Nos procesos
Repártense os traballos de Roman Signer, que estes meses invaden as salas do CGAC, no capítulo das obras que desprenden enerxía, que actúan como motores, que fan da visita un experimento continuo. Temos até o 2 de abril para descubrir moitas das súas claves.
Atrapade o mensaxeiro
21 / 2 / 2006
Hai tempo que non debuxamos o que supón pasear polas salas do CGAC, ese territorio de brancos de sinatura Siza que se sitúan despois da cafetería e da tenda do centro; lugares nos que moitos domingueiros destinan a parada, a pausa ou o café, antes de volver. Os lugares da coincidencia. Detrás dese biombo comercial, existe o punto e seguido do CGAC: as exposicións, os proxectos. Hai uns meses, cando o centro se situaba nunha estraña deriva, moitos dispoñían a parada nesa fronteira comercial; hoxe intuímos uns globos vermellos e unha pequena camioneta: xorde a invitación. Trátase da mostra de Roman Signer, que desde xaneiro se sitúa na planta baixa e no soto do centro, a primeira das exposicións que se realiza baixo a nova dirección da institución, aceptando a programación do anterior equipo. A verdadeira muda real na súa dirección verase con meses por diante, para demostrar os tempos da cultura contemporánea en Galicia, aínda que xa se adiviñan sutís cambios: a selección de obras da mostra sobre a Colección que se instalan na primeira planta, a relación de compras realizadas en Arco ou, o máis destacable, na presentación dunha sorte de estrutura de investigación denominado Proxecto Edición, colaborando co MARCO e coa Fundación Luís Seoane (www.proxecto-edicion.net). Será ese sentimento de proxecto e, sobre todo, de traballo en contexto o que pretende definir a produción do novo equipo.
Atracción
Quedabamos nos globos vermellos e na pequena camioneta; vento artificial e motor apagado. Rodeamos as súas presenzas físicas para retratar o traballo deste artista suízo coñecido mundialmente polas súas accións, curiosas performances e demolicións do concepto escultura. Trátase dunha mostra que sen pretender ser retrospectiva, si intúe o sentimento de ollada panorámica, achegándose a traballos coñecidos do autor ao tempo que se insiste nas últimas propostas e nas instalacións vinculadas e emparelladas aos espazos, sempre suxestivos, do CGAC. Deste xeito, ofrécense pezas como as citadas ou a selección de obras, especialmente, da planta baixa que remarcan á perfección a súa poética. Unha mensaxe: percorrer as obras a modo de inexpertos visitantes que, sen deixar de admirar os exercicios, atrapen a enerxía dun autor intuitivo. A acción como argumento de comezo, sempre o interruptor.
A montaxe presenta unha curiosa atmosfera de nomadismo fortuíto, de atención constante ao visitante, polo que están agardando as pezas, para a súa sorpresa ou admiración, rexeitamento ou burla. Clic; a persistencia da obra. Por iso mesmo, se adiviña a súa intención de pregunta permanente, repetitiva, sempre atenta ao cambio, quizais ao progreso. Non deixamos de pensar que todos os experimentos, os pasos por exercicios de efectividade técnica, son escalas dunha sensibilidade que non se xulga no fragmento, quizais si na última parada, no itinerario. Detrás das preguntas improvisadas existen as propias fracturas poéticas que ofrece coa súa produción, onde resalta a mostra: nas accións, nos acontecementos.
Posibilidades
Son obras que se constrúen na posibilidade, nas relacións cos diversos medios físicos (vento, auga,...) e coa conexión do corpo, coa súa posibilidade de proxectar. Enerxía. Atopamos unha obra: a pequena homenaxe ás películas de gags, mentres improvisamos unha acción manual, efectiva. Daquela pregunta pola que agardaba a peza, queda a propia acción lúdica, corrosiva, improbable. Porque todas as súas obras ofrecen unha curiosa sensación de relato, de narración, como desenlace ou como nexo, nunha escenografía de mínimos elementos, como a proposta deseñada no Dobre Espazo, onde un sinxelo tirón sobre unha árbore pon en marcha unha colectividade atmosférica, unha sensación; ou como sucede nas propostas “Vélo” ou a vídeo-acción sobre os teitos da catedral de Santiago, realizadas especificamente para a mostra.
Punto e seguido: incluso nas pezas de aparente conclusión queda un zume de pregunta. Os moitos lados da escultura, os obxectos adaptados a unha nova mensaxe, a relación entre o ser humano e a natureza, e os moitos retratos da enerxía, da pregunta, da intriga.