culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Coa faciana pegada á terra

Coinciden nestes meses no MARCO dúas mostras colectivas certamente novidosas pola súa concepción e deseño; unha dedicada á última realidade fotográfica en Austria e outra na que se realiza un achegamento á arte xaponesa da segunda metade do século XX. “A patria está ao virar da esquina” e “Chikaku” serán os vértices de comezo de cada un dos itinerarios que se entrecruzan continuamente en fíos cómplices.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  

Asistimos o pasado venres, despois do que significou en número de público a inauguración da mostra “Indisciplinados”, a outras das máis multitudinarias na historia do MARCO. Todo para descubrir a realidade xaponesa. Resulta máis que lóxica esta interese case tumultuosa pola fantasía e ambiente xaponés, fortemente imbricado nos escaparates da sociedade occidental desde parámetros sociais e culturais, desde a literatura, o cine, a banda deseñada, a arquitectura ou o deseño; polo medio destes campos fíltranse parte dos contidos que estes días se presentan na planta baixa do museo: as artes visuais contemporáneas. Fotografía, performance, vídeo, instalacións e esculturas que falan en primeira ou segunda persoa dunha das máis interesantes e curiosas áreas xeográficas mundiais, polo menos para os ollos europeos. Asistimos coa curiosidade que atopabamos nos haikus e nas pinceladas de tinta negra soltas sobre un groso papel. Atopamos unha das realidades máis definidamente xaponesas e menos tópicas do momento, en esculturas que falan de tempo e as numerosas fotografías que pronuncian a memoria en cada percorrido.

Pero a mostra serve tamén de pretexto para debater sobre a presenza de colectivas que enmarcan unha determinada xeografía, e que se definen nunha aposta clara polo retrato colectivo. Unha liña na que se reafirma a programación do MARCO e conforma, con estas dúas novas propostas, un novo éxito, e todo coincidindo no sempre complicado territorio de cambios de direción do museo.

Topografías de seu
Baixo unha curiosa pregunta, as dúas mostras relacíonanse entre sí nese plano de interrogación que nos fala da necesidade de analizar o feito creativo desde unha identidade nacional, desde un postulado que fala de patria ou nación, que fala coa letra do contorno. A etiqueta nación, que remite a unha cusiosa e interesantísima dúbida, chega da man dunha serie de obras que pretenden ser espello da realidade artística actual destas dúas xeografías. Para iso existe un tramo común, de tempo e memoria no caso de Chikaku e de identidade e terra en Austria e que asignamos en cada obra; non resulta casual que moitas das obras destilen ese zume nacional, as claves identificativas que nos axudan no achado de recursos lonxe de tópicos.

Nas dúas iniciativas recórrese a autores referenciais, moi coñecidos no caso de Xapón e con algunha que outra sorpresa no apartado austríaco. Chikaku confórmano as ducias de tendencias que se dan cita en instalacións escenográficas, de realidades plásticas e fotográficas que protagonizou a arte xaponesa da segunda metade do pasado século: a busca de peles atraíntes, unha definida decoración que nunca pecha un contido literario, de narracións de fonda tradición e unha variada tendencia de atopar ó home/muller nunha situación límite ou nunha plataforma vivida que existe despois do seu territorio. Nomes como Yoshihiro Suda, Emiko Kasahara, Hiroshi Sugimoto, Tetsuya Nakamura ou Miwa Yanagi representan varios dos argumentos de tese desta mostra e que podemos ver por vez primeira en España despois de visitar a Khunsthaus de Graz, esa curiosa arquitectura azul que crece entre rúas medievais ó xeito de bulba orgánica ou nave espacial.

De xeito paralelo, preséntase a fotografía austríaca como un prólogo do que será a próxima edición da feira Arco, na que actuará de país invitado. A súa imaxe fálanos dunha presenza case ditatorial do ser humano, diante dunha paisaxe identificativa, un país de fortes cambios nunha realidade de fronteiras —económica, social e política—, ponte entre dúas Europas, reforzando a pregunta inicial de ¿cando comeza ou remata a etiqueta nacional nunha obra? Erwin Wurm, Peter Dressler , Leo Kandl ou Eva Schlegel, entre máis de dez autores, dictan moitas das posibles respostas neste itinerario de pequenos cantos xeográficos, case ó ritmo de áreas rexionais ou locais, de relatos dentro dunha habitación ou descansos en autoestradas.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org