culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Amosar a carne, nin tan sequera

Dentro da longa viaxe que traza a escultura universal, Auguste Rodin permite asomarnos ó balcón da arte que mudaba facianas a finais do XIX, a mesma que agora podemos admirar na mostra que a Universidade de Santiago de Compostela presenta en dúas sedes, a Igrexa da Compañía e o Colexio de Fonseca.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Auguste Rodin foi un dos máis importantes escultores que exemplifica o paso do século XIX ó século XX, perfila e sintetiza a profunda liña que marcaba o sentimento romanticista, a forza realista, a maxia modernista, a luz impresionista e as posibilidades da opción expresionista.


Escolma de paixóns

Rodin ensina a nova escultura, pecha portas ó sentimentalismo e vaidade anterior e descobre un novo xeito de modelar, de esculpir sombras e luces. Nesta mesma liña é xusto comparalo a outro xenial autor, Medardo Rosso, que, como se demostrou na mostra presentada hai uns anos no CGAC, iguala e mesmo supera, nos xogos lumínicos impresionistas, ó mestre francés. Pero Rodin persiste sendo un maxistral modelador do humanismo, na súa sutileza na factura, na delicadeza de augas, tensións, corpos e materias. O mesmo que soubo traducir en bronce ó Ovidio das Metamorfoses, ilustrar o ebrio mundo de Dante no seu Inferno e entender, envolvendo tramas ambíguas ó redor das Flores do Mal de Baudelaire. Unhas fontes que non barroquizan o resultado, senón que esquivan calquera literatura, rexurdindo nunha nova orde, chegando a ser clásica, da escultura.


O drama da carne

Deténdonos na mostra, non descobre nada novo, pero si adoza os nosos ollos de historiador da arte, volvendo ó presente e provocando renovadas admiracións. O ton pedagóxico que presenta a exposición amosa debuxos e fotografías que permiten contextualizar as obras no estudio do autor, as mesmas que agora podemos ver no noso mesmo espacio, cen anos depois. Volvemos a rodear, antes coa mente, esculturas de vulto redondo, iconas da historia universal, a fermosa Eva, o hermético Pensador, o altivo Balzac, os diferentes estadios dos Burgueses de Calais e as Portas do Inferno, presentadas nas dúas maquetas que lle foran encargadas ó propio escultor no 1880. Coñecido o contido, serán máis interesantes aquelas esculturas que dialoguen co espacio. Rodin retrata un mundo coñecido, homes e mulleres que sobrevoan a nosa memoria, enxuízan a historia e fan chiscadeiras á mitoloxía, nunhas obras que se deixan atrapar por luces e sombras, desproporcións, sensualidades e latexos carnais.


O percorrido está deseñado para que o espectador avance por entre bosquexos, esbozos, probas e obras definitivas, que o ritmo sexa o trazado pola propia evolución creativa. Ó final, no altar da Igrexa da Compañía, o gran Bico fai repousar as tensión de mans, pernas e ollos, unha caricia que aperta a liña helicoidal e rabuña as paixóns dun tempo nunca esquecido.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org