Flores como coitelos vermellos
A escultura contemporánea actual nútrese dos máis diferentes ingredientes, soprenden descubrir aquela que dixire unha linguaxe conceptual, poética, a mesma que agora presenta o CGAC coa mostra de Richard Tuttle. Esta exposición serve como pretexto para prolongar as mensaxes, saltar fronteiras e atrapar ó mensaxeiro que volve do Porto, de admirar as mostras de Nan Goldin e Cristina Iglesias.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Nos últimos cinco anos esta cidade portuguesa, a segunda do país, recolleu as sementes que foi investindo ó longo da década dos noventa, agasallos e aplausos; unha aposta pola innovación cultural, a creación de infraestructuras, que confluiron o ano pasado na celebración da Capitalidade Europea 2001. Unha realidade cultural motivada pola existencia de artistas moi interesantes e pola creación de estructuras creativas —como as galerías da rúa Miguel Bombarda— ou institucións tan destacables como recentemente remodelado Centro Portugués da Fotografía ou, como primeira liña da vangarda, o Museo de Arte Contemporánea de Serralves, do coñecido Álvaro Siza. O contexto está marcado, o pretexto da visita —prolongar a mostra presentada no CGAC de Richard Tuttle— é aproveitar para emocionarse con dúas excepcionais exposicións: Nan Goldin e Cristina Iglesias.
Cando non queremos respirar
Estas dúas mostras descobren dous xeitos de entender a actividade dun centro de arte actual, a presencia no ámbito próximo, neste caso no peninsular con Cristina Iglesias, e cunha ollada no internacional, coa proposta de Nan Goldin; o museo como un barómetro do contemporáneo. Nan Goldin retrata o inmediato, a súa cámara fotográfica actúa agora como un amigo fiel que se achega, murmurando, lambendo o corpo, agora como unha man que fustriga, que roza lastimando e despeitea; as súas instantáneas —entre o mellor que se pode ver hoxe en día en Europa— son retratos dunha sociedade, a súa e a nosa, fala e debuxa do que coñecemos, a senrazón, o amor, a a identidade sexual, a existencia. Badaladas a carón dos beizos, ollos maquillados.
Flores nas túas paredes
Cristina Iglesias é unha das artistas españolas actuais máis interesantes que, como Juan Muñoz, recentemente falecido, ou Eulalia Valldosera, precisan triunfar fóra para ser aplaudidos na terra. A súa opción existe desde o natural, unha síntese da realidade. A diferencia de Nan Goldin, a súa escultura nace do real e convive na recreación, no contacto co visitante. Esta exposición fai un percorrido pola súa linguaxe arquitectónica, espacial, a mesma que se intúe nas obras que recrean tellados e muros ou aquela que xoga cómplice coas paredes, para rematar espíndose nas fermosas habitacións de celosías musulmanas; aire e cor. Sorprende ser testemuña de exposicións tan boas, achegarse a paredes preñadas de flores e talos, á sinxeleza dun teito de alfombras e, sobre todo, admirar a cativa voz de seda que se despremde dunha parede de formigón, como un coitelo vermello, as loitas mitolóxicas da beleza.
Porto segue a sorprender. O pretexto para visitalo agocha unha nova exclamación: sentarse na escultura de teatros, máscaras e troula de Juan Muñoz nas inmediacións da Torre dos Clérigos.