Cartos, benditas condenas
Despois de pensar que o verán parecía algo infinito, pechado entre paredes de casas e libros, dispuxen un novo sentido ao prezado material monetario, fragmentado nunha sucesión de euros e céntimos: alimentar e enriquecer un tempo libre. Mentres somos axentes de intercambios comerciais, polas nosas mans pasan centos de ideas cheas de valor, de efectividade, e nunca nos paramos a pensar neses cartos como obxectos, como material, como o son os ladrillos ou o cemento, o óleo ou a auga.
Atrapade o mensaxeiro
19 / 9 / 2006
Nestes días de setembro nos que non podemos máis que ver pasar horas e minutos, comentamos unha mostra que pecha as súas portas esta semana e que protagonizou un exemplo de novidade comentada na programación galega deste verán. Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979), autora da proposta que se presenta na Fundación Laxeiro de Vigo, vén reforzar ese mesmo sentimento de atracción, sedución, que dispoñemos diante do elemento monetario. “En efectivo” permite achegarnos sobre todo a unha idea, unha sucesión de intentos e proclamas que a artista ofrece nunha mirada crítica á funcionalidade do diñeiro na sociedade actual. Intermediaria.
Tempo monetario
Deste xeito, a mostra componse de todos aqueles exemplos construídos que a autora considera posibles tendo como única base material o emprego de diñeiro. Así, comeza unha sucesión de pequenos manifestos compostos, desde un sentimento de sinxela distancia coa materia prima empregada ou mediante un achegamento cómplice e irónico. Serán eses dous apartados os que se sorteen entre fotografías de billetes, videocreacións de performances realizadas pola autora na rúa ou pequenas intervencións escultóricas, case emblemas, como o pequeno peto de cristal onde o espectador contribúe cunha esmola voluntaria. Como base desta mostra atopamos moitas outras propostas desenvolvidas por diversos autores tendo como material o elemento monetario, quedando esta sucesión de proclamas como un exemplo de proceso dentro dos traballos de Amaya González, afeitos a un sentimento de dúbida e pregunta, de certa irresponsabilidade deliberada e crítica, como puidemos ver nas obras presentadas nas colectivas “Eu, Museo” ou Urbanistas no MARCO, o III Premio Auditorio de Galicia ou Residentes’05. Quizais as respostas queden, unha vez máis, na vontade de comprender e interrogar aos visitantes. Condutas e posibilidades do cidadán, mentres a artista senta nunha beirarrúa e intercambia valores con nomes de billetes.