culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

O sólido método científico e a insoportábel levedade do Homo sapiens

Os recentes fraudes descubertos en ciencia poden ser moi útiles para coñecer como é o mundo dos investigadores e como funciona o método científico. Indican, por unha banda, que os científicos non son de pedra e que algúns deles poden caer nos peores vicios da especie humana; mais tamén demostran que o método da ciencia ten mecanismos para descubrir as malas artes: é imposíbel enganar á natureza, tarde –ver acto primeiro– ou cedo –ver acto segundo– todos os fraudes son descubertos.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Acto primeiro
A comezos do século XX antropólogos, paleontólogos, xeólogos e outros investigadores andaban enredados nunha interesante discusión sobre a orixe da especie humana actual. A teoría da evolución por selección natural xa gozaba de boa aceptación pola ciencia, mais toda proba a favor era un descubrimento interesante, sobre todo se era unha proba a favor da evolución da nosa propia especie. Daquela xa se coñecían uns poucos fósiles de simios primitivos –parentes dos chimpancés actuais–, e tamén había fósiles máis recentes de homínidos próximos aos humanos de agora…máis non se tiñan encontrado fósiles intermedios, que fixeran de ligazón entre os monos e os humanos e que permitiran estabelecer unha liña evolutiva directa entre eles: eses fósiles inexistentes eran o chamado “eslabón perdido”. Calquera científico que encontrara un fósil que enchese ese espazo alcanzaría unha enorme sona, o seu nome formaría parte de libros e enciclopedias para coñecemento de xeracións futuras. Ben, iso sempre que o método científico o permita.

Pois mira ti por onde que en 1912 Charles Dawson, un paleontólogo afeccionado, encontrou o “eslabón perdido”: un cranio con características parecidas ás dos humanos, mais cunha mandíbula claramente relacionada cos simios. Este estupendo descubrimento fíxose en Piltdown, Inglaterra, e pouco despois foi presentado ao público nunha reunión da Sociedade Xeolóxica de Londres, co apoio de importantes e recoñecidos paleontólogos. O fósil pasou a formar parte do saber científico co nome de “Eoanthropus dawsoni”, e popularmente coñeceuse como Home de Piltdown. Dawson era famoso –até o fósil levaba o seu nome! –, e os ingleses estaban contentos: por fin aparecera un fósil homínido importante nas súas illas, xa era hora: os alemáns tiñan o Neanderthal, e os franceses o Cro-Magnon.

Mais a ciencia non se detén, a tecnoloxía tampouco, procurando novos métodos e instrumentos de investigación. Nos anos seguintes a este descubrimento os paleontólogos e antropólogos seguiron encontrando fósiles de homínidos primitivos en distintas partes do mundo –como o xénero Australopitecus– e pronto comprobaron que o Home de Piltdown non encaixaba en ningún tipo de esquema coherente, non había maneira de estabelecer unha historia evolutiva dos homínidos con ese fósil no medio. Co paso do tempo desenvolvéronse técnicas máis avanzadas para coñecer a idade dos fósiles, e o Eoanthropus dawsoni non tardou en ser analizado en profundidade, había que saber algo máis del. O veredicto dos novos análises foi demoledor: a parte superior do cranio correspondía a un humano moderno e a mandíbula a un orangután. Ademais a mandíbula fora manipulada para darlle unha aparencia similar á que tiña o resto do cranio. Tratábase dun fraude feito a conciencia, que chegou no momento adecuado cando as mentes dos científicos estaban á espera de que aparecera ese “eslabón perdido”. O engano destapouse no ano 1953, nun congreso internacional de paleontólogos: o Eoanthropus dawsoni estivo uns 40 anos enganando ao mundo, mais o método científico continúa funcionando impasíbel ante as debilidades humanas. A Charles Dawson iso pouco lle importou, morrera en 1916.

Acto segundo
A comezos do século XXI biólogos, médicos, veterinarios e outros investigadores andaban enredados nunha interesante discusión sobre a posibilidade de clonar seres humanos para facer un uso terapéutico dos embrións. De conseguilo as posibilidades que se abrían eran enormes: poderíanse obter tecidos de recambio de calquera parte do corpo, sen que existan os problemas de rexeitamento dos transplantes. Isto permitiría repoñer calquera parte do corpo danada, inclusive o cerebro! Os científicos e a sociedade da época estaban encantados coa posibilidade, aínda que a técnica tamén era motivo de disputas de tipo ético, que chegaban a constituír asuntos de estado. Os EEUU, por exemplo, estaban a pór moitas trabas a esas investigacións, pola contra outros países, como Corea do Sur, permitían libremente o traballo dos científicos. O primeiro científico que conseguira unha técnica fiábel de clonación terapéutica alcanzaría unha enorme sona, o seu nome formaría parte de libros e enciclopedias para coñecemento de xeracións futuras. Ben, iso sempre que o método científico o permita.

Pois mira ti por onde que en 2004 Woo Suk Hwang, un descoñecido veterinario, encontrou a maneira de clonar seres humanos. O seu traballo foi a flamante portada da revista Science do 12 de marzo de ese ano, e o Dr. Hwang converteuse de inmediato nun heroe da ciencia, e ademais os coreanos estaban contentos: por fin producían investigación de primeira liña, facéndolle sombra aos EEUU e Europa. Hwang coñecía que neses mesmos meses había outro grupo de investigación nos EEUU que estaba a piques de alcanzar resultados moi similares, mais en ciencia a sona vai sempre para quen chega primeiro, aínda que a diferenza sexa de dous días, e Hwang gañara a carreira. Por suposto, os norteamericanos tamén descubrirían unha técnica para clonar, e tamén a publicarían, pouco despois dos coreanos.

Mais a ciencia non se detén, a tecnoloxía tampouco, e calquera descubrimento científico ten que poder ser reproducido ou superar calquera proba que poida aparecer no futuro. Os norteamericanos nunca publicaron a súa técnica de clonación e o Dr. Hwang, que xa tiña a sona, quedouse sen coñecer o que estaba desexando: unha maneira factíbel para clonar seres humanos. Porque, como xa todos sabemos, o equipo de investigación coreano non a acadou.

Outro fraude máis, alimentado pola cobiza persoal, as expectativas creadas polo orgullo patrio, a precipitación, as loitas entre editores de xornais científicos de prestixio e as dificultades de separar a mentira da verdade nun mundo dixitalizado que pon nas mans dos investigadores unha fabulosa colección de ferramentas tecnolóxicas de manipulación.

… mais o método científico continúa funcionando impasíbel ante as debilidades humanas.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org