Urbanitas: acertos e posibilidades
Mentres preparamos a viaxe a Arco, que comeza hoxe, paseamos e interrogamos unha das mostras referentes do momento en Galicia: “Urbanistas: actitudes urbanas na arte galega actual”. A exposición, recentemente inaugurada no MARCO, posiblemente garde xa a etiqueta de iniciativa única, polo que ten de paradigmática na colectividade e na empresa cultural galega. Dispoñemos os seus acertos.
Atrapade o mensaxeiro
8 / 2 / 2006
Todos os que vivimos e convivimos, habitamos e respiramos da arte que se realiza en Galicia, sempre imaxinamos e pretendemos que todo se presente desde a construción, desde a montaxe, a produción, a posibilidade. A aposta que o MARCO de Vigo realiza coa exposición “Urbanistas: actitudes urbanas na arte galega actual” permite que poidamos achegarnos á unha excelente definición nesa dirección, nesa vontade de construír, de crer na colectividade, na idea de equipo. Habitamos un tempo colectivo, preñado de centos de individualidades; polo que toda achega a unha realidade seleccionada, fragmentada, nace desde o artificio do resumo, da síntese; nace igualmente válida e reformulada que calquera colectiva posible. Queda claro que o éxito reside na intención, hoxe esta reflexión convértese en mensaxe ambiciosa: a selección de trinta nomes da arte galega actual ocupando, por vez primeira, toda unha planta dun dos museos máis importantes de Galicia. Queda aberta a plataforma. Queda aberto un novo capítulo.
Urbanistas acerta desde o propio comezo, incluso meses antes de inaugurar. Acerta no propio exercicio de agrupamento, de peneirado e de encoro de coincidencia; acerta no espazo e no tempo de novos comezos. Acerta nesa sensación, deliberada e atinada, de panorámica da arte galega actual, incluso por riba da propia tese expositiva, na resposta e análise do aspecto urbano. Comento isto porque xa hai moito tempo que botabamos en falta unha mostra colectiva, desas que se apertan sobre as seleccións, unha mostra que xurda do comisariado, nesa liña de proxectos de achegamento, retrato e posicionamento da arte galega actual. Unha mostra que, por outra banda, pretende expandir a ilusión gardada en moitos certames de promoción de novos autores, Novos Valores, Premio Auditorio de Galicia ou Artes Plásticas de Ourense. Porque xa quedan atrás, moi atrás, proxectos nesta mesma liña de tese: a paradigmática “30 anos no 2000”, “Novos Camiñantes” ou “Plugged/Unplugged”; todas, por diversas razóns, realizaban unha aposta desde a intención plural, galega e narrada. Botabamos en falta unha mostra que resumise, que agrupase, en parte, o que foron ou son iniciativas como, por exemplo, Miradas Virxes, Procesalia, Alterarte, Latitudes, IFI ou Malas Artes; unha mostra que resumise, que dixese moitas cousas sobre a arte xerada desde finais do noventa até o presente.
Paisaxe plural
Urbanistas acerta tamén no exercicio de fusión entre varias xeracións de nomes, todos nados despois de 1970, que se formaron ou evolucionaron en Galicia ou desde Galicia, pero que se conforman na investigación, en moitos casos, no territorio do resto da península e en Europa. Moitos deles gozaron ou están facéndoo de bolsas ou mestrados, de doutoramentos en Madrid, Donostia, Valencia ou Barcelona, en Londres, París, Roma ou Copenhague. Nisto tamén se converte en excepcional este intento, no encontro, en facer coincidir nun mesmo plano expositivo a Antía Moure con Carme Nogueira, Pablo Pérez con Mónica Alonso, Jorge Perianes con Álvaro Negro, Suso Fandiño con Maribel Castro ou Fran Meana con Carlos Maciá, entre outros. Nomes máis coñecidos e nomes por descubrir e profundar, que seguimos en colectivas nestes anos inmediatos. Porque agora tamén queda todo ese traballo de estudo e pregunta de moitas das obras, de interrogatorio ós seleccionados e ás obras presentadas. Queda un tempo de longa estela, quizais pouco imaxinable.
Porque a etiqueta novidade é algo que nunca se esquece nas primeiras colectivas, a intención de rescatar diversos nomes que, por unha ou outra razón, non tiveron a visibilidade nas plataformas galegas (como xa demostrou o MARCO con Carlos Rodríguez Méndez ou Angela de la Cuz) desvela unha ambición teórica e de tese, a longo prazo. Intención que se ve perfectamente exemplificada na selección de nomes como Loreto Martínez, Berio Molina ou Rubén Santiago. E insiste, tamén, na recolección e inclusión de obras e traxectorias menos coñecidas, como sucede con Pancho Lapeña, Fran Meana, Servando Barreiro ou toda a explosión, que merece un capítulo aparte, dos cinco graffiteiros.
Acerta tamén Urbanitas na transparencia de diversas capas de creadores, de facer da exposición unha coincidencia de pluralidades e moitas direccións que hoxe describe a arte contemporánea, tamén galega. Quizais a metáfora de Urbanitas, nesa paisaxe de cambios e evolucións construtivas, sirva de perfecto ligazón daquilo que une e xustifica pero tamén enfronta e dispersa. Non queda dúbida que a nova arte galega é así, ou, polo menos, algo parecido.
Narracións instaladas
Pretende acertar, iso deixámolo para o percorrido pola mostra, na fractura de límites dos ámbitos da creación. Facendo que se dean cita varias tendencias, narracións e relatos; moitos nunha certa ruptura museística, a maioría desde a asimilación e o debate cómplice coas salas, como sucede nas sorprendentes instalacións de Mónica Alonso no panóptico ou Carlos Maciá na entrada. Pablo Pérez diluíndo en anacos publicitarios a súa mensaxe lúdica, Félix Fernández fragmentando unha narración observada, cinematográfica, Berio Molina rescatando a sensualidade do fol da gaita, nunha das súas mellores interpretación, e prolongando polo espazo o son do actual. Rubén Santiago consegue facer do reciclaxe unha metáfora do cambio, do tempo posible, igual que Pablo Orza nunha escenografía habitada, vivida, que non deixamos de percorrer desde a poética inventada; mentres, a poética, surreal e narrativa, resúmese no muro de paxaros de Jorge Perianes. Decatámonos que a mostra consegue establecer traxectorias, impulsar nome, e demostrar o impecable trazo de calidade de autores que veñen traballando desde mediados do noventa como Carme Nogueira, Vicente Blanco, Suso Fandiño, Álvaro Negro, Arturo Fuentes, Isaac Cordal ou Mónica Alonso, entre outros.
Cada unha das pezas expostas, entre as que non observamos nin por asomo unha única pintura no formato, digamos, tradicional, xustifícanse nun achegamento a todas as variantes das artes visuais, fotografía, vídeo ou da plástica; insistíndose nas variantes de arte sonora, e conformando unha realidade de instalacións e vídeocreacións. A nova arte galega é máis visual, como todo na paisaxe, que nunca. Quizais por iso mesmo, o vídeo conquista o apéndice que debuxa o Espazo Anexo , nunha selección denominada Videourbanistas, con obras de oito artistas seleccionados na exposición, algunhas xa coñecidas e outras inéditas, pero que en todos os casos contextualizan a nómina de obras que presentan nas salas.
Deixaremos para a seguinte entrega os interrogatorios e as preguntas, as perspectivas e imaxes, as liñas debuxadas polos nomes seleccionados. Deixamos alongar a resposta, sempre plural e discutible. Unha exposición necesaria, un magnífico comezo da nova dirección do museo. Unha iniciativa de acertos e posibilidades.