culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Sobre nós, petando

Ata tres puntos dispoñemos sobre unha das mostras máis interesantes que se poden visitar estes días en Galicia: “Emporios Invisibles” na Fundación Granell. Puntos que demostran a novidade, nos centos de preguntas e interrogantes que ofrecen as pezas e instalacións. Puntos que demostran os cambios, sempre posibles, no que denominamos exposición.

Atrapade o mensaxeiro
24 / 2 / 2006
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Resulta máis que singular atoparse cunha mostra deseñada polo equipo formado por Monse Cea e Edu Valiña. A estrañeza dunha peza case única chamada exposición e unha demostración de reflexión repartida en anaquiños, en escalas, que chamamos obras. Porque a aposta que estes dous autores veñen desenvolvendo nos últimos anos reflicte máis no campo da investigación, do feito estudado, que na sinxela mostra, que no simple resultado. Son varios os puntos que podemos tratar para chegar a esta mostra, “Emporios invisibles”, varias as preguntas que debemos facernos. Ningunha das obras que estes días, e até marzo, se presentan na segunda planta da Fundación Granell, resultan un feito expositivo máis, un dos que podemos atopar calquera día. A singularidade que ofrecía ao comezo, é a liña que pendura desde que entramos até que saímos, un pretexto de análise de algo denominado emporio que nin vemos pero si detectamos, que non medimos, pero si nos sobrepasa e afecta.

Un dos primeiros puntos: facer de cada mostra un pretexto de investigación. Desde hai varios anos este equipo tennos acostumados aos proxectos de estudo. As que foron escalas anteriores, neste mesmo espazo, “Libro de artista” ou “Adosados”, reunían as doses suficientes de exposicións encoro, listas para apertar, para reflexionar, listas para derrubarse e ofrecerse aos espectadores preguntóns. Por iso, comprendemos os seus traballos como anacos dunha gran tarefa de meses; con problemas, moitos, e con resultados. Sempre se cita, e sempre se debe insistir, que deles saíu a iniciativa que durante dous anos encheu o coro da Igrexa da Compañía de Santiago nun exemplar impulso “Procesalia”. Así imos comprendendo moito do que falamos.

Un dos segundos puntos: facer pensar, ofrecer centos de preguntas. “Emporios invisibles” recupera o que moitas veces se esquece nas mostras actuais, recuperar as propias doutrinas da historia da arte, recuperar a capacidade dos historiadores e dos teóricos, para demostrar novas formas de narrar sobre os grandes temas. Cada unha das obras expostas insisten na relación do home co espazo, co emporio que nos rodea e que flota sobre as nosas cabezas, unha curiosa atmosfera que atopamos a costa de ser moi observadores e críticos; cada un dos autores seleccionados executan o seu particular atropelo do social e do cultural.

Un dos terceiros puntos: a aposta polo axente cómplice. Nomes como os de Carme Nogueira, Rubén Santiago ou o colectivo Konic formaron parte, en varias ocasións, de proxectos deste equipo de comisarios. Recollemos, os que nos ilusionamos coa obra en proceso, cada unha das súas entregas nestes últimos anos para trenzar un discurso. Son sete propostas feitas ou pensadas ou readaptadas ao espazo. Suso Fandiño adopta o seu lado máis irónico para ofrecer a posibilidade de recortar un anaco de sala, demostrado nunha liña descontinua e co indicativo: podes recortalo e levalo á túa casa. Carme Nogueira prosegue na súa intención cuestionando desde o espazo e a súa dixestión humana; inmersa sempre nun proceso de relectura da instalación, entre obras coñecidas e outras pensadas e producidas para esta mostra, escolleu un lugar secundario, deliberadamente agochado nesta terceira planta. Unha crítica á arquitectura e unha pincelada, certeira, sobre a sociedade; un refuxio no que ir depositando vestixios e un lugar de paso, sempre accidental. Recoméndovos os textos da autora, que podedes ver na súa páxina web www.cntxt.org.

Unha canle necesaria de fluído teórico que se asenta no resto das obras expostas, sempre con niveis diferentes. Diego Seixo prosegue no seu proxecto de “selección natural” nunha relación de posibilidades de exercer unha liberdade de opción vital; mentres, o colectivo Konic recollen o seu argumento crítico nunha instalación interactiva onde o espectador penetra, frecuenta e altera un lugar público, que modificamos cun sinxelo movemento. Rubén Santiago segue nun camiño de cambios continuos, de escalas controladas e sorprendentes desde a aparente ollada tecnolóxica; como nas boas obras, a sorpresa esvaece e deixa limpa a narración da peza, xusto no intre que montamos mentalmente cada un dos anacos ciscados pola sala; cando nos percatamos que están destinadas a unha función pedagóxica, crítica. Xoán Anleo, cos dúas pezas que xa vimos expostas na súa retrospectiva no CGAC, pero que adquiren quizais un sentido diferente, pecha a discurso do emporio sen definición coa súa sempre cáustica ollada da arte, desde a baixa cultura.

Unha mostra colectiva como un anaco, nunca casual, no itinerario cultural. Hoxe insistimos na necesidade de preguntar e interrogar. Estes comisarios demostran que sempre son necesarios os interrogantes e os centos de respostas, mentres baixamos as escaleiras, mentres escribimos recomendando a súa visita, mentres paseamos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org