8 notas para unha caída
Carmen volve, sete anos despois, a visitar as salas da galería SCQ, pero agora para inaugurar un novo enderezo, unhas novas salas. Acostumados á súa fusta de memoria e lectura vánitas, percorremos as súas obras co dicionario aprendido.
Atrapade o mensaxeiro
27 / 9 / 2005
Non podemos deixar de pensar que cada unha das pezas de Carmen Calvo son testemuñas e lembranzas, olladas e murmurios, do pasado; son interrogatorios diante do espectador. Quizais por esa intención de pregunta constante, a mellor das liñas que esta artista tensa é a das indefinicións, que executa diante dunha palabra que sintetiza ou atrapa moitos dos seus mundos. Poñemos os fíos e as palabras necesarios para seguir tensando a corda dunha drama, dun teatro no que o espectador indaga, sentíndoo alleo ou mollado de narración, segundo dispoña a nosa autora.
Fusta
Primeira voz: vara delgada e flexible, cunha correa nun dos extremos, que serve para afalar as bestas e cabalos.
Segunda voz: o socorro que se atrapa nun berro mudo mentres a fusta localiza a súa función. Carmen Calvo instala a dor do momento, a tensión que se aperta a cada intre da vida; nada queda tranquilo. Toda a carne sempre á espera dun castigo, dun remordemento que cada obra sempre executa.
Memoria
Primeira voz: capacidade para recordar, acordanza, acordo. Presenza na mente de algo pasado.
Segunda voz: queda un sorriso na memoria, unha migalla de tempo concentrada nun apartado do cerebro, para volver, para afundirse. A memoria sempre presente, sempre activa. A sorte de interruptor que Carmen Calvo deposita en cada obxecto serve de fío polo que escorrega a memoria. Colaxes e debuxos, manequíns e caixiñas, durmidas dunha loita de tempo para deixarlle ó visitante a oportunidade de deixar de ser caducas.
Tempo
Primeira voz: sucesión ou duración das cousas e dos acontecementos.
Segunda voz: sempre quixen que non pasaran os días, atrapaba cada obxecto que ía atopando, para ir trenzando salvagardas ó meu naufraxio. Un día esquecín porque existía; nunca esquece Carmen Calvo, nunca deixa de percorrer as periferias do real para non deixar de salvarse. Un tempo escápase para outro permanecer; atamos a lembranza máis querida, aquela que serve de espello da túa infancia, da túa nai ou da túa avoa.
Descenso
Primeira voz: acción de descender.
Segunda voz: caía sen poder amarrarme; sempre atopaba un anaco de corda no que amarrarme, para logo seguir caendo. Intento atopar sempre a Carmen Calvo nun xesto de descenso intencionado; pero a caída que non sempre atopa un resultado físico. Descende na poética da melancolía e da resistencia desde o suxestivo, desde un apartado de carne que recorda ó ser humano, nas súas dúbidas e nos seus soños. Unha última parada para mirar, antes de volver a caer.
Morte
Primeira voz: terminación definitiva da vida dunha persoa, dun animal, dunha planta ou calquera organismo biolóxico.
Segunda voz: pensaba na única vez que lle dixera unha frase de fronte, antes de poñelo nun marco. Carmen Calvo para sempre intentando poñerlle estadas a un tempo pasado, afirmando o encoro de caídas, o terro que finalmente sepulta a imaxe. Antes está o exercicio de afirmación desde o presente. Non sabemos o que é morrer, sabemos da ausencia, do baleiro que queda nunha fotografía velada, cos ollos escuros e as roupas brillando.
Labazada
Primeira voz: golpe dado na cara coa man aberta.
Segunda voz: quedoulle o castigo marcado na súa parte dereita, recordando para sempre o que lle dicían que era bo ou era malo nese teatro no que hoxe entraba. Carmen Calvo, guionista de accións improvisadas, durmidas pero asexando, deixa a labazada para o actor que hoxe mira o espectador; diante súa é todo efectividade, recórdalle no momento a debilidade dunha sentencia e a importancia dun xuízo.
Mirada
Primeira voz: acción de mirar.
Segunda voz: sempre a mirada, ausente ou eterna. A mirada de Carmen Calvo existe antes no tacto, nos dedos, existe antes nunha fusta que na retina; a mirada nos teus ollos, que pechan o seu relato. Porque existe unha mirada esperta, que rabuña e se adhire ó visitante, mentes este pregunta e pregunta.
Pasado
Primeira voz: en relación ó tempo, dise do transcorrido inmediatamente antes daquel no que xa está; pretérita.
Segunda voz: diante dunha pequena tumba miramos ás nosas costas, delatando o noso medo, os nosos medos. Sempre está o tempo, dándolle voltas á vida, sempre queda un pasado, un tempo terra, no que mirar e no que asentar un listón cunha nota onde escribimos: Carmen Calvo estivo aquí.