A acción: corpo aparello
Unha das presenzas máis novas da performance actual en Galicia, Rita Rodríguez, presenta na galería DF de Santiago as súas últimas propostas de acción, restos de esculturas, fotografías e vídeos nas que o corpo serve de único segmento de relación e inter-experiencia creativa co público.
Atrapade o mensaxeiro
12 / 4 / 2006
Tres contos e unha pausa para a obra presente. Este podería ser o comezo real desta proposta expositiva que se ofrece desde a interacción, a sinxeleza e o repouso, canles de encontro coa obra de Rita Rodríguez que estes días podemos ver na galería DF situada na Rúa de San Pedro. Antes de continuar debemos recoñecer o traballo, silencioso pero constante, que está desenvolvendo este espazo, nunha imaxinativa traxectoria de camiños tanxencias, aparentemente sen destinatarios, pero innovando desde, por exemplo, a sinxeleza do debuxo de Ignacio Goitía, a imaxe de “Vídeo á carta” ou a ironía de Rubén Santiago hai uns meses, que fan do lugar un tempo expandido que se dilata fóra dunha pequena dimensión de metros. Rita Rodríguez consegue que o relato se pense no espazo, pero se alimente dun xeito incorrecto, petando en novos lugares, novos públicos e, sobre todo, escenarios da arte que se presentan diante do proxecto do artista, esta vez desde a acción e os modos de expandila e facela pública.
Os lados da acción
Curiosamente a performance, cun pouca experiencia no ámbito galego, vén de ser motivo de discusión nas magníficas xornadas “A acción a debate” no CGAC, coordinadas por Carlos Tejo con motivo da mostra de Roman Signer. Analizouse, ademais das súas narracións e liñas de intención, a súa historia e estado da cuestión na actualidade, os diversos problemas da súa presenza na engrenaxe creativa, sobre todo nas diversas chamadas empresas culturais, museos, centros ou galerías, na súa dimensión de temporalidade, controlada e estruturada, que se converte ou pode converterse en obxecto mercantil ou simplemente expositivo. Ese é o debate, cales son os graos de permisibilidade das dúas partes, o grao de ductilidade, da performance e da institución, para adecuar a súa mensaxe. Rita Rodríguez, desde a súa xuventude e curta traxectoria, da que lembramos a súa selección a bolsa de artistas Residentes’05, ofrece unha coherente organización narrativa de comprender os moitos modos de executar a performance na actualidade. Son sempre pezas que funcionan como tanxentes que rodean a denominada acción, que lle petan nos lados tentando facela visible e sobre todo tentando prolongar o seu sentimento temporal no presente, despois do suceso. Así comprendemos a súa intención de rexistrar as súas performances en diversos soportes e a propia tradución de elementos de orde escultórico que se depositan despois dun determinado acontecemento.
Os seus tres contos resúmense nas tres intencións expositivas que oferta esta galería; tres encontros/modos de comprender a performance, desde a propia acción: a relación de colaxes de fotografías das performances que realizou nestes últimos meses, pendurando das paredes en papeis lenes; unha sucesión de vídeos que se ofrecen en pequenas pantallas dispersas e agochadas pola galería nos que a autora percorre o seu corpo ou os obxectos cotiáns marcando a súa dimensión poética, o territorio do seu corpo; e finalmente neste relato de tres escalas, a orixe dunha posible acción ou, na viceversa, o último elo nunha acción: unha goma laranxa, a mesma que se emprega na condución de gas, disponse sobre o chan cun funil no seu estremo, mentres se agocha o outro estremo, que seguimos saíndo da galería pola porta lateral e ascendemos polas escaleiras da vivenda, nun espazo colectivo e público, terreo do doméstico.
Segue sen repouso, por sorte, a próxima, incontrolada e nómade performance. Aí dispoñemos a pausa da que falamos ao comezo, nos minutos do espectador, do habitante e da institución cultural diante dunha intención creativa que se narra e apelida desde o corpo.