Do corpo no día
Andrea Costas e Mauro Trastoy representan dous xeitos de retratar e autorretratar desde unha ollada próxima. Cada un dos seus últimos traballos coinciden estes días en Santiago en diferentes salas expositivas: Andrea na Fundación Torrente Ballester e Mauro na galería Espazo48. Pretextos para falar do corpo e da ollada desde o retrato, aínda que sexa disperso.
Atrapade o mensaxeiro
28 / 3 / 2006
En diversas ocasións e momentos atopeime coa obra destes dous autores. Foi, incluso, o seu achado parte do meu propio itinerario de coñecemento da creación actual en Galicia e, con esa busca, ir pensando en diversos modos de arte, de comportamento e das moitas estradas que vai ofrecendo no territorio galego. Andrea Costas pertence ao apartado de nomes que comezaron a significarse na engrenaxe cultural galega desde finais dos anos noventa, xunto a nomes como Fran Herbello, Rubén Ramos Balsa, Antón Cabaleiro, Patricia Dopico ou Félix Fernández, que se facían visibles, entre outras áreas, desde a disciplina da fotografía. Coñecemos e lembramos as súas mostras en Miradas Virxes ou na Fundación Laxeiro e nas colectivas “Injuve” ou “Palabras maiores”, e as súas series de traballos “Formas de ser”, “Incorporados” e “Composturas”; diversos xeitos de adoptar o corpo humano na trama cotián, na súa propia familia ou no contorno do escritorio o da propia casa. Resulta, deste xeito, un traballo fotográfico na dimensión de reflexión e posta en valor do corporal como metáfora e canle de localización do ser humano na sociedade. A mostra “Persoal e transferible”, impulsada desde o Centro de Estudos Fotográfico e o Concello de Santiago, segue definindo esa dimensión de calcular a nosa presenza na terra desde o noso propio corpo e o dos demais, as personalidades que, ao modo de satélites correctos, perimetran a nosa protagonista. O seu pai, a súa irmá e os amigos interrogados coa cámara, entresacando o que queren mostrar e o que se desvía da primeira ollada, aquela doutrina de comprender o personaxe na súa intimidade, nos seus feitos persoais, nas súas actitudes e, sobre todo, polo que o rodea, os seus pensamentos, o espazo, os obxectos, o ambiente de nome e apelidos.
A fotografía, nas súas palabras, como “escusa: o produto concentrado dunha destilación subxectiva e implacable, os vestixios dun experimento longo e pesado, pero tamén enriquecedor e emocionante.” A fotografía como “mediación pouco inocente, empaquetada e consumible que queda dunha experiencia de comunicación”.
Emblemas alterados
Coincide con Andrea o traballo de Mauro Trastoy nesa intención de retrato desde a identidade persoal, desde unha sinxela lectura no plano do próximo, reforzándose os seus traballos en series, como foi o xa coñecido “El hombre tiesto” e provocando desde a perspectiva de análise do corpo pero, sobre todo, desde unha linguaxe de ton simbolista, metafórica e onírica. O seu modo de actuación incide nunha superficie diferente, nun campo que se atopa implantado no debuxo, na banda deseñada e no deseño, unha sucesión de obras desde a instalación e a colaxe de pequenas táboas coloreadas de negro ou vermello, contrastes bipolares e contundentes. Son imaxes que o espectador contornea coa mirada sobre a parede, recorrendo ás grandes ligazóns da literatura e do mundo poético. Unha mensaxe directa, desde a natureza violenta, no sangue que se precipita sobre os corpos ou as propias dislocacións orgánicas, que non se paran nunha única dimensión dramática para apostar pola captura lírica e suxestiva.
“El hombre de los huevos de oro”, nome da súa irónica proposta expositiva, permite atoparse cun autor que domina a figuración e o lugar de adaptación, que domina a aposta polo personaxe, na sucesión de pezas que se integran nunha instalación sobre unha das paredes, con interrogantes sobre a paisaxe e o corpo. Os seus emblemas localízanse na composición de figuras e siluetas, perfís de corpos monocromáticos, que se vén expostos a unha metamorfose de loita, de drama, erosionados. Todo, mentres non se esquece unha tendencia narrativa e moi persoal, nas claves que se concretan nun lugar e tempo concreto. Un autor que veremos nos vindeiros meses na Sala Nasa e, xunto a Candela Touceda, na sala de mostras da Facultade de Belas Artes.
Son días de fotografía e corpo estes días en Compostela: Delmi Álvarez, Christoph Lingg e Susanne Schaber, Luis López "Gabú", Laurent Millet ou Isabel Muñoz; e días de debuxo e corpo: Ignacio Goitía na galería DF.