culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Depresión, serotonina e propaganda farmacéutica

A depresión é unha doenza que afecta a millóns de persoas en todo o mundo. O tratamento máis común consiste na utilización de fármacos antidepresivos, principalmente os que actúan sobre os niveis de serotonina, unha sustancia química do cerebro. Aínda que funcionan, non está cientificamente demostrado que a serotonina teña algo que ver coa/s causa/s da enfermidade; este feito, ignorado por moitos médicos, é habilmente tapado polas todopoderosas industrias farmacéuticas, que venden millóns deses medicamentos cada ano.

23 / 11 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Na páxina web española da farmacéutica Lilly, fabricante do Prozac, podo ler esto sobre a depresión (ver ligazón ao final): “se ha comprobado que existen alteraciones de unas sustancias químicas presentes en el cerebro. (…) En los pacientes depresivos, los niveles de estas sustancias están disminuidos. Los medicamentos antidepresivos se encargan de regularlas y de que vuelvan a sus niveles normales”. Son todas afirmacións incorrectas. Frases similares poden encontrarse na publicidade doutras compañías.

A investigación científica da pe á fabricación e venda de moitos medicamentos que son útiles, e incluso esenciais, para a saúde de todos nós. As vacinas, por exemplo, son practicamente indispensábeis para manter a esperanza de vida actual. Mais hai algúns casos en que os produtos que se venden non están apoiados polo rigor científico, senón máis ben pola información enganosa e a voracidade capitalista.

Efectos misteriosos
Xa falei con anterioridade dos dubidosos métodos “científicos” utilizados polas industrias farmacéuticas no desenvolvemento e promoción dalgúns fármacos. Nun artigo recente –tan recente como que aínda non está publicado oficialmente– da revista PLOS-Medicine, e que actualmente é número un na lista de artigos máis lidos na versión previa “on-line”, revélase a utilización desapiadada que fan as empresas farmacéuticas dos preparados antidepresivos do tipo ISRS (Inhibidores Selectivos da Recaptación de Serotonina). A este grupo pertencen medicamentos como a fluoxetina (Prozac), sertralina (Besitran, Aremis), paroxetina (Seroxat, Motivan), e outros. Estes medicamentos alivian a depresión mais, curiosamente, non se sabe como, xa que en moitos casos son tan eficaces como a psicoterapia, os medicamentos placebo (medicamentos ficticios) ou simplemente facer exercicio. O éxito que teñen en todo o mundo débese en grande medida á publicidade enganosa das compañías que os venden coa complicidade das axencias estatais de turno, e tamén ao descoñecemento e/ou frivolidade dalgúns médicos.

Comunicación entre neuronas
O funcionamento dos ISRS é, en principio, sinxelo. A maioría das neuronas (células principais do sistema nervioso) comunícanse entre elas mediante unha sustancia química ou neurotransmisor: nos lugares chamados sinapses estas sustancias son liberadas por unha neurona –a que envía información– e captadas pola superficie doutra –que recibe a información–. A liberación do neurotransmisor está sempre acompañada da case inmediata eliminación do mesmo, de tal xeito que ten moi pouco tempo para actuar sobre a célula receptora. Se esta eliminación falla ou se bloquea, o neurotransmisor ten máis tempo para actuar, polo que aumentan os seus efectos. A serotonina é unhas destas sustancias transmisoras de información, que actúa en moitísimas sinapses do sistema nervioso e está sendo eliminada continuamente por un proceso de re-captación: é absorbida, captada de novo pola neurona que a liberou. Os fármacos ISRS impiden esta recaptación, a serotonina permanece máis tempo do normal nas sinapses, e por tanto aumenta o seu efecto sobre as células receptoras.

Medias verdades
Por razóns que aínda son descoñecidas, esta estratexia de aumentar os niveis de serotonina nas sinapses axuda a mellorar os síntomas na maioría das depresións. Este feito deu lugar á teoría de que a depresión é un desequilibrio químico do cerebro consistente nunha diminución nos niveis de serotonina. Na actualidade institucións, médicos e o grande público teñen asimilado que esa relación (menos serotonina = depresión) é unha teoría cientificamente válida, mais non é así: non hai absolutamente ningunha evidencia científica seria que demostre a existencia dunha deficiencia de serotonina en ningún desorde mental; pola contra, si que hai evidencias do contrario –ou sexa, de que a serotonina non ten nada que ver nas causas da enfermidade–. O feito de que os fármacos ISRS funcionen relativamente ben –o Prozac é o antidepresivo máis receitado da historia– deu lugar á teoría do desequilibrio nos niveis de serotonina, mais isto de buscar a causa dunha enfermidade baseándose na resposta a un tratamento é un mal argumento; é algo así como decir que, xa que o Frenadol ou a Couldina alivian os síntomas do catarro, este débese á existencia de niveis baixos deses compostos no corpo. A confusión está en todos os niveis: no portal web tecnociencia.es, xestionado polo Ministerio de Educación e Ciencia e co apoio técnico do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas) pode lerse algo similar ao que aparece na web citada antes “se ha demostrado que la bioquímica del cerebro juega un papel significativo en los trastornos depresivos. Se sabe que las personas con depresión grave tienen desequilibrios de ciertas sustancias químicas en el cerebro, conocidas como neurotransmisores”. Pois non, non hai nada demostrado na literatura científica.

O que si está demostrado é que non existe ningunha evidencia dunha deficiencia de serotonina na depresión, nin en ningún outro desorde psiquiátrico. De feito hai institucións –como a británica National Institute for Clinical Excellence– que, tomando os datos científicos con rigor, aconsellan tratar a depresión moderada con métodos non farmacolóxicos (por exemplo a psicoterapia). De onde ven a confusión? Probabelmente da publicidade das empresas farmacéuticas, que non dubidan en utilizar frases cientificamente inexactas para espallar polo mundo os seus produtos. Isto leva a unha sociedade hiper-medicalizada, con pacientes que acoden ás consultas influídos polo que len ou escoitan nos medios de comunicación, e que poden ser escépticos cos médicos que lles din que é mellor unha terapia alternativa á farmacolóxica. Ademais da intoxicación mediática, tamén entra no xogo dos intereses das grandes empresas a non-información, pois hai que ter en conta que estas mesmas compañías non sacan á luz os datos dos estudos que non lles son favorábeis –por exemplo hai estudos que demostran que sustancias placebo, ou outras como o extracto de hipérico (Hypericum perforatum) son tan eficaces no tratamento da depresión como os fármacos ISRS–.

As investigacións sobre o funcionamento do sistema nervioso mostran que a estrutura que da lugar ás nosas emocións é terribelmente complexa, con multitude de conexións entre neuronas nas que entran en xogo miles de sustancias químicas. Este mesmo mes publícase na revista “The Journal of Neuroscience” un artigo duns científicos Fineses e Holandeses no cal se describen diferenzas entre o electroencefalograma (EEG) de pacientes con depresión e persoas sans. Encontran cambios importantes na actividade sincronizada de miles de millóns de neuronas, mais non teñen evidencias de qué causa eses cambios. A palabra “serotonina” non aparece no artigo por ningunha parte.


(Nota: PLOS ven de “Public Library of Science”, un proxecto de distribución gratuíta de varias revistas científicas de calidade; outras como “Nature” ou “Science” son de pago, e caras).

Ligazóns:

Lilly


Artigo en PLOS Medicine sobre a depresión e a serotonina


Web de Tecnociencia (do MEC) con datos erróneos


O efecto antidepresivo do hipérico



Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org