culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Trazos e un murmurio

Presenta a galería C5 de Santiago unha mostra coa que insiste na presentación e aposta polas novas promocións de autores galegos, neste caso centrado nas obras de Carlos Maciá e Félix Fernández, pintura e acción concentrados nun escenario.

Atrapade o mensaxeiro
13 / 9 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Cativa a sensación de invasión dun lugar íntimo, a mesma sensación de entrar nun lugar que localizas na proximidade pero que esixe un interrogatorio de sospeita. Toda unha suxestión participativa que existe despois de mancharse coa pintura e a distancia do pigmento sobre lenzos e paredes. Asistimos á proposta que a galería C5 vén de inaugurar o pasado venres, un completo achegamento ó traballo de Carlos Maciá e un prólogo de Félix Fernández, presentando unha instalación na última planta. Os dous autores pertencen ó grupo de nomes que, como Antón Cabaleiro, Eva Mendoza, Rubén Santiago ou Carlos Rodríguez-Méndez, expandiron a súa fronteira xeográfica, principalmente en Madrid ou Cataluña, nunha necesidade de experimentar e acadar novos espazos. Por iso mesmo, o feito de que moitos deles retornen en proxectos concretos de certames ou mostras debe servirnos para comprender a súa importancia dentro do panorama creativo galego actual. Convén destacar que, de xeito paralelo á cita que hoxe nos acolle, estes días moitos deles coinciden en iniciativas varias: Rubén Santiago na mostra “Vídeo á carta” da galería DF de Santiago, Antón Cabaleiro nunha próxima individual en Sargadelos e moitos outros no grupo de nomes que este mes se reúnen en San Martiño Pinario.

Cor, despois agarimo
Carlos Maciá desvirtúa completamente calquera coñecemento ou prexuízo que puidéramos ter coa pintura, esa gran caixa sen fondo. Mentres prepara a súa mostra na galería La Nave de Valencia, presenta unha selección de novas pinturas que invaden os catro niveis da galería, os seus corredores e escaleiras. “2046”, título da mostra, segue a liña interpretativa da película de Kar Wai Wong, a súa necesidade de expandir ritos e pretextos. Sen insistir na liña seriada, como sucedera nos seus anteriores traballos, Maciá dispersa un vocabulario de cores e expresións en cadros que son, antes de nada, impresións de acción, de comportamento. Nun vídeo pedagóxico nunha das salas asistimos ó ritual de procesos sobre unha superficie, no seu estudio. Sen un único medo de composición, cada unha das súas obras son impulsos de cor e xesto incontrolado, impulso cromático vibrante e disperso, emocionado; curiosidade de narración poética que bebe do feito visual, do seu lugar no campo do itinerario da expresión.

Félix Fernández, que prepara a súa participación no próximo ciclo de Latitudes, propón unha peza que condensa moitas das claves do seu traballo; un suspiro de instalación na habitación da última sala. Sobre a parede unha proxección do propio efecto de experiencia cotiá, nun discurso que presenta ó propio actor no acto de espertar, debaixo das sabas. Félix pertence á súa obra, curiosea na súa entraña, actúa de espello que existe desde a plataforma que debuxa a súa obsesión, o seu desexo; forma parte do engrenaxe que existe e se interpreta. Unha cadea de actuacións que se executan sobre a pel do vídeo, sendo este un medio de dilatación poética, de canle de suxestións no tempo que percorren o seu corpo como un segundo intruso no seu escenario íntimo. Insire no seu relato o efecto do soño, imaxes emerxentes da emoción, mentres diante unha cama desfeita delata a existencia dun pasado, dunha acción.

Nomes xa incuestionable da última xeración, que actúan de barómetros da boa e activa traxectoria nun contorno peninsular pero que recibimos sempre coa necesidade de complementar nun hipotético mapa creativo galego.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org