Pequenos anacos do real
O Edificio Sarmiento, unha da partes do Museo de Pontevedra, acolle durante todo este mes de agosto a exposición Novos Valores. Máis que coñecer novas figuras, algo que está por ver, o recente certame permite coñecer as novas vías polas que se encauza a arte galega deste novo milenio.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
A arte galega, nacional ou internacional non pode existir sen as diferentes plataformas de promoción e difusión; estes eixes creativos focalízanse perfectamente nos diversos certames ou premios de arte xove, aqueles que escollen entre unha realidade variada, realizando unha escolma e ofrecendo o máis representativo, que non quere dicir que sexa o mellor, senón unha das moitas opcións. Certames dos artistas máis novos tan coñecidos, a nivel nacional, como o L’oreal, Injuve ou Marcelino Botín, que se suman ós galegos de Unión Fenosa, Cambre, Isaac Díaz Pardo, Auditorio de Galicia e o presente Novos Valores.
Tecer novas redes
O certame deste ano sobresae por mostrar a dialéctica da arte actual, pero sobre todo por facer unha selección entre as sensibilidades contemporáneas; o espello parecer ser unha perfecta metáfora, motivo iconográfico de moitos dos artistas e simil do reflexo da arte, en contínua viceversa. Tamén funcionan como referentes temáticos os círculos concéntricos, que actúan como forzas creativas que se enfrontan e fusionan. Neste intre é onde atopamos a maioría dos artistas, xogando entre diferentes disciplinas, autores que comezan na pintura e rematan na fotografía, e ó contrario, outros fano desde a escultura. Pero sobresae o camiño adoptado por moitos que empregan a videoarte despois de experimentar na pintura, na escultura, mesmo na fotografía; este eixe híbrido parece ser a dirección obrigatoria do actual.
Esta edición, como outras, preséntase como un corte transversal da árbore da creatividade galega: preténdese realizar un corte, conxelar unha sección, non diseccionar, senón presentar pluralidades.
Flashes do real
Amósanse as novas tendencias saídas da revolución tecnolóxica pero o retrato, como reflexión da identidade, segue a manter a súa importancia iconográfica. O video poténciase nas obras de Diego Vázquez, Ana Isabel, Patricia Dopico e o equipo formado por Estela Vaquero, María Queiruga e Edita Rodríguez; será a fotografía a que realiza unha ponte entre movimento, retrato do íntimo e os procesos pictóricos: Patricia Dopico, Jorge Blanco, María Moreno ou María Teresa Rigueira. O concepto plástico enmarca as obras de Samuel Castro, Cristina González, Isaac Cordal —unhas das mellores obras da mostra—, Jose Ángel Zabala, Jorge Varela, Rosendo Cid Menor, Nuria Garrido e Carlos Gómez. O artista volve á historia da arte, a obra de Diego Santomé faino desde a crítica. Mentras, a pintura segue con forza como outro eixe do contemporáneo, Francisco Seoane Díaz desde o debuxo, Fruela Alonso desde a abstracción e Francisco Javier Ben, Mercedes Cabada, Santiago Del Río, María Peña e Brais Rodríguez desde a nova figuración. A linguaxe complexa, híbrida, asina o epílogo deste percorrido, como ilustra a obra de Monserrat Frieiro.