Percorridos e enlaces
De que fala a pintura na actualidade? Que posición debemos dispoñer como visitantes despois de anunciarnos numerosas mortes? Quizais a que nos propón a mostra que se ofrece estes meses no MARCO sexa a máis divertida: trazar unha liña de ligazóns e referencias sobre o pictórico na arte actual, atopándolle as súas fisuras e enlaces con outras áreas, situala nese mesmo plano de dúbida que debe de ter toda creación. Veremos como segundo paseamos polas obras, cambiando de rexistros e discursos, iremos enriquecendo a nosa ollada sobre todas as pinturas, mentres mutan, mentres narran. Serán os ritmos dunha pintura expandida, para logo seguir buscando preguntas nas últimas obras de Bosco Caride no Centro Cultural da Deputación ou nas novelas gráficas expandidas de Alberto Vázquez no Museo Municipal, en Ourense.
Atrapade o mensaxeiro
18 / 10 / 2006
Ritmos e narracións
Hai unha semana descubriamos as novas propostas do comisario Ignacio Pérez-Jofre no MARCO, mentres repasabamos as obras de Teo Soriano, Bosco Caride, Cidrás, Verbis, Teresa Moro, Din Matomoro ou Juan Ribas, entre outros, na colectiva “Pintura mutante”. Sobre todo, esta visita servíanos para seguir investigando na traxectoria de moitos deses autores, algúns galegos, e que se atopan entre os máis interesantes no momento. Tratábase de volver a percorrer a obra de discursos coñecidos pero todos enleados nunha mesma trama de tese sobre o pictórico no presente. Observar a pintura e a súa dixestión con outras disciplinas e poéticas, o pretexto perfecto de actualidade que vén ofrecendo o museo desde a súa creación, atento ás preguntas da arte contemporánea. Obras como as de Nolo Bandera, o citado Bosco Caride ou Manu Muniateguiandicoetxea, incluso Toño Barreiro, discorren nese territorio da composición estudada, construída e sen condensar, almacenando as capas e os murmurios do proceso de creación; todo sen desligarse da magnífica contaminación de diversos enlaces, desde a fotografía, a cinematografía, a televisión ou os tons narrativos, perfectamente claros, en Enrique Martí. Por iso serve esta mostra que se celebra no primeiro andar como un perfecto exemplo de investigación nas moitas obras e nos moitos tempos da pintura na actualidade en España pero, tamén, de achado de nomes silenciosos, para poñelos na súa xusta altura de análise e interrogación.
Cidade escenario
Case todas as leccións aprendidas no MARCO sérvennos de premisa para seguir desvelando varias vías de entrada ou saída do pictórico: Bosco Caride e Alberto Vázquez, respectivamente. Nesta busca entramos no Centro Cultural da Deputación de Ourense —onde puidemos ver mostras tan interesantes como as de Ánxel Huete, Ángel Cerviño ou os certames do Premio de Artes Plásticas— para dilatar esa vertente pictórica do fotográfico e do urbanístico, do debuxo, percorrendo a última obra de Bosco Caride. Este autor, que vén de ser recoñecido cun dos premios na última Mostra Unión Fenosa, sobresae pola súa sinxela forza compositiva, relacionada coa técnica e sen desligarse do motivo, relacionado cunha factura precisa de realismo, elaborando cadros de aparencia fráxil, realizados en lapis acuarelable, que se recoñece nesa sensación de erosión ou eventualidade narrativa. Por iso, será a temática a que termina de concretar esa vontade relacionada co debuxo, mentres percorre espazos da cidade ourensá afastados dunha ollada tópica, para insistir na escenografía da cidade, do tránsito e do recoñecible pulso dinámico, vivido, dunha urbe. A mensaxe reside nas olladas á súa cidade sen habitantes, nunha sala pintada de gris, mentres os cadros se pousan sobre o chan ou se dispoñen secuenciados como nun trávelin urbano, de secuencias, non de repeticións.
Relatos con fondo ilustrado
Como punto de saída deste repaso, digamos, pictórico atopamos a obra de Alberto Vázquez na primeira planta do Museo Municipal, dentro da programación que se desenvolve estes días no programa “XVIII Xornadas de Banda Deseñada de Ourense”, e onde podemos ver os traballos de Miguel Porto, Manel Fontdevila, o colectivo Polaqia ou do certame Injuve. A produción de Alberto Vázquez sobresae pola atractiva sucesión de excelentes traballos editados, desde o “Fanzine enfermo”, e os álbums “Alter ego” editados por Polaqia, “Freda” (con Kike Benlloch como guionista) ou o máis recente “Psiconautas” da coñecida editorial Astiberri. Nesta mostra descubrimos un autor nesa perspectiva diferente da exposición, nunha novela gráfica expandida nas paredes, tremendamente suxestiva, recoñecendo a súa magnífica técnica de debuxo e grafía definida; e testemuñamos sobre todo nunha narración complexa, aberta, de mundos imaxinados, de seres mutando nunha paisaxe resistida e inventada. Quizais o que mellor resuma esta mostra estea na captura dun noso observador, afastado ou non da banda deseñada, que redescubre un relato de debuxo, de creación en formación.
Podemos seguir todo o proceso, ademais da propia evolución diaria da banda deseñada en Galicia no recentemente creado “Lab Ou – Laboratorio Galego de BD Experimental” ou no sempre referente e paradigmático portal de DB de Culturagalega.