culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Diane Arbus: a outra América

De que fala unha fotografía? Que lingua precisamos para ler, para percorrer unha fotografía? Existe algo máis inmediato que a propia imaxe, que o propio rexistro da realidade? A mostra de Diane Arbus no CaixaForum recrea as súas “Revelacións”, os xeitos de identificarse como fotógrafa nunha Norteamérica en cambio, pensar como fotógrafa e, máis importante, trasladar moitas mensaxes aos visitantes que pensamos que algunha vez fomos fotografados.

Atrapade o mensaxeiro
14 / 3 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Dispoñemos unha a unha, nunha ringleira, as dúbidas que sempre tivemos coa fotografía, e non me refiro as dúbidas nun sentido negativo, senón nese cuestionamento que a propia disciplina, como compromiso e filosofía de vida, sempre trasladou ao que a observa. Toda a súa función de crítica para enfrontarnos coa mostra que sobre a obra de Diane Arbus se presenta en CaixaForum, o centro de arte contemporánea que existe aos pés do monte histórico de Monjuic e diante do xesto limpo de Mies Van der Rohe. Este espazo cultural, relativamente novo, leva dous selos indivisibles, a rehabilitación que Arata Isozaki fixo nesta antiga fábrica de formas modernistas e pel de ladrillos, un espazo expositivo que desde hai un par de anos funciona no panorama barcelonés e no que puidemos ver, entre outras, a mostra referencial “Tempos do vídeo”. A filosofía deste centro compréndese perfectamente co programa actual de mostras, dialogando unha sobre a lectura pictórica de Juan Uslé da colección La Caixa, outra sobre arte persa e, finalmente, a exposición, primeira retrospectiva mundial, de Diane Arbus, recoñecida fotógrafa americana dos anos setenta, posiblemente a iniciativa máis importante da institución neste ano.

“Revelacións”, nome desta mostra, forma parte dese imaxinario de como advertir e retratar a realidade, dándolle as grazas aos personaxes, sen limar o seu contorno, ollando de fronte, para presentalos a un espectador distante que pronto recolle os centos de impulsos emotivos, e que pronto tentan novelar o acontecemento. E todo, desde unha fotografía que pretende, e conségueo, falar desde unha perspectiva secundaria, nos piares sociais da súa realidade, como fixo Bruce Davidson, Larry Clark ou Robert Frank

Fotografía nas pálpebras
Retomamos a pregunta inicial para seguir pensando que nos ofrece a fotografía? Que existe detrás dun anaco de papel enmarcado en madeira? A mellor mensaxe é deixarmos levar polo relato, pola narración que se precipita diante dos ollos, ensinándonos o que podemos ver. Trátase diso: poder ver. Cada fotografía insiste en descubrir unha realidade, un anaco de pracer, dor, violencia, rutina, bicos, atmosfera, vento, nai, traballo, ceo, velocidade, amarelo, fiestra ou cartón. Habitación, árbore de Nadal e televisión. Viúva ou muller portorriqueña, neno de xoguetes bélicos. Son centos os fragmentos, sempre informativos diante do espectador, os que unha fotografía presenta. Dispoñemos esa ringleira de motivos para localizar o moito que temos de dúbida diante dun relato, dun motivo. A nosa pregunta, o que mostra a boa fotografía, vai encamiñada sempre a descubrir, ver, o que acontece antes e o que acontece mentres “queda” ese intre, algo similar ao que sucede cos parágrafos ou as estrofas illadas. Así son as imaxes de Diane Arbus (1923-1971), realidade apegada á habitación e ao social, en dramática suspensión, ferintes nunha rutina asolagada. É a América dos deformes e da caída de valores, é a América real, do escenario fincado na rúa e nas casas, detrás dun mundo de cocacolas e macdonalds, un atrevido clic narrativo diante dos personaxes, dos seus personaxes.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org