Algúns problemas de vivir nas naves espaciais, eses estupendos hoteis rodeados de bacío
As plantas e animais que habitamos o planeta Terra temos corpos e costumes adaptados ao efecto da gravidade. A ausencia desta forza fundamental provoca cambios tanto na fisioloxía como na vida doméstica dos astronautas, cambios que teñen que soportar dentro dunha claustrofóbica caixa de metal. Nas viaxes espaciais todo, ou case todo, está pensado para que os tripulantes sobrevivan nas mellores condicións posíbeis.
Hai millonarios que están dispostos a pagar moitos cartos para vivir a experiencia (o último, Gregory Olsen, aínda no espazo, pagou uns 16 millóns de euros); unha experiencia única e privilexiada, desde logo, mais tamén chea de problemas e cambios desagradábeis respecto á vida na Terra. Vivir e traballar no espazo é un reto para a saúde física e mental de calquera. Os tripulantes, incluídos os de pago, viven sen luxos diarios e deben combater mareos, claustrofobia e morriña todos os días, ademais de dispor de moi pouco tempo libre para asomarse polos portelos e quedar abraiados coas vistas.
Ar
Problema número un: no espazo non hai ar. Os seres humanos precisamos de osíxeno para vivir porque as células do corpo combinan este gas cos alimentos para producir enerxía. Unha solución sería levar bombonas, como os mergulladores, mais outra mellor é fabricar o ar in situ. Na Estación Espacial Internacional (ISS), onde os astronautas pasan varios meses, créase osíxeno mediante electrólise –técnica que consiste na utilización de electricidade para separar os compoñentes dunha sustancia química–. Utilízase electricidade para separar auga en hidróxeno e osíxeno, igual que ocorre na fotosíntese das plantas –neste último caso a enerxía provén da luz do Sol–. O osíxeno é respirado polos astronautas e o hidróxeno, pouco útil para os pulmóns, é liberado ao espazo. A calidade do ar é controlada con moita precisión dentro dos artefactos espaciais, porque ademais de prover de gases respiratorios, tamén hai que eliminar residuos producidos polos astronautas como o amoníaco, acetona e dióxido de carbono.
Auga
Outro problema número un: ademais de ar, o corpo humano precisa de auga, xa que está composto en grande parte por líquidos. En realidade seguimos sendo animais mariños compostos por billóns de células que aboian nun mar chamado líquido extracelular. Na ISS o auga é reciclada continuamente mediante un proceso que consiste en recoller a humidade e condensación do ar e convertelas en auga para beber e asearse. Mais iso de estar formados por líquidos trae outros problemas: ao faltar a gravidade a sopa química que levamos dentro distribúese de maneira distinta causando cambios en varios sistemas. Os líquidos tenden a subir á cabeza e provocan unha inchazón e sensación febril practicamente continua. Ademais tamén se modifica a función do corazón e dos vasos sanguíneos, encargados da distribución do sangue polos tecidos: o sistema de bombeo e transporte ten que variar para adaptarse ás novas condicións.
E falando de auga, ai arriba hai actos cotiáns que se converten en luxos cósmicos, como por exemplo unha ducha quente. Para tomar unha ducha precísase auga e gravidade, dúas cousas que non abundan a 400 Km de altura. Solución: duchas sen auga. Os astronautas aséanse tomando “baños” todos os días con toalliñas húmidas, un xampú que non precisa aclarado para lavar o pelo, e un aspirador para succionar os restos de humidade e xabón. Defecar no espazo tamén ten os seus problemas ao non existir esa axudiña da gravidade para que os excrementos aterren no lugar axeitado; a cousa soluciónase cun pequeno retrete que funciona por aspiración. Para mexar utilízase unha especie de funil (cada astronauta ten o seu funil persoal) que tamén se adapta a un aspirador.
Corpo
Os astronautas deben estar preparados para calquera emerxencia médica que poida xurdir. No espazo non hai farmacias nin médico de guarda, aínda que iso de estar rodeados de bacío tamén ten algunhas vantaxes: non deben de preocuparse de xérmenes, porque no ambiente estéril no que viven non hai sitio para eles. Coller un catarro na ISS é algo que non ven no manual de instrucións. Mais hai problemas físicos que, pola contra, son case inevitábeis, como os causados pola falla de uso dalgúns sistemas do corpo. O deseño e volume de músculos e ósos está adaptado a soportar a unha persoa na superficie da Terra, mais ao non existir gravidade o peso é nulo e eses tecidos poden estragarse. Para evitalo, os astronautas dedican dúas horas ao día a botar unhas carreiras nunha cinta sen fin. É unha actividade obrigatoria e máis importante canto máis tempo se pasa no espazo, xa que sen ela os viaxeiros non poderían camiñar ou terse de pé ao regresar á Terra.
Estes exploradores teñen outro problema moi importante: fora da atmosfera terrestre os niveis de radiación que se reciben son elevadísimos. As radiacións proceden do vento solar, raios cósmicos e de partículas atrapadas no campo magnético da Terra. Un astronauta que pase seis meses na ISS pode recibir unha radiación equivalente a facerse entre 300 e 450 radiografías (toma raios X!). É un risco difícil de evitar –por exemplo reforzando a estrutura das naves espaciais–, e é moi probábel que sempre cause algún dano en todos os astronautas, como pode ser a modificacións no ADN das células –que incrementa o risco de sufrir ou de transmitir enfermidades–.
Electricidade
Na ISS potencia eléctrica é o recurso máis crítico, porque pon en marcha todos os aparatos e sistemas comentados arriba. A fonte de enerxía máis facilmente dispoñíbel a esas alturas é, claro que si, a solar, de xeito que a ISS utiliza paneis solares combinados con baterías recargábeis para captar e almacenar a enerxía e así dispor sempre dela, tamén nos continuos momentos de “eclipse” da órbita. Os aparatos funcionan a 160 voltios e, igual que cos electrodomésticos das casas, o circuíto eléctrico debe ter unha toma de terra para disipar electricidade. Non hai problema de que os parta un raio, mais si de acumulación de cargas eléctricas na estrutura. Na Terra isto soluciónase conectando o sistema a un ferro chantado no chan, no espazo a toma de “terra” consiste nun “contacto de plasma”, que une a estrutura da nave ao espazo exterior e permite a eliminación de ións e electróns.
O meu lar
A habitabilidade dos enxeños voadores non é como para saír nunha revista de deseño interior; os espazos son pequenos e hai poucas concesións ao confort. Na Lanzadeira Espacial os astronautas fan grande parte da vida na chamada plataforma-central, que mide catro metros de largo e entre 3 e 4 de ancho. Para durmir utilizan sacos que agarran a calquera parte –con correas ou velcro para evitar tropezar coas cousas– ou tamén poden botar man dos asentos da cabina.
Comer no espazo tampouco é, de momento, ningunha marabilla, aínda que sen ningunha dúbida as naves son os “restaurantes” con mellores vistas. A maioría da comida está deshidratada ou conservada en latas e segue un estrito control personalizado para que aporte a cada navegante todos os elementos necesarios (por exemplo, debe dosificarse con precisión a cantidade de ferro que toman na dieta, xa que no espazo os astronautas teñen menos glóbulos vermellos e o exceso de ferro podería causar problemas). Non hai disputas para fregar os pratos: como non se pode estragar auga, os utensilios e bandexas límpanse con toalliñas húmidas.
Moitos problemas e penalidades para, como xa contaba no artigo anterior, saborear momentos únicos. Observar a Terra, sentir a inexistencia de gravidade, converterse nun satélite humano…experiencias que os astronautas están desexando contarlle por teléfono á familia (na ISS poden chamar por teléfono a calquera parte utilizando a telefonía por IP a través dun ordenador portátil, igual que aquí abaixo co “Skype”).