culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Selección: puntos de tacto

Achegámonos a unha mostra colectiva chea de suxestións, nese proceso de “Arquivar tormentas” que o CGAC presenta estes meses, mentres deixamos levarnos pola mirada, cinematográfica e narrativa, de Miguel Anxo Fernández.

Atrapade o mensaxeiro
26 / 4 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Debe resultar difícil rexistrar algo efémero, algo que se escapa e que, sen embargo, se quere recordar. Por iso botamos man da fotografía ou do cinema, entre outros soportes técnicos que temos e manexamos. O visual, no fragmento, rexistra tamén as tormentas, as caídas ou os saltos ao baleiro e as paisaxes imposibles.

Detrás do verde organizado de Bonaval, existen poucas cousas máis alimenticias que sentarse diante dunha pantalla na que se proxecten imaxes ao ritmo dunha narración ordenada e suxestiva. Así sucedeu na conferencia que o martes impartiu Miguel Anxo Fernández no CGAC; ese tipo de discursos pensados desde a experiencia, nun repaso amable e entregado de máis de cen anos de historia do cinema, estruturado desde a perspectiva do observador e, sobre todo, do historiador que atopa e organiza emocións, pausas poéticas, compostas. Atopámonos coa achega ás súas imaxes, ás súas instantáneas de fotogramas; aquelas que, para este investigador, funcionaron como paradigmas na historia do audiovisual, cos seus respectivos fíos de innovación, nun coidado repertorio desde Antonio Román ata Francis Ford Coppola ou David Lean; panorámicas de “Doutor Zhivago”, de “O home e o home” ou nas inusuais perspectivas do “Diaño sobre rodas”. Personaxes e paisaxe, personaxes e historia. Nos puntos de vista, a súa particular ollada, a súa selección. Quizais nada distancie esta perspectiva de selección do que pode ofertar Seve Penelas coa mostra que comisaría e que estes meses se presenta na planta baixa e soto do centro: “Arquivar tormentas”, nun achegamento ás coleccións do CGAC e da Fundación ARCO.

Retratar o impulso
Non queda dúbida, “Arquivar tormentas” pertence a ese tipo de opción que se fortalece na iniciativa, na fronteira entre a mostra que analiza e a que rexistra, a que retrata a incuestionable misión de atrapar a memoria e a que expande lecturas, preñándose de múltiples saídas. A mostra que recompila as tormentas. Seve Penelas —coñecido crítico galego que desde hai anos traballa fóra de Galicia e que vén de deixar o seu posto na revista EXIT para aceptar o cargo de Subdirector de Cultura do Instituto Cervantes— relocalizou o contido de dúas coleccións na mesma plataforma que Miguel Anxo Fernández coa conferencia: a experiencia e a forte entrega, a mirada, cara á creación. Os dous “relatorios” ofrecen unha panorámica pegada ao espectador, nun agrupamento de instantes, de fragmentos na trama da historia, para desvelar explicacións, intentos, poemas, libros, apuntamentos, medos, obsesións, caídas, triunfos e paisaxes. Para explicar non tanto as tendencias nin as etiquetas, como as interrogacións e as posibilidades de lectura; tamén diso fala unha colección. Comprender a obra de arte, a imaxe, non como unha caixa pechada nun almacén, senón nesa constante misión de petar e petar na mirada do visitante, do observador.

Quizais por iso mesmo, cando nun fotograma da película “O quinto elemento” a protagonista dá un salto ao baleiro, non deixamos de comparar os milleiros de saltos ao baleiro das obras cando saen da membrana da súa intimidade e se colocan diante do espectador. Necesarios saltos ao baleiro, como arquivar tormentas ou escribir no aire.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org