Mente, movemento e a recuperación da actividade perdida
O movemento é una propiedade característica do reino animal. O sistema nervioso elabora ordenes que finalmente se transforman na contracción dos músculos. Grazas ao coñecemento científico xa sabemos como son grande parte dos mecanismos que hai detrás desta capacidade tan importante para a nosa supervivencia; agora os investigadores tratan de traspasar unha nova fronteira: a recuperación da parálise que se produce coas lesións medulares.
As plantas non se moven. Os animais, pola contra, precisamos desprazarnos para sobrevivir: movémonos para explorar, buscar alimento, para reproducirnos, fuxir dos inimigos ou do clima desagradábel; e tamén para facer todo tipo de actividades lúdicas. O alimento non nos entra co ar que respiramos, nin a través dos pés, hai que moverse! Este feito deu lugar a unha serie de procesos moi interesantes na evolución dos animais.
Dos sentidos aos músculos, pasando polo cerebro
En primeiro lugar, a necesidade de desprazamento require da existencia de sistemas que detecten cómo é o medio que hai arredor; calquera información que poida ser útil será benvida. Deste xeito aparecen os órganos dos sentidos, como un sistema de aparatos detectores que envían ao corpo datos sobre o exterior. A información que se recibe ten que ser filtrada, procesada e, finalmente, interpretada nun contexto adecuado: estes requirimentos deron lugar ao desenvolvemento do sistema nervioso. O produto da actividade deste sistema é a contracción de fibras musculares. Hai por tanto unha entrada de información, os sentidos, e unha saída, o movemento, e no medio un sistema que se vai facendo cada vez máis complexo (en realidade o fluxo de información non é lineal, senón circular, xa que o propio movemento estimula a actividade dos sentidos).
A conclusión do parágrafo anterior ven a ser máis ou menos que se temos cerebro é grazas á necesidade de movérmonos. Os seres que non se moven non teñen sistema nervioso, non hai datos complexos que analizar a toda velocidade; non se precisan por tanto órganos dos sentidos, non hai dor, non hai sufrimento. O feito de que repolos, tomates e leitugas non anden a brincar polas hortas permite a supervivencia de xente que é vexetariana. Paradóxicamente esta vantaxe de que existan seres inmóbiles está enlazada co feito de que moita xente vexetariana tamén está en contra da investigación con animais, investigación que está sendo indispensábel para a recuperación das persoas que non se poden mover. Grazas a estudos que están a realizarse agora, podo asegurar con rotundidade que no futuro os parapléxicos e tetrapléxicos serán unha cousa do pasado.
A chispa da vida
Todos os movementos que facemos de maneira voluntaria inícianse nunha zona do cerebro chamada codia motora, lugar no que hai neuronas que envían sinais eléctricas en dirección á medula espinal. Alí actívanse unhas neuronas que contactan directamente coas fibras musculares; ao chegar o estímulo eléctrico ao músculo as fibras contráense, producen movemento. A transformación é marabillosa: somos capaces de converter un pensamento no movemento dunha parte específica do corpo. E todo grazas a pequenos impulsos eléctricos que viaxan primeiro polas neuronas e logo polas células dos músculos. Cando se produce unha lesión na medula espinal que orixina a parálise dalgunha parte do corpo -como por exemplo no caso do mariñeiro e poeta Ramón Sampedro-, o que ocorre é que se danan as fibras nerviosas que conectan o cerebro cos músculos, fibras que teñen como misión carretar impulsos eléctricos. Se non hai electricidade non hai movemento.
Electricistas do corpo humano
Os científicos levan moitos anos buscando a maneira de reparar os nervios estragados e, aínda que non está sendo un traballo doado, moitos experimentos e experiencias xa mostraron resultados moi esperanzadores. Hai varias liñas de investigación; unhas baséanse na busca dos mecanismos químicos capaces de inducir a rexeneración dos nervios seccionados; algunhas estudan o uso de células nai como ferramenta que promova a recuperación das funcións perdidas; e outras buscan a recuperación do movemento mediante o movemento mesmo, activando artificialmente os músculos para que a súa actividade estimule de paso a rexeneración de todo o sistema de condución de sinais. Este último tipo de investigacións está representado polas chamadas terapias baseadas na actividade, probabelmente as máis “naturais”. O actor Christopher Reeve (Superman) beneficiouse delas e puido recuperar movementos e sensacións que algúns médicos prognosticaran ao principio como irrecuperábeis.
Entre as terapias baseadas na actividade está a utilización da estimulación eléctrica: xa que os músculos non reciben as sinais eléctricas procedentes do cerebro, podemos probar a movelos mediante pequenas descargas emitidas por electrodos pegados á pel. O movemento artificial que se produce pode axudar a activar mecanismos de rexeneración, ensinar de novo ao sistema nervioso cómo ten que facer para producir movemento. Os recentes experimentos do investigador John McDonald (o mesmo que tratou a Superman) indican que a estimulación eléctrica dos músculos produce de feito unha recuperación notábel. Un método de aplicación desta técnica consiste en facer pedalear a unha persoa paralizada nunha bicicleta estática mediante o uso dun computador que envía impulsos eléctricos aos músculos das pernas, reproducindo o movemento natural. O computador faría neste caso o papel do cerebro. No desenvolvemento normal do sistema nervioso os chispazos eléctricos que percorren nervios e músculos son os que perfilan e reforzan a función final. Con esta terapia -chamada “estimulación eléctrica funcional”- os impulsos eléctricos artificiais poden axudar á activación das células nai que hai no corpo, indicándolles o camiño para a recuperación do movemento.
Os seres vivos somos terribelmente complexos e plásticos, poucas son as causas perdidas. Todo é cuestión de tempo e coñecemento.
Ligazóns
O centro onde investiga o Dr. McDonald
Entrevista a John Mcdonald
Terapia baseada na actividade