culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

O orfo, o pincel

Despois de repasar o case-máxico teatro de Pamen Pereira, a galería Trinta permiet achegarnos á obra de Daniel G. Verbis, un dos nomes máis curiosos e activos da denominada nova pintura. Unha relación de pezas e instalacións que ofrecen unha ollada diverxente e moi rica do que habitualmente entendemos por cadro, lenzo, pintura ou pictórico.

Atrapade o mensaxeiro
13 / 12 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Hai xa máis dunha década que veño significando as mostras que a galería Trinta vén realizando, antes no seu enderezo na Rúa Nova mentres remataba a carreira e agora, desde hai uns anos, no espazo na Rúa Virxe da Cerca. Berta Cáccamo, Curro Ulzurrún, Antonio Murado, Carlos Pazos ou Perejaume, entre moitos outros, pasean habitualmente polas súas salas. Este días viñemos de visitar a teatralidade zen de Pamen Pereira, mentres agardamos por Georges Rousse e Alberto Carneiro, despois das súas respectivas estadías no CGAC, todo nun xesto de itinerario alterno, que pensa no proxecto, no camiño, antes que nos autores. Quizais sexa por esa liña de coherencia de autor (de autora/propietaria) polo que cando visitamos a mostra que actualmente se instala nas dúas plantas, sobre Daniel G. Verbis, autor novo, natural de León e moi coñecido no ámbito peninsular, é cando espertamos un atributo que quebra a etiqueta periférica que tantas veces nos instalamos no ámbito expositivo, é cando aplaudimos a súa aposta.

Pintura: formas que logo son

Sempre lembro unha peza que colgaba o ano pasado dun dos stands de Arco, na galería Max Estrella, e que fixo que meses despois me desviara ata Burgos para ver a expo que presentaba o Centro de Arte Caja Burgos sobre a obra de Verbis. Desde ese día son un seguidor curioso, atento e preocupado das súas propostas nos espazos; quizais por iso tamén me detiven no seu traballo nas vitrinas do MUSAC, antes de repasar as Emerxencias do actual. Dúas das grandes máximas para achegarnos á súa obra son de sobra coñecidas: a relectura (unha vez máis) do feito pictórico e a ironía nos modos de ver, de compoñer, de observar. Mentres dixerimos as pezas de Adrian Schiess ou mesmo as de Álvaro Negro, confórmase unha tendencia da arte, digamos abstracta, que se concentra no emprego de elementos provenientes do vexetal e da anatomía. Serán as propostas como as de Verbis, as que se afanan en compoñer desde o elemento, desde un motivo que invade e constrúe a imaxe; ¿ou é a imaxe a que compón o cadro? Advertimos unha desas dialécticas na planta superior, cando un motivo se acopla, repetido ata a saciedade, sobre a superficie do papel; e quizais de xeito máis intenso na segunda escala da mostra, nesa intención por parte do autor de diluír dos compoñentes ornamentais; formas que se repiten e que se retroalimentan acollendo novas saídas; grandes flores aparentes e grandes espirais tamén aparentes.

Esa obsesión pola acumulación, por unha vontade que se reforza en cada proposta, vese continuamente interrogada nas pezas de paredes (digamos, cadros) pero moito máis acentuada nas fotografías e na escultura que pendura do teito na planta primeira; realizada en escuma artificial, que se retorce e contorna ao xeito dunha colmea ou unha vivenda de emerxencia. Quizais non se pretende descoidar a referencia vexetal. Un compoñente de obsesiva acumulación e dispersión das voces coñecidas da pintura que queda perfectamente testemuñado na instalación que presenta na planta inferior, un mural de cores que recrea unha sorte de habitación escenográfica. A metáfora do corpo, do interior e da ferida na pel do visual, na parede, no muro; un curioso trompe l’oeil, quizais antepoñendo o que presentará Rousse na seguinte mostra, quizais demostrando a verdade dispersa do que entendemos por pintura. Por iso mesmo os seus “wall-drawings" ou o emprego de lonas noutros casos, transforman a visión da pintura nun exercicio de deconstrución; por iso repasamos dúas fotografías, e pechamos este repaso, coa impresión de que son antes pintura sendo rexistros, case abstractos, do real.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org