culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Unha visión do papel dos seres vivos na natureza

A canción da vida é unha fuga que se repite de maneira incansábel desde hai varios miles de millóns de anos. No último século as ciencias físicas e biolóxicas aportaron, pola primeira vez na historia dos seres humanos, coñecementos fundamentais que nos permiten ter unha filosofía da vida baseada en datos concretos, obxectivos, non en disquisicións místicas. Este coñecemento –o coñecemento en xeral– aporta liberdade, ar fresco para a mente que permite gozar con optimismo da natureza –humana e non humana–.

24 / 5 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Conciencia global
Os seres humanos estamos feitos de anacos de estrelas, literalmente, aínda que neste caso a crúa realidade tamén resulta ser poesía. A vida no planeta Terra é un fenómeno apaixonante e estraño; estraño incluso para nós mesmos, xa que logo duns 500 anos de ciencia aínda nos costa comprender a relación que temos co medio natural. O coñecemento da natureza humana é unha das mellores ferramentas que podemos usar para solucionar este problema, que é tanto físico como filosófico; un terríbel baleiro que, agrandado por esas fábricas de ignorancia que son as relixións monoteístas, impídenos descubrir a importancia da nosa relación co planeta que habitamos, unha relación que ten que ser de goce e de respecto.

A globalización é unha obviedade desde o punto de vista biolóxico; Vigo e Montevideo –ou calquera outro lugar do planeta–, están intimamente relacionados porque forman parte da biosfera, a capa da Terra ocupada por seres vivos. Todos nós, marabillosos bichiños termodinámicamente anómalos, estamos intimamente relacionados co resto da biosfera (e tamén co resto do Cosmos, comezando pola Vía Láctea –a galaxia na cal vivimos– e o Sistema Solar –o barrio que ocupamos da galaxia–). Parece mentira que aínda agora estemos comezando a decatarnos disto e a actuar en consecuencia.

Coñecernos a nós é coñecer o universo
Un dos síntomas deste "descubrimento" foi o florecer da conciencia ecoloxista das últimas décadas, que levou á popularización da idea do planeta Terra como unha complexa maquinaria da que todos os seres formamos parte: científicos como James Lovelock e Lynn Margulis afondaron nos anos 70 neste concepto de sistema global ao que chamaron Gaia. Mais xa moito antes, en 1926, o científico ruso Vladimir Vernadsky publicou un libro esencial na historia da ciencia, "A biosfera", no cal describía con moita precisión –para a época– as relacións da materia orgánica e inorgánica co resto do cosmos (cousas da política: este libro e o seu autor, agora moi apreciados e respectados polos científicos da vida, foi ignorado durante décadas. Aínda agora as traducións que existen son escasísimas; a que teño eu é a primeira que se fixo ao inglés, nada menos que en 1997!).

Non existe, por tanto, maneira de construír unha sociedade avanzada –e duradeira– senón é en harmonía co medio ambiente, porque nós tamén somos medio ambiente. Mírate; a túa pel, as unllas, os pelos, e tamén o que non ves –arterias, intestinos, músculos, neuronas, etc–, todo o que forma o teu corpo son moléculas, constituídas por átomos como o carbono, hidróxeno, osíxeno, nitróxeno, calcio, ferro...e uns cuantos máis. Estes elementos proceden do Cosmos, co que todos estamos intimamente emparentados, e esa unión ancestral perdura, porque aínda agora seguimos dependendo das estrelas, en concreto do Sol, que é a que temos máis perto.

Enerxía global
A vida en Galiza, en todo o planeta depende, día a día, do Sol. Este astro emite enerxía en forma de radiación que é absorbida polas plantas, coa cal fabrican moléculas orgánicas,como os azucres, que serven de fonte de enerxía aos animais. Os átomos que forman todo isto son compartidos, co paso do tempo, por plantas, animais e materia inorgánica; é como si entre todos formáramos un grande organismo no cal a dixestión tarda en facerse centos ou miles de anos. Debido a isto é importante ser consciente de que calquera modificación significativa que os seres humanos causemos na natureza sempre vai a influír en nós mesmos. Sempre, porque somos a mesma cousa. Para comprender isto un pouco mellor podemos, por exemplo, seguirlle a pista a un átomo de carbono.

Dando voltas polo planeta Terra
O ar esta cheo de átomos de carbono (vou escribir C para simplificar, que é como fan os químicos), moitos deles formando parte dun gas chamado CO2. Resulta que as plantas están moi interesadas en captar ese C, de tal xeito que utilizan auga e a enerxía do Sol para dar lugar a unha reacción na cal collen o C do CO2 e o incorporan a outra molécula, como por exemplo a glucosa. As plantas son fábricas de sustancias nutritivas; ademáis, ao mesmo tempo, liberan ao ar osíxeno molecular (que os químicos escriben como O2). Os animais vivimos porque respiramos O2 e comemos sustancias enerxéticas como a glucosa, por iso dependemos totalmente das plantas. Os seres humanos temos C por todas partes; é un átomo fundamental que obtemos da atmosfera polo método que acabo de describir. Mais ese C nunca está quieto. Podemos botalo de novo para fora cando expiramos (tomamos O2 e botamos CO2) ou tamén cando expiremos (ao morrer): o noso corpo descansará no cemiterio e, co tempo, a materia orgánica da que estamos formados voltará á biosfera; os átomos estarán de novo a disposición dos seres vivos de xeracións futuras.

Os científicos teñen calculado que cada átomo concreto de C fai un ciclo completo (plantas-animais-atmósfera-e de novo ás plantas) cada 200 anos. Este movemento continuo da materia está sendo alterado pola especie humana, de tal xeito que o C que hai na atmosfera en forma de CO2 aumenta de maneira preocupante .Pensa que, en condicións normais, o CO2 atmosférico non debería aumentar nin diminuír, senón que o absorbido polas plantas compensaría ao emitido pola materia orgánica en descomposición. Mais, os vexetais cada vez absorben menos (polo simple feito de que cortamos demasiadas árbores) e a combustión de materia orgánica (petróleo, gas natural, etc) emite máis do normal; resultado: hai unha acumulación anormal de CO2 que modifica o ciclo natural.

O do carbono é só un exemplo de como todos formamos parte dese grande organismo chamado biosfera (ou Gaia, ou como se lle queira chamar), e tamén de que a actitude de cada un de nós cara a natureza ten que ser de respecto, porque todos somos natureza.


(Unha versión deste artigo foi publicada na revista da asociación cultural “Tarandeira” de Ordes, A Coruña).

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org