Véxome reflectido, logo existo: experimentos con espellos na procura da identidade individual.
Un dos maiores misterios que aínda lle queda por resolver á ciencia é o da auto-consciencia, esa sensación de “eu” que emana da actividade do cerebro. Aparte de nós, hai moi poucos animais que posúen a capacidade de recoñecerse como entes individuais, ou polo menos iso é o que pensan os científicos, porque neste caso a pregunta difícil é: como se sabe se un animal ten consciencia da súa propia existencia?
Polo de agora o club de animais que manexan o concepto de “eu”, e que por tanto posúen auto-consciencia, ten un carácter exclusivo, xa que está formado unicamente por un grupo de primates –os simios: chimpancés, bonobos, gorilas e orangutáns– e polos golfiños –en concreto o arroaz–. A cousa pode ser aínda máis limitada porque, incluso neste fato de animais, os investigadores non poden afirmar con rotundidade que todos os membros teñen consciencia de “eu”; é, nunca mellor dito, unha cousa individual.
Unha pregunta difícil
A investigación de calquera aspecto relacionado coa consciencia dos animais é difícil e delicada. A un ser humano poden facérselle preguntas e probas diversas para comprobar que, de feito, ten consciencia da súa individualidade mais, que se lle pregunta a un chimpancé? E a unha bolboreta? Como se lle fai a pregunta? Non podemos conversar cos animais, así que hai que idear algunha maneira de penetrar nas súas mentes...se é que as teñen.
A tecnoloxía máis avanzada de momento non sirve de moito cando se trata de estudar a existencia de auto-consciencia. Podemos utilizar máquinas para coñecer a actividade eléctrica dos cerebros, mais as imaxes que resultan dan pouca información sobre o estado mental. Con todo, a mellor ferramenta que teñen os psicólogos é a observación do comportamento. Co estudo das actividades e xestos dos animais podemos sacar información útil sobre a capacidade cognitiva, mais hai que ser coidadosos e non deixarse enganar por esa manía tan antropocéntrica que temos as persoas de “humanizar” aos animais. Hai, por exemplo, animais tan intelixentes e complexos como os cans que non son quen de superar as probas deseñadas polos investigadores para detectar se teñen consciencia da súa individualidade.
O test da marca, un experimento definitivo?
Se vives cun gato seguro que tes observado que, ao pasar diante dun espello, ignora o seu reflexo: ao mellor pode pararse a xogar con “iso” mais, recoñécese a si mesmo na imaxe? Para decidir se un animal ten ou non a percepción de “eu” os psicólogos buscan indicios nos chamados “marcadores de mente”. Un destes marcadores é a existencia de empatía, a capacidade de porse no lugar dos demais, de compartir os seus sentimentos (por exemplo consolar –pasar unha man por riba do ombro– a outro individuo víctima dunha agresión). Téñense observado comportamentos que poden indicar empatía nos animais do club antes citado, e tamén nos elefantes. Hai outro marcador que é menos subxectivo e probabelmente máis eficaz, trátase do “test da marca” ou “test do espello”. A primeira evidencia seria de que hai animais con formas rudimentarias de auto-consciencia xurdiu en 1970 coa aplicación deste test aos chimpancés, experimento que foi ideado polo psicólogo norteamericano Gordon Gallup. Neste traballo clásico púxose durante uns días un espello ao alcance dun grupo de chimpancés. Nos primeiros días trataron a imaxe reflectida como se fora a de outro individuo, mais ao pouco tempo comprenderon que o que estaban a ver era o seu propio corpo e utilizaron o espello para curiosear e explorarse a si mesmos. A continuación anestesiouse aos animais e pintóuselles cun rotulador unha marca na cara. Que fixeron os chimpancés ao espertarse e contemplarse de novo no espello? Levaron a man á marca...na súa cara, non no espello. Por tanto recoñecían que o que estaban observando reflectido era a súa imaxe. Esta foi a primeira demostración clara da existencia de auto-recoñecemento nun animal distinto aos humanos. E, certamente, non é unha habilidade moi común: hai primates como o macaco que poden pasar 12 anos diante dun espello sen pasar o test. Nestes casos os monos interpretan a imaxe do espello como a doutro mono, como a dun estraño que por algunha razón ten o costume de repetir os xestos que un fai. O resto de animais que non forman parte no club –incluíndo cans, gatos e elefantes– non superan a proba nin de lonxe.
O ligoteo dos capuchinos
Entre os estudiosos da consciencia animal hai dous grupos con teorías ben distintas: un grupo cre que fallar o test do espello é unha clara indicación de que non se ten a percepción de “eu”; o outro grupo opina que a consciencia é unha propiedade que xurde de maneira gradual no reino animal, e que por tanto poden existir animais que non pasen ese test mais que teñan un certo grao de auto-consciencia. Defender a teoría do primeiro grupo e case como dicer que unha sardiña e un can teñen mentes similares. Hai datos recentes que suxiren que as cousas non son así: este verán publicouse un traballo na revista PNAS (Proceedings of the National Alcancemy of Sciences) que apoia a segunda teoría. Trátase dun estudo nun grupo de primates que non supera o test da marca, os monos capuchinos, chamados así por unha mata de pelo que teñen na cabeza. Segundo os autores do traballo, estes monos non se recoñecen diante do espello, mais tampouco reaccionan como se estiveran vendo a un estraño: a súa conduta é unha cousa intermedia, con xestos entre amigábeis e de curiosidade que inclúen contoneos e bicos, de tal xeito que até parece que tratan de ligar coa súa imaxe. Este traballo reforza a idea de que o test da marca pode ser enganoso, unha simplificación excesiva, e que por tanto os psicólogos deben ser cautos ao falar sobre as capacidades cognitivas dos animais.
Non é fácil adentrarse en conciencias alleas, e menos cando falta a comunicación a través da linguaxe. Tampouco é doado definir a consciencia. Entre as bacterias e os primates temos unha gama enorme de posibilidades; son a maioría dos animais simples robots? Teñen consciencia as sardiñas?
Ligazóns
Artigo en “Science news”