na sede da Fundación en Ferrol, “Vidas privadas” para dispoñer algo que resulta inevitable: poñerlle título a cada fotografía. Mentres, seguiremos o xogo inicial nas outras mostras presentes no proxecto Olladas’06, dirixido por Xurxo Lobato e promovido pola Deputación da Coruña. Xogos na medida xusta entre o visitante e a fotografía.
Ligazóns
"Historia da fotografía en España". Fundación Caixa Galicia. Santiago de Compostela. Até o 16 de novembro.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org