culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A memoria dos fragmentos

Existe un tipo de mostra que descorre silenciosa e discreta, sen a poeira do motor do verán. De novo visitamos a Fundación Granell para coñecer a proposta “Dons da intemperie. Poéticas obxectuais do elemental”, unha exposición colectiva que define xustamente o que describe o seu título: reflexionar sobre o exterior desde a ollada e desde o argumento do persoal e do mínimo.

Atrapade o mensaxeiro
27 / 7 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Dons da intemperie recupera iso que damos en chamar a poética dun lugar, a ollada consciente e crítica da nosa contorna. Baixo un proxecto de Eugenio Castro, coñecido artista e crítico, ten lugar a presentación dun conxunto amplo de pezas que descorren desde a clave de poética exterior levada ao territorio do persoal, ao territorio construído. É precisamente nesa canle de seguimento, desde a intemperie, desde a perspectiva pública, onde esta mostra recolle toda a súa peculiaridade e onde se demanda a atención do espectador coa única mensaxe de revisión e relavado de miradas, de diversas miradas da creación. E como a técnica e procedemento fala de relectura, recorremos ás lembranzas para aclarar a nosa/túa visión do exterior.

Primeira lembranza
Desde hai tempo que vimos significando esa tendencia da arte pictórica que resiste na mínima escala, desde a intensidade da propia pintura, do formato, dos pigmentos, do retrinco, do territorio dun palmo de man. Richard Tuttle ou o noso máis inmediato Teo Sotiano son exemplos dese tempo mínimo desde a creación, dese relato detido, concentrado, case despois da batalla. Comezamos por esta referencia coñecida para advertir as magníficas obras de Luis Fega que se presentan nesta mostra; desligadas en parte dos seus traballos de maiores formatos, deposita nestas pezas a súa produción de marxes que se escapan, os obxectos escollidos e sen depurar que se pousan sobre pequenas parcelas desfeitas, pero que provocan, como no caso de Santiago Mayo, esa sensación da escala en potencia, da mesura do prototipo, de fraxilidade. Nin que dicir ten que estas pezas son magníficas, desde a escultura ou a pintura, nesa organización do artista de vontade íntima, de escritorio, de estudo, dixerindo a intemperie, na resistencia.

Segunda lembranza
Desde hai tamén algún tempo que seguimos as lecturas da reciclaxe; recoller do público os fragmentos, as “poéticas obxectuais do elemental”, segundo reza o subtítulo da mostra. Do mesmo xeito que un Tono Carbajo ou un Manuel Bouzo nas súas colaxes de pintura, recordamos os traballos de Nieves Viorreta, Jaime Martínez del Río, Evaristo Belloti, Carmen Algarada ou Fernando Baena. Serán soportes para invadir o tempo colectivo, mediante o obxecto, a reciclaxe ou a relectura, mediante o puído dunha pequena escultura ou a parcela discreta do silencio. Serán novas formas de readaptar o ritmo do poético, evidenciando o seu tránsito, o seu traxecto de non-depuración do material: da pel de visón, da madeira, do vídeo, do barro ou do cristal; sempre elementos da memoria, onde reside a coherencia da tese de Eugenio Castro, nese lúdico argumento do sentimento, da aparente inutilidade, da pobreza.

Finalizamos o noso percorrido interrompidos pola obra de Jordi Alcaraz, nesa capacidade de reconstruír o fragmento nunha composición case surreal, case de paisaxe. A súa magnífica fisura defínese nunha contundencia de icona. Un complemento que serve para agrupar a vontade da mostra, nesa sutileza e control da pintura organizada na mínima distancia, dos retrincos de povera, de surrealismo, pero sobre todo, da memoria dun lugar que nin quere nin descoida a súa lectura, a súa mirada aparentemente inútil, incómoda, fragmentada. Quizais aí estea moito do necesario alimento do día a día, como a mensaxe de María do Cebreiro no último número de Grial: “(Reparte o pan. Fai sangue. Non lle importa perder)”.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org