17/30 Iván Prieto
Coincide a obra de Iván Prieto (O Barco de Valdeorras, 1978) estes días en dúas iniciativas diversas, o certame Na Vangarda, no que lle foi outorgado o terceiro premio, e a convocatoria de bolsas da Consellería de Cultura reunidos en San Martiño Pinario. A obra deste autor, sempre nunha coherente dixestión dos valores de ficción e realidade, en escenografías e campos de drama, comicidade e ironía, resulta das máis suxestivas da última promoción de autores galegos. Sobresae a súa individual dentro do programa do Outono Fotográfico 2001 e na sala de mostras de El Correo Gallego, ademais de participar nos últimos anos en colectivas como "Adosados" (Fundación Granell), "Esta historia sóame" (galería Espacio 48) ou "Emerxentes" (Casa da Parra) e en certames de promoción como o III Premio Auditorio de Galicia ou Novos Valores 2001.
Atrapade o mensaxeiro
30 / 9 / 2005
Búmerang1. Vés de participar e gozar da Bolsa de Artistas da Consellería de Cultura e gañar o terceiro premio do certame Na Vangarda; ¿consideras axeitadas estas ou outras iniciativas na promoción dos creadores máis novos?
Por suposto, penso que este tipo de iniciativas son moi importantes xa que sempre son unha bomba de osíxeno para os que traballamos nisto. Cando empezas non é doado vivir da arte, e os premios sempre axudan no plano económico e fan posible seguir desenvolvendo o teu propio proxecto artístico de cheo, polo menos durante certo tempo.
Aínda así a cousa podería estar moito mellor... dáse certa difusión e promoción pero non é suficiente, e a miúdo limítase ó ámbito rexional. Non obstante iniciativas deste tipo son sempre benvidas.
Búmerang2. Atopamos cada unha das túas obras dentro dun proxecto en evolución, pero sempre nunhas continuas vinculacións entre realidade e ficción.
Si, supoño que unha das constantes é a de formular unha serie de interrogantes a través do misterio de certas situacións. Ó dispoñer un espazo con todos os seus elementos decorativos: mobles, papel de parede, cadros, etc. o intento é que a escena sexa o máis críbel para o espectador. O mesmo pasa coas figuras que presentan certos trazos “realistas” coa mesma intención. Penso que o curioso é que a pesar das deformacións do corpo, o estraño das personaxes, o contorno, etc. o espectador está en situación de crer moito máis o que ve, a pesar desa ficción. É unha farsa, unha gran mentira contada en clave real.
Búmerang3. Gustaríame que detallases cales son os referentes de autores, fóra de disciplinas, que nos serven de pautas para achegarnos á túa obra.
Vai parecer estraño, pero Vermeer ultimamente interésame moito, sobre todo a nivel compositivo. Compón fragmentos de habitacións, que é o que estou tratando de recoller. Logo están Balthus e Hooper, sobre todo nos seus interiores e na súa mirada “vouyer”. Medardo Rosso é a envoltura, a insinuación da forma. Segal primeiro e despois Juan Muñoz como presentadores da figura no espazo. Por suposto non me podo esquecer de Leiro, Gormley e fantásticos fotogramas do xenial David Lynch.
Búmerang4. Drama, escenografía e certa aparencia metafórica, surreal e onírica, son claves da túa produción sempre nunha forte dependencia narrativa.
Supoño que cando tratas sobre a condición humana hai sempre unha dose dramática, pero creo que o drama comeza na parte humorística. Sempre trato de restarlles traxedia a eses corpos brandos, magullados, corpos de papel,... dispoñéndoos dun xeito cómico. Os últimos traballos teñen que ver co mundo do circo e explican moi ben esta condición tráxico-cómica. En canto a esa parte surreal diría que radica nesa busca do que está aí claramente pero non se ve...
Para min é necesario contar unha historia. Hai unha serie de pezas que teñen que encaixar e ter sentido, pero sempre trato de non definir outras para que o quebracabezas se conforme de distintos xeitos. Así, ás veces recollo imaxes de obras anteriores, que figuran como decoración de parede, para dar novos datos e tamén para “estrañar” máis ó espectador.
Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.
Falareiche do proxecto que estou levando a cabo, que aínda non é realidade. Neste caso seguindo a miña liña, trataría de empapelar unha habitación cun deseño de papel conformado por bocas que se repiten sacando a lingua. Alfombra negra. Nun enorme sillón vermello aparecería unha muller amosando o seu sexo. Ó seu lado un home en actitude triunfante e coa cabeza brillante. Todo isto representaría o momento despois dunha acción un tanto inusual. A idea do proxecto sería a de chamar a atención sobre o espectáculo levado ó seu extremo, xa que a curiosidade actual non se conforma tan facilmente, necesita do sensacionalismo extremo. Cando hai unha chamada á contemplación do nunca visto, ó Freak-Show, somos os primeiros en xirarmos ante este desfile dos horrores.