culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

18/30 Pablo Pérez Sanmartín

Pertence Pablo Pérez Sanmartín (Pontevedra, 1980) á última liña de autores galegos. A súa obra trázase desde o debuxo e na metódica dispersión de disciplinas e contaminacións doutras áreas creativas. Sobresae na súa traxectoria a seleccións en colectivas fóra de Galicia como “Mid_E. Arteleku”, “Generación 2005. Caja Madrid”, “No somos Nadie” (Centre Civic Sant Andreu. Barcelona), “Getxoarte 2004”, nas actividades do Medialab Madrid ou en “Hors d´oeuvre. Ordres et désordres de la nourriture: Morceaux de choix” na Galerie des projets do CAPC de Burdeos. Mentres tanto, seguimos os seus pasos na participación en certames como o “III Premio Auditorio de Galicia”, no proxecto IFI, en “Novos valores 2004” ou na “VIII Mostra Union FENOSA”.

Atrapade o mensaxeiro
14 / 10 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Búmerang1. Atopamos na túa obra unha aposta polo debuxo. ¿Como observas esta novidade da liña, do trazo, nos discursos máis actuais?

O debuxo é algo fundamental xa que constitúe o punto de partida na obra de moitos artistas. No meu caso ocorre o mesmo, só que se acompaña dun proceso exhaustivo de documentación fotográfica, que acaba por conformar o groso dos elementos que interveñen nas miñas composicións. Ocorre así que o resultado final é unha imaxe procesada, que non estou moi seguro de que teña algo que ver co debuxo nun sentido de inmediatez, de xesto e contacto directo co papel, pero que si mostra unha liña debuxística. Quizais a súa presenza cada vez máis puxante en determinados discursos e poéticas ten que ver coa súa vinculación coas linguaxes publicitarias e co campo expandido no que se atopan ultimamente a ilustración e o deseño gráfico, discursos que forman parte importante do meu traballo, e quizais a súa presenza na miña obra teña que ver coa miña afección ó cómic e ás formas narrativas secuenciais, pero quen sabe… poñerme a definir que hai ou que non hai presente na miña obra de toda a información visual que proceso diariamente paréceme perigoso para as miñas neuronas, ademais, os mellores referentes (ou os máis importantes) sempre son os que actúan desde o subconsciente.

Búmerang2. O teu traballo varía entre diversos medios, no plano do soporte bidimensional, no vídeo e na escultura. ¿Cal consideras que é o lugar do soporte na produción dun artista?

No meu caso está ó servizo do discurso. É algo que nin me cuestiono, desenvólvese parello á obra. Pode soar a tópico de artista multidisciplinar, pero dígoo presentándoo como a miña opción creativa. En canto á escultura, a miña obra afondou puntualmente en procesos ligados ao happening e á performance, vinculados ao meu interese polos mecanismos de produción en serie e identidade corporativa, e a reivindicación do sampling e o apropiacionismo como mecanismos contestatarios fronte á saturación de redes e discursos, herdanza do meu traballo como Video-Jockey. Froito de todo xurdiu, por poñer un exemplo, “Tomorrow people”, unha colección de cromos que foi presentada no festival de arte e novas tendencias IFI 2004, e que creo que responde ben a esta pregunta, xa que a obra a constituía o propio proceso de coleccionar os cromos e de completar a colección, os cromos como obxecto en si mesmo, e as diversas manobras de promoción do produto, como os spots que realicei, unha serie fotográfica de carteis, e o vídeo documental do proceso… Diferentes formalizacións dunha mesma idea que se nutrían entre elas, creando cada vez unha poética máis complexa.

Búmerang3. A túa obra presenta unha impecable definición compositiva e unha tendencia a narracións contaminadas. ¿Cales pensas que son as claves que as definen?

Ante todo, unha busca de definir o meu propio universo simbólico, cos seus propios personaxes, elementos e situacións recorrentes, pero que apelen a un sentir universal, no que cada un sexa capaz de recoñecer a súa propia historia. Considero que o meu proceso de formación e de desenvolvemento, como individuo e como artista, foi un proceso de fuxida de diferentes contornos que dalgún xeito sentín como guetos: xeográficos, sexuais, culturais,… de micropolíticas que sempre sentín como alleas, e polas que non sentín máis que unha especie de curiosidade analítica. Dese proceso de fuxida extraín ese terreo de ninguén que serviu como pano de fondo a miña primeira serie: “pasións dixestivas”. Un territorio aséptico, composto por varias capas en transparencia que remiten vagamente a un escenario industrial, unha natureza morta global. O propio título da serie facía referencia ó proceso de dixestión de todos os referentes que manexara ata o momento, reivindicando de paso, en certo modo, o emocional como forma de coñecemento.

Búmerang4. ¿Como observas a promoción de novos autores galegos? ¿Crees que son efectivas iniciativas como os actuais certames, as bolsas ou a recente iniciativa de San Martiño Pinario na que participaches? ¿Cal pensas que sería un bo modelo?

Por unha parte, necesaria. Os artistas galegos novos aínda temos arraigado o xen da emigración, e actualmente hai unha cantidade asombrosa de artistas galegos cunha presenza de peso nas grandes capitais culturais, que en Galicia tardan algunhas veces en percibirse.

Por outra parte, observo uns mecanismos de promoción, en todas partes en xeral, moi centrados en potenciar individualidades, dun modo moitas veces análogo ós “one hit wonder” da industria musical, xa sabes, hoxe telo todo, mañá nada… Non sei, probablemente sempre fora así, pero hoxe véxoo máis palpable, quizais pola progresiva asimilación da arte na industria do ocio, que propugna un pouco a súa asunción como espectáculo global e produto de tendencia. Persoalmente interésanme as iniciativas que fomenten a creación de redes de intercambio e cooperación entre artistas, con algo de presuposto para produción de obra, que sempre vén ben. En canto a iniciativas de promoción, unha das máis intelixentes e que máis me chamaron a atención ultimamente, é a de “Divergentes”, no País Vasco, que becaba a varios artistas en diferentes industrias pertencentes ó sector tecnolóxico, conseguindo un intercambio realmente interesante entre creación artística e investigación e desenvolvemento da industria local.

Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.

A arte é o meu xeito de comunicarme co mundo, así que calquera proxecto que me permita seguir renovando diariamente a miña imaxe do mesmo, e seguir coñecendo xente e lugares incribles… E como isto último quedoume moi New Age, tamén teño que dicir que estou traballando nun proxecto con imaxes estéreoscópicas de gran formato, para ver coas famosas gafas vermellas e azuis, que aínda non ten título definido, pero que ben podería ser “let´s get physical”, como a canción de Olivia Newton John… Tamén me din conta, a raíz dun par de colaboracións nas que estou traballando, que me interesa bastante o ámbito editorial, así que empezarei a programar algo específico para ese medio…

Ligazóns
Reportaxe artistas en San Martiño Pinario


Fundación Caja Madrid


Medialab Madrid


Arteleku


Centre Civic Sant Andreu


CAPC Bordeaux

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org