28/30 Almudena Fernández
Almudena Fernández (Vigo, 1970) é unha das autoras máis interesantes actuais do panorama actual galego, cunha dirección de traballos que se posicionan nunha continua busca de saídas desde a pintura; unha lectura de abstracción e ornamentación, unha pintura-expandida. Dentro da súa extensa traxectoria destaca a presenza en colectivas, desde a emblemática “30 anos no 2000” até “Sky Shout”, ámbalas dúas no Auditorio de Galicia en Santiago, “Latitudes II” na Fundación Caixa Galicia ou “Novos Camiñantes”, e convocatorias como a Bienal de Arte de Pontevedra ou a Bienal de Lalín. Sobresaen as mostras individuais realizadas no Centro Torrente Ballester ou no Espazo Caja Madrid e nas galerías Sargadelos, SCQ, VGO, Periférica (Lisboa) ou Astarté (Madrid). Entre outros galardóns gañou o prestixioso premio L’Oreal. Desde hai uns anos compaxina a súa actividade creativa coa docencia na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Vén de presentar os seus traballos na feira ARCO’06 coa galería SCQ.
Atrapade o mensaxeiro
3 / 3 / 2006
Búmerang1. Es unha das primeiras autoras identificadas cunha nova xeración de artistas galegos nacida na década dos noventa ¿Como observas a evolución desta xeración?
Os artistas fanse visibles cando existe unha infraestrutura que os apoie. A principios dos 90 danse en Galicia unha serie de factores como a inauguración do CGAC, da Facultade de Belas Artes, a aparición de certames promovidos por institucións e empresas, o aumento de espazos expositivos... ábrese unha nova etapa nas artes plásticas, xérase un contexto axeitado para que xurdan novas xeracións que revitalizan a práctica artística.
Pero a pesares de que nos últimos anos danse en Galicia as circunstancias idóneas para que nazan novas xeracións, temos unha grande carencia que afecta a unha verdadeira evolución e consolidación destas xeracións. Temos produción e xestión pero falta difusión e promoción, a presenza de artistas novos galegos nos circuítos artísticos a nivel nacional é moi escasa. Algo falla na nosa estrutura.
Neste momento debería ser unha prioridade para as institucións, a crítica e o comisariado facer fronte a esta situación de periferia e emprender iniciativas que abran canles que permitan ás novas xeracións de artistas galegos existir mais aló do Padornelo.
Creo que se podería falar de xeración dende unha perspectiva cronolóxica, pero non atopo unhas características que engloben tanta diversidade de perfís. Todos somos artistas nados na postmodernidade e, en consecuencia, individualidades diferenciadas con propostas moi heteroxéneas, creo que o noso rasgo en común é o de non ter un sentimento de colectividade (e o zeitgeist). A nosa xeración é coma un “patchwork” feito de pequenos retais.
Búmerang2. Os teus traballos presentan unha acertada dixestión da pintura desde unha fusión entre ornato e abstracción ¿Cales pensas que son as claves que definen os teus máis de dez anos de traballo?
Nunha primeira ollada, quedándonos nunha lectura formal, o meu traballo aparenta atravesar etapas moi diferentes, sen embargo hai unha serie de claves e constantes presentes dende os meus primeiros traballos até hoxe.
Existe desde as primeiras obras unha concepción do espazo pictórico como superficie onde os conceptos de texto, tecido, trama e principios de repetición, xustaposición e acumulación subxacen en todas as obras.
Agora doume conta que na insistencia dese tratamento do espazo do cadro houbo sempre unha vontade expansiva que só se materializa rompendo os límites físicos do soporte, nos meus últimos traballos.
A partires do momento no que cuestiono o cadro-obxecto, a pintura comeza a tomar direccións contaminadas e a dialogar cos espazos onde vai a ser proxectada. Non só se difuminan os límites do marco, tamén os límites con outras disciplinas. Adéntrome no terreo de áreas que desafían o concepto de “obra de arte”: deseño, artes aplicadas, ornamentación, decoración.
A ambigua relación co decorativo é unha das etiquetas ás que tivo que facer fronte a pintura abstracta dende a modernidade. Interésame explorar e desafiar os límites desa condición potencialmente ornamental da pintura abstracta.
Búmerang3. ¿Cal pensas que é o lugar dos medios, dos soportes, na arte actual?
A lóxica postmoderna caracterízase por non condicionar aos artistas a posicionarse nun medio particular, cada un emprega e explora diferentes medios en función dos intereses de cada proxecto, calquera medio é valido si o seu fin o xustifica.
Quero pensar así pero a realidade demostra o contrario:
Hoxe a única opción de innovación ou de visibilidade está na elección duns medios determinados.
Estamos de acordo en que a pintura é un medio válido para falar e expresar as complexidades do noso tempo, sen embargo a súa presenza nos grandes acontecementos artísticos (Documenta, Bienal de Venecia) é practicamente nula. Parece entonces que o lugar dos medios na arte actual non é indiferente e si condiciona.
As teorías da Modernidade (Greenberg) que esixían unha pureza e fidelidade absoluta ao medio pictórico, actualmente poderían aplicarse a outros medios. Penso que tal vez asistimos a un novo formalismo.
Búmerang4. ¿Con que tendencias, filosofía ou autores compartes analoxías?
Aprópiome dunha frase de Malraux que di: “A arte nace da arte, unha obra sae das obras anteriores”.
Os meus referentes e afinidades foron cambiando en cada etapa. Neste momento interésame unha pintura mestiza non restrinxida polo procedemento tradicional, pintura que bebe doutros medios e disciplinas e formulada dende o concepto “site-specific”. Aquí caben tantos... Jessica Stockholder, Franz Akerman, Peter Kogler, Daniel G. Verbis, Lily Van Der Stokker...
Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer
Resúltame difícil responder con concreción. Podo dicir que os proxectos que até agora máis me teñen motivado foron aqueles pensados para espazos connotados, espazos con algunha carga: historia, memoria, funcionalidade... porque esixen da obra un dialogo, unha relación de complicidade co lugar, os resultados foron menos previsibles que cando proxecto unha obra para un espazo neutro (cubo branco). Iso paréceme moi estimulante.