culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Os intermedios

Arturo Fuentes e Azucena Vieites pertencen á xeración de novos artistas que, desde diversas xeografías e disciplinas, apostan pola creación na, non sempre comprendida, situación de pausa, de intermedio. Ata mediados de mes temos tempo para descubrir os últimos traballos que ofrecen a galería ad hoc de Vigo.

Atrapade o mensaxeiro
9 / 5 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Non sei se será pola sempre recorrente necesidade de comunicar, de emitir, de avanzar, pero algo existe na arte actual que queda incuestionable: a necesidade de presentarse diante do espectador, construíndose para logo desdebuxarse, facéndose presente para despois interrogarse, para despois calcular a distancia e tomar as nosas propias decisións; nesa intención de entrega e recepción, sen disciplinas digamos definidas, é onde se localiza parte do que podemos chamar unha creación axeitada, atinada, neses parámetros que sempre demandamos. Son os traballos que se ofrecen sen unha dimensión incuestionable, para alimentarse e tamén equivocarse. Por iso, a nós, aos espectadores, aos visitantes, está dedicada a mostra que estas semanas ofrece a galería ad hoc de Vigo. Un ofrecemento que, loxicamente, se distancia da primeira e moi importante cuestión mercantil, estamos nun espazo de comercio e venda de obra de arte e ao axente visitante está dirixida toda esta escenografía. Hoxe pretendemos parar nesa localización que presenta a obra de arte que pensa no espectador, e que se vai formando mentres medra e se cataloga: quizais nada como o debuxo (e máis estes primeiros anos do novo milenio) e a creación, digamos, experimental e deliberadamente tanxencial da arte tecnolóxica.

Debuxo coma intentos
Azucena Vieites intenta non sorprender, intenta non pensar que a arte se deixe atrapar pola catalogación, nese pensamento que non é medida na dimensión, véndose máis na que se destila improvisada. Por algo será que vén de publicar a revista Exit Express no seu último número esa mensaxe de “Hazme un dibujo, por favor”, nesa sensación de inferioridade na que sempre se mantivo a área do debuxo, nunca (por sorte) convertida en arte maior, sempre nese proceso de captura e irregularidade. Quizais aí resida a súa impresionante situación actual de presenza nas plataformas culturais, que vimos significando nesta sección desde hai tempo.

Azucena Vieites, como podemos ver en todo o percorrido pola mostra na galería, ofrece todas as facetas que o debuxo procura nos espazos expositivos, desde a curiosidade do fragmento, a dispersión de temas e motivos, a fraxilidade da autoría e a lixeireza de carga da responsabilidade. Son instalacións como o mural que atopamos na entrada, nesa forma de dispoñer os debuxos e bosquexos como na nosa propia habitación, sen aparente esquema e sobre todo sen aparente discurso, formados por escalas diferentes, nesa mesma intención que ofertan autores como Abi Lázkoz, Francesc Torres, Fernando Renes ou Raymond Pettibon, entre moitos outros. O debuxo peta nas marxes para seguir desfiallando a situación expositiva da arte. Quizais a pregunta se localice: cando remata a acción de petar? Cando se peta desde dentro? Algo que, a día de hoxe, nin relativiza nin cuestiona esta tendencia do debuxo actual.

Tempo e arte coma intentos
Arturo Fuentes intenta non sorprender. Ofrece este autor —do mellor que podemos localizar na creación actual galega— na planta soto da galería a inusitada labazada definitiva ao espectador, para quen está dirixida esta mostra, este fragmento de obras instaladas. A súa cuestión, que comeza nunha ambigua “¿Carne ou peixe?”, que pretende dispoñer diante do visitante a pregunta nesa incerteza da opción, sobre a necesidade ou non do gusto, do criterio na obra de arte. Onde reside a valoración dunha determinada obra? Onde comeza e remata a actuación do artista? E a misión do visitante? A súa imaxinativa acción de petar nos límites localízase no emprego, primeiro, dunha metodoloxía e procedementos que derivan da arte tecnolóxica, en máquinas e artefactos construídos, e, segundo, na propia demolición dos piares da arte actual, atacando ás categorías establecidas, de autoría e de recepción. A arte que interroga, desde o cuestionamento de pensar que visitamos unha exposición, unha relación de obras e debemos preguntar sobre o que se nos ofrece e o que estamos observando. Pero, que vemos?

Cando a arte se atreve cos intermedios, e cando o espectador se atreve a preguntar.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org