De lados e cantos
Sempre resulta inesperado abordar unha proposta de lectura do rural, e moito máis cando se ofrece enleada coa ollada persoal; resulta tamén estraño, sempre resultado dunha vontade pouco explorada e moi esquecida. A cultura contemporánea apenas mira ao contorno rural, o que se desvía das lecturas de primeira división; por iso atopamos na proposta de Eduardo Valiña, con moitas máis riquezas argumentais, un magnífico exemplo para repensar e presentar esa tendencia lateral, con cantos e sen lados.
Atrapade o mensaxeiro
3 / 10 / 2006
Eduardo Valiña demostra algo que non se atopa con facilidade na creación galega: a recollida dos valores que se recompilan entre as mans, perdidos ou erosionados, os valores da paisaxe, do ser humano no seu cortorno, da memoria e do sentimento de perda. Pero antes que almacenar, Eduardo disecciona un territorio explorado entre as fiestras, os muros, as paredes encaladas e as casas detrás de leiras cultivadas, detrás de carballeiras xunto a estradas. Antes ofrece un corpo, unha natureza, a persoa, a xente e o presente. Antes constrúe un relato que se relacionada nunha traxectoria de relectura e autoafirmación. Por iso pensamos que non se trata de almacenar, nin de estruturar unha despensa para recordar o rural; en Eduardo atopamos os seus habitantes, os vestixios que van aparecendo nesas buscas arqueolóxicas. Trátase de comprender o tempo e a liña de argumentos que penduran del. Reflexións sen deixar de impulsar, de buscar.
Carne sen lados
O sentimento de perda, que como moi ben se indica, pegouse á traxectoria do artista nestes últimos anos, segue perfectamente activo nesta mostra. A invitación que lle solicitamos ao mensaxeiro, nesta ocasión, reside nunha dobre dirección: habitar un corpo e alimentar a memoria. En poucas ocasións ata esta exposición vimos tan claras estas dúas ideas, retratar unha presenza e ao mesmo tempo identificar cun emblema a súa proposición expositiva. Igual que non almacenamos, pensamos antes na pel que na carne, na fachada que no sangue; pero Eduardo consegue darlle a volta ao relato desde un comezo de fotografía clara, unha parada na figuración escultórica —un pequeno moneco prototipo dunha supervivencia— e un final, que funciona de labazada de comezo, no vídeo que podemos ver no fondo da galería: a natureza de traveling do ser humano, pegado á terra, vivindo. Poucas veces asistimos a unha mostra tan cíclica, que se nutre continuamente das preguntas das obras e que conecta directamente co espectador. Atopar unha ponla de toxo amarrada entre os dentes, para logo denunciar o corpo cunha nova pel de espiñas de roseira ou ver aumentar a sensación de supervivencia, de certa angustia. Cando os soportes funcionan de relatos con carne de fotografía, de goma ou aire proxectado; de carne, dentes e espiñas. Despois do título “Para sempre” comprendemos como se resume un momento da vida.
Aproveitando esa filosofía de recuperación, de recoñecemento, percorremos a distancia desde a galería até o Cruceiro de San Pedro para dispoñer unha segunda invitación neste texto na nova proposta da coñecida artista Carme Nogueira. Un traballo que desenvolveu durante o últimos meses e que tivo un pretexto de presentación social esta pasada fin de semana cunha intervención nas dúas prazas do barrio de San Pedro. “Que facer coas nosas prazas” insírese dentro do proxecto “A cidade interpretada” que se desenvolve estes meses en diversos espazos en Compostela baixo o comisariado de Pablo Fanego e co patrocinio da Concellaría de Cultura. Unha idea aberta, esencialmente arriscada na súa inxección social, na mesma liña que explora na mostra que podemos ver na galería Adhoc de Vigo, pero neste caso demandando unha recuperación do espazo público como un lugar para habitar, respirado, cidadán.
Cando a investigación insiste nun tempo social, con cantos e sen lados: así subliñamos a Eduardo e Carme e así seguimos descubrindo o innovador proxecto nas rúas, patios e prazas de Compostela. Interpretando.