Evolución vs creacionismo, un debate inexistente
Ultimamente pode lerse e escoitarse nos medios de comunicación que existe un debate entre dous tipos de explicacións para entender a orixe dos seres vivos: a evolución e o chamado deseño intelixente. Mais non é un debate científico, senón unha discusión política inducida pola ignorancia e o fundamentalismo relixioso.
Algúns estados dos EEUU andan a discutir se é preciso incluír na educación, xunto coa evolución, unha teoría que explica a orixe da especie humana –e resto de compañía planetaria– baseada en...nada. Esta “teoría” chámase “deseño intelixente”, un nome máis comercial e con un pouco máis de atractivo que o que tiña antes: creacionismo. Non existe ningunha explicación nin apoio científico ao creacionismo, que defende que somos o resultado ou a creación de algún ser supremo. Pola outra banda, a evolución é unha teoría que está totalmente aceptada pola ciencia, é máis, as ciencias biolóxicas carecerían de explicación fora dun marco global de coñecemento distinto ao da evolución; esta teoría da sentido e permite relacionar entre si todos os coñecementos que imos adquirindo sobre a vida no planeta Terra. En realidade a evolución poucas veces estivo en cuestión, o que si que se cuestionou, e segue a ser motivo de interesantes debates entre científicos, son os mecanismos, os motores da mesma: selección natural, deriva xenética, simbioxénese ou autoorganización son varios dos mecanismos propostos que, por certo, non son excluíntes entre si. Todos poden ser parte da evolución, a pregunta é: cal é máis importante?
Unha transformación constante
A teoría da evolución propón que calquera ser vivo actual procede doutros seres vivos, lixeiramente distintos, e estes últimos tamén proceden doutros, e estes doutros...así até chegar aos seres máis simples. O feito de que unha especie animal ou vexetal sufra modificacións co tempo e que estas modificacións se transmitan ao resto da descendencia está perfectamente explicado pola ciencia. As modificacións débense a cambios que se producen nos xenes, que son as caixas que gardan toda a información básica para construír un organismo, e eses xenes son precisamente o que se transmite dunha xeración a outra. A que se deben entón as modificacións? Algunhas son consecuencia da influencia, do choque de partículas contra as moléculas dos xenes, que ocasionan cambios físicos nestes. Esas partículas poden proceder de fora da Terra, como os raios cósmicos, ou poden vir de radiacións locais (de rochas radioactivas, aparatos médicos, etc). Outras modificacións débense a erros nas moléculas dos xenes no momento da súa duplicación: cada vez que unha célula se divide noutras dúas hai que facer unha copia dos miles de xenes que leva, o que supón, no caso dos seres humanos, copiar varios miles de millóns de nucleótidos –os elementos básicos que forman os xenes–; aínda que a alta tecnoloxía que hai no interior das células ten sistemas para detectar e corrixir erros, sempre se lle escapa algún (Aquí hai que advertir que, en termos evolutivos, as únicas células nas que estes cambios son importantes son as células que transmitimos á seguinte xeración, no noso caso óvulos e espermatozoides).
Esas saudábeis discrepancias científicas
O descubrimento dos mecanismos xenéticos da herdanza serviu para apoiar a teoría da evolución por selección natural proposta por Darwin e Wallace. Dalgunha maneira Darwin adiantouse á bioloxía molecular predicindo as regras básicas da transmisión do material hereditario –grazas, é claro, á utilización dun método de pensamento rigoroso e obxectivo–. Na actualidade os medios de comunicación seguen identificando evolución con selección natural, como se fose a mesma cousa, mais debe quedar claro que a selección natural é un dos mecanismos propostos para explicar a evolución, non o único. Ningún científico serio pon en dúbida a existencia da evolución das especies, mais hai un interesante debate entre os defensores dos distintos tipos de “motores evolutivos”. A selección natural é o máis coñecido, con razón, porque foi o primeiro en explicar de maneira coherente a orixe e relación entre as especies. Segue a ser o mecanismo preferido polos neodarwinistas. O avance no coñecemento da estrutura e dinámica dos xenes deu tamén lugar a outra proposta para un mecanismo evolutivo, chamado deriva xenética, que explica que poden existir modificacións nos xenes que se transmiten ás seguintes xeracións independentemente da selección natural. Hai tamén outra teoría, cada vez con máis apoio experimental, que suxire que os cambios importantes na evolución non se deben a lentas modificacións graduais (como propón o neodarwinismo) senón que son modificacións bruscas debido á mestura de material xenético de especies distintas. A esta teoría evolutiva chámaselle simbioxénese, defendida fervorosamente na actualidade pola bióloga Lynn Margulis. Outro mecanismo que pode ter importancia na orixe e evolución dos seres vivos é a tendencia á autoorganización da materia. Segundo isto, e debido ás propiedades físicas e químicas das sustancias, poden formarse estruturas estábeis e complexas de maneira espontánea, sen que sexa preciso unha presión do ambiente.
Argumentos sólidos
Independentemente de cal ou cales sexan os motores que guían os cambios que van moldeando aos seres que habitamos este insignificante planeta, a evolución non está posta en dúbida. É máis, ningún ser vivo podería existir sen a posibilidade de cambio e evolución, xa que son precisamente esas propiedades as que permiten unha adaptación ás modificacións do medio externo. Unha das predicións da evolución é que todos os seres vivos estamos emparentados, porque se seguimos para atrás na cadea de cambios sempre se chega a un único tipo de organismo do que todos os demais procedemos. Grelos, lobos, carrachas, tomates e seres humanos, todos temos unha orixe común. Esta consecuencia tan espectacular da teoría evolutiva está totalmente apoiada polas investigacións científicas. Por exemplo, o código xenético, o tipo de linguaxe que utilizan os xenes, é idéntico, i-den-ti-co, para todos os seres vivos (hai, como non, unhas excepcións mínimas. Para exemplo o artigo anterior). Isto da lugar a que os mecanismos moleculares que hai no interior das células para fabricar as proteínas tamén sexan practicamente idénticos en todos os bichos e plantas que pululan pola Terra. A investigación básica en medicina pode facerse con bacterias ou con calquera outro ser vivo porque moitos procesos bioquímicos son os mesmos.
Eu creo que nin sequera Darwin podería imaxinar a existencia destas probas tan poderosas da existencia da evolución. Nos nosos días a estupidez dalgúns despistados da lugar a teorías como a do deseño intelixente, que non son máis que parvadas.
Ligazóns
Lynn Margulis
Código xenético