Día múltiple
Viaxamos a León para recoñecer os novos anacos de creación, cun selo inconfundible, do MUSAC. Atopamos de novo a Enrique Marty nunha vocación escenográfica, tentamos imaxinarnos o mundo de Pipilotti Rist, reiteramos as claves de Matthew Barney ou a etiqueta asiática na colección do museo. Antes de volver, atopamos as últimas imaxes de Manuel Vázquez na galería Cubo Azul. Unha viaxe para un día múltiple.
Atrapade o mensaxeiro
28 / 12 / 2005
Non podemos deixar de pensar que cada unha das mostras que se inauguran no MUSAC, conxuntamente nun mesmo día, teñen unha intencionalidade perfecta. Criticable, pero efectiva. Parece como un anuncio de contactos na prensa: cidade de provincias, periférica, nin grande nin pequena, con escasa dedicación á arte contemporánea, ofrece inauguración completa de museo, con varios actos e moitos invitados. Solicitudes enviar a Avenida dos Reis Leoneses, 24. Quizais sexa a única solución; está claro que polo de agora o centro persiste, cun grande número de visitantes e unha crítica que acolle o museo como un proxecto a longo prazo. Por iso, gústame tamén pensar que cada unha das mostras que se ofrecen, froito do equipo de dirección de Rafael Doctor e Agustín Pérez Rubio, responden a un tipo concreto e moi estudado de exposicións; varios tipos e varios temas; varios modos.
Tema: memoria
Hai un tipo de mostras que se presentan invadindo o espazo do museo ou centro ao xeito dun inquilino caníbal, que en vez de estar, vive, respira e latexa dentro das estancias; así observamos a instalación que o artista salmantino, Enrique Marty, instala en dúas das salas do MUSAC. (Tamén, dentro desta etiquetaxe, existe un subtipo de mostra, que se dá neste caso: novo autor, importante e en crecemento, da mesma rexión). Cando dicimos “instala” case teriamos que falar que constrúe ou organiza espazos como un arquitecto, diversificando calquera impulso de instalación, levando todo ao terreo da recreación. Unha escenografía pola que o espectador, case dun xeito inusitado nun museo, percorre estancias, prazas, rúas, rodea un auténtico carrusel e observa as casetas de vendas imposibles. Estamos nunha feira, nunha das de antes, das que os nosos pais poden falar e citar miles de anécdotas; momentos de ocio do social, de diversión. É nese xusto momento no que se conxuga a recreación, o histórico e a participación activa, cando Marty pode soltar as súas recoñecidas iconografías, pinturas, debuxos e esculturas, ou sinxelos esbozos de seres humanos en situacións cotiás, pero provocando unha rutina ferinte, incontrolable, que leva ao ser humano a intres e episodios de caída, de frustración. Ese vértice é o que existe perfectamente ensamblado na mostra coa presentación dunha feira, dunha como as de antes. “Flaschengeist, a caseta do alemán” provoca a saída de novos seres que nos observan detrás de gaiolas, en cadros e carteis, resultados socialmente monstruosos e deformes; diferentes, estraños e raros, como recoñecemos nas esculturas de Iván Prieto, e que localizamos mellor nas recreacións dun gran medo cotiá nas celas de Louise Bourgeois ou, máis detalladamente, nos pesadelos de películas de medo que nunca parecen selo. Cando o cotiá peta na ollada e suplica explicacións.
Tema: fusión
Hai outro tipo de mostras que se inauguran ás 12 da mañá; esta ironía pode comprenderse cando asistimos á proxección do último traballo de Matthew Barney, “Drawing Restaint 9”, no teatro Emperador da cidade leonesa. Na seguinte mostra que visitaremos no centro, “Fusión”, que presenta as diversas tendencias asiáticas nos fondos da colección MUSAC, está claro que podería incluír esta obra de Barney, por iso asistimos á proxección con ese e outros chips para logo seguir recreando os anacos asiáticos, e tamén para centrarme e non deixar que a obra me explique máis cousas das que non vexo. Parámonos na película, tamén protagonizada pola cantante Björk, parella sentimental do artista e unha das divas da música actual, onde se narra a historia dunha conversión e dun diálogo entre tradición e actualidade; nun pequeno ou grande berro á natureza, á vida, aportando claves cinematográficas a unha traxectoria impulsada desde a esaxeración e o saturado. Todo dentro dun baleeiro no que se produce unha inusitada metamorfose física e metafórica de home/muller en balea; un tránsito transportado nos pausados elementos, detallados, de cambios físicos, controlados no esaxerado, habituais nos procesos de mutación de Barney. Unha obra descrita desde unha narración e linearidade, diferente aos traballos do coñecidísimo ciclo “Cremaster”.
Comemos un pouco de sushi despois de sacar sangue na proposta da coñecida Alicia Framis; nutrientes orientais para repasar as contaminación ou retratos da cultura asiática en numerosas obras da citada colección MUSAC, como os vídeos de Kimsooja, Pierre Huyghe ou Jun Nguyen-Hatsushiba, a casa de nailon da coreana Do-ho Suh ou os traballos xa expostos no Museo das Peregrinacións en Santiago de Zhan Huan, nos que aporta novas claves de relación/reacción do ser humana coa natureza, co contexto, sempre co impulso da voz crítica.
Tema: evocación
Hai, por último, un tipo de mostras que podes ver acompañado de amigos aos que a arte contemporánea lle importa moito pero nunca saben como sacarlle todo o zume. Moitas veces temos sorte e atopamos ese tipo de exposición na que todo se pode xustificar e na que cada unha das claves que podes ofrecer diante das obras son de sobra recollidas e multiplicadas no que observa. Mentres se comenta tamén se analiza, se contrasta e tamén se percorre. Tiven a sorte de deitarme media hora no chan da igrexa de San Stae, no Gran Canle de Venecia, onde con motivo da Bienal, Pipilotti Rist instalaba un marabilloso ambiente de ceos propios. Ese día de agosto, curiosamente, chovía na cidade das canles; hoxe, fai frío e unha manta serve para achegarnos ao mundo imaxinado desta autora suíza. A mostra, que está coordinada por Marta Gerveno, permite localizar o porque estamos diante dun dos nomes referencias na nova creación europea; traballos que incitan atención, seguir atentos nunha atmosfera imaxinada, plenas de símbolos e pequenas e delicadas evocacións. Cores, música e grandes sorrisos dentro dun corpo de muller; logo froitos e fragmentos ausentes suspendidos dunha árbore, logo centos de xiros permiten recrearse á mellor das bailadoras e acariñar sabas de encaixe que flotan do teito. Finalmente, o murmurio sobre as nosas cabezas, horizontal ao xeito de cúpulas planas, fíos de cor, para poder descansar e que moitas das cousas que sempre imaxinamos na arte contemporánea, poidan ser certas. Xa digo, moitas.
Antes de volver; repasamos os últimos traballos de Manuel Vázquez, que casualmente se presentan estes días na galería Cubo Azul, na parte traseira da catedral leonesa. Paisaxes urbanos, olladas panorámicas desde os teitos de Madrid, na fronteira de luz entre ceo e construción; as imaxes pequenas transmiten a sensación do borroso, do inestable, dunha curiosa emotividade que non descoida a factura impecable, pictórica que sempre admiramos neste autor compostelán. A súa obra está presenta tamén na colección do MUSAC, nun apartado de paisaxe, de “mirada exterior”, relacionado coas obras de Sergio Belinchón, Sven Påhlsson ou Candida Höfer. Quizais tamén quero ver algo de paisaxe na proposta de Wilfredo Prieto no Laboratorio 987, coordinado por Tania Pardo; a paisaxe fílmica e atmosférica nunha evocación ao inesperado nos lugares expositivos e á imprudencia no diálogo entre o son e o feito, entre a acción e o lugar.
Quizais algo de atmosférico ten esta inauguración múltiple, de diversos tipos e modos; quizais.
www.musac.es
www.pipilottirist.net
www.cremaster.net
www.manuelvazquez.com