A visita
Entramos na galería, quedaba pouco para a hipotética hora de peche, e nada ocorría. A mostra que Rubén Santiago presenta na galería compostelá DF só existe cando ocurre unha vontade de funcionamento, unha intención. Recollamos as claves deste autor e a súa presenza en varios proxectos; apuntade o seu nome.
Atrapade o mensaxeiro
22 / 11 / 2005
Para quen non conexa a obra de Rubén Santiago, o primeiro que debemos comentar é que non é un autor que habitualmente atopemos en escenarios ou colectivos galegos (polo menos ata hai pouco), xa que pertence ó grupo dos artistas da xeración dos noventa que, a diferenza de moitos outros, viron progresar a súa formación e traxectoria profesional fóra de Galicia. Xa o comentei varias veces, un grupo de nomes como Eva Mendoza, Carlos Maciá, Antón Cabaleiro, Manuel Eirís, Carlos Rodríguez-Méndez ou Félix Fernández, entre outros, que desde diversos proxectos ou desde entregas esporádicas presentan os seus traballos no territorio galego. Sobresaen neste plano de coincidencia o nome e obras de Rubén Santiago, que durante estes meses atopamos e atoparemos nunha serie de iniciativas en institucións varias; só sinalar a próxima “Emporios invisibles” na Fundación Granell, “Auga” na Obra Social de Caixa Galicia en Santiago ou o V Premio Auditorio de Galicia, sen deternos na súa presenza da colectiva “Residentes’05” e no certame Imaxinarte. E todo nun marco de tres meses; e todo sen citar as moitas propostas en Barcelona e Porto principalmente.
Fronteira narrada
A mostra que presenta na galería DF, na rúa de San Pedro en Compostela, pertence ó apartado das propostas fusión, aquelas que se integran nun indefinido proceso. Este último termo ten na obra deste autor unha das súa máximas, como moi ben detallaba na entrevista que lle realizamos no Búmerang. O presente exhíbese nun tubo alongado, de cor gris, que pendura do teito e a unha escasa cuarta do chan. A sensación é dunha estrutura que invade o espazo nun xesto de murmurio; silencio. A función deste tubo é moi sinxela, servir de depósito de líquido, que se evidencia cando mostra o seu interior evacuándose por dous tubos transparentes cara a dúas direccións: no retrete da galería ou, mediante un pequeno oco na porta, directamente á rúa. O pretexto queda claro, a ausencia dunha sinatura propia na obra e o asistirmos a un resultado no que non temos implicación directa, sendo meros espectadores, permite pensar nunha instalación ideada unicamente para o espectador ausente ou, tamén, para un visitante despistado. O tema resiste e permite unha lectura maior; baixo unha aparente sinxeleza compositiva, unha estrutura metalizada fría, e unha galería que ofrece pouco máis para alimentar a visita, todas as preguntas diríxense ó autor desta intención. Se entendemos como autor o que presenta os datos, os documenta e coloca en posición, queda a función de Rubén Santiago perfectamente exemplarizada cando observamos como sae auga durante uns instantes. A resposta está na propia acción, no momento no que nos decatamos que a nosa ausencia é tan importante como a propia mostra.
Pero continuamos nese desvelamento. O que ten de excepcional, pola novidade, e de imprevista e emocionada esta proposta denominada “Statement#1 (mexar fóra da taza)”, é o feito de fusionar dúas disciplinas pouco emparelladas: a presenza escultórica, física, e a realidade dispersa da net-art. Dúas áreas pouco dialogantes e, sen embargo, con inusitados resultados. Fóra da coincidencia nesta fronteira técnica a narración/relato do autor persiste aumentado; a propia referencia a expulsar un líquido que contén urina e auga nunha proporción 1-5, quere resumir a propia mostra nunha clara vinculación co xesto alterado, e que se ben se demostra nos poucos segundos que dura a citada evacuación, queda nunha pregunta maior sobre a función do visitante, do autor e do espazo. Dúas cámaras-web en cada un dos sitios nos que rematan os tubos liberadores acaban de construír parte desta historia: cada unha das accións son emitidas en tempo real e son observadas polos auténticos “responsables” das accións, os usuarios de internet que mediante a visita á páxina www.rubensantiago.net poden expulsar, nun sinxelo xesto, o contido. Mentres, o visitante observa.
Antepenúltima nota:
Quizais a pregunta máis importante é sobre a nosa asistencia ese día a unha exposición na galería DF. Quizais por esa e outras preguntas, polo menos no meu caso, sigo atento a todo o que fai Rubén Santiago.
Penúltima nota:
Vendo, apoiando ou acollendo estes xestos de achegamento de moitos destes nomes da denominada xeración foránea, sérvenos para engordar o noso mapa da arte galega; unha rede non o esquecemos, cada vez máis dispersa.
Última nota:
Por certo, entrade en www.rubensantiago.net e sede útiles nisto que chaman empresa ou maquinaria da arte contemporánea. As preguntas, para despois da visita.