Os astronautas, exploradores flotantes do século XXI. Cómo se adestran e para qué
O traballo de astronauta é fascinante, perigoso e, tamén, moi escaso. En toda a historia da humanidade só un fato de persoas cunha capacidade e preparación extraordinarias teñen sido e son tripulantes de naves espaciais. Agora mesmo hai dous astronautas, un ruso e un norteamericano, na Estación Espacial Internacional (ISS), e outros sete veñen de regresar á Terra dunha accidentada misión na Lanzadeira Espacial Discovery. Como é a vida en órbita destes exploradores do século XXI?
Cando aos astronautas se lles pregunta que describan a experiencia máis sobresaínte de todas as que se viven nunha misión espacial, case todos din o mesmo: observar, aínda que sexa por uns segundos, a Terra. A unha altura duns 400 quilómetros e a 27.800 Km/hora de velocidade (datos da órbita da ISS) o planeta Terra aparece como unha enorme e fermosa esfera que pouco a pouco vai mostrando, como se fose unha longa fotografía sen final, montañas, océanos, auroras boreais, cidades iluminadas pola noite, tormentas eléctricas, tormentas de area, linguas glaciares, ríos, deltas e pozos de petróleo.
…e durmir de pé
Hai anos lin un libro titulado “Odisea dun astronauta” no que Joseph P. Allen, un dos primeiros astronautas en voar na Lanzadeira Espacial, describe a indescritíbel sensación de observar a Terra desde o espazo, a unha velocidade que permite dar unha volta enteira cada 90 minutos –un amañecer e unha posta de sol cada hora e media! –. Conta Allen que outra experiencia única e desconcertante é a de ingravidez. Aparte da inexistencia de peso e outras consecuencias máis ou menos divertidas do asunto, en ausencia de gravidade deixa de existir algo tan cotián como a posición horizontal e os conceptos de arriba e abaixo fúndense nunha difusa esfera. Os receptores de equilibrio do cerebro indican que se está continuamente en posición vertical –é imposíbel tombarse! –, algo que é un reto para a estabilidade psíquica dos viaxeiros espaciais –imaxinade pasar 6 meses así–. Cando un astronauta da unha voltereta o que percibe é que se queda totalmente quieto e que o resto do mundo xira arredor seu. Outra consecuencia desta verticalidade perpetua é que non precisan dun sitio específico para durmir; o que fan é agarrarse –con velcro por exemplo– a calquera parede da nave e fechar os ollos. Se nos quedamos durmidos na Terra, por exemplo sentados nun autobús, a cabeza cae bruscamente a un lado, pegamos unha cabezada e espertamos de novo; mais iso non pasa no espazo, a cabeza non cae para ningún lado e un astronauta cansado pode quedarse durmido en plena faena sen darse conta. Para evitar isto, conta Allen que algunhas veces teñen que vixiarse entre eles para manterse espertos.
O adestramento dos homes e mulleres orquestra
Antes de voar fora das garras da superficie terrestre, os astronautas candidatos pasan varios anos de exhaustivo adestramento. Deben converterse nunha especie de enciclopedias ambulantes con coñecementos sobre aeronáutica, enxeñaría, informática, medicina, meteoroloxía, psicoloxía, mecánica e todo o relacionado coas misións específicas que lles toquen (experimentos científicos, posta en órbita de satélites, reparación e manutención da ISS). Con todo, o reto máis importante é o de ter dotes para facer traballo en equipo. Ao final de cada proceso de selección sempre quedan varios centos de solicitantes que cumpren os requisitos de coñecementos técnicos, polo que a peneira final basease en grande medida en entrevistas persoais para descubir a eses astronautas perfectos compañeiros de equipo e ao mesmo tempo coa cantidade xusta de individualismo e confianza en si mesmos.
Cando se lles pregunta cal foi a parte do adestramento da que máis gustaron, case todos din o mesmo: as sesións de mergullo. Mergullo? Si, todos os candidatos deben completar adestramento de supervivencia no auga e converterse en mergulladores cualificados, pois grande parte do aprendizaxe das actividades que teñen que facer no espazo lévase a cabo nun enorme tanque de auga que simula a ausencia de peso –ollo, non simula a ausencia de gravidade–. Dentro da inmensa piscina hai réplicas das naves e aparatos que van a usar no espazo e con elas fan exactamente as mesmas manobras que logo terán que repetir a 400 Km de altura. Excepto o ruído e as vibracións do despegue todo o demais é duplicado e adestrado con precisión na Terra. Humm…casi todo.
Non se pode duplicar todo con exactitude: na Terra é moi difícil simular a ausencia de gravidade. Pódese ter esa sensación, por exemplo, ao ir dentro dun ascensor en caída libre: o ascensor e o ocupante irán á mesma velocidade e, ao carecer de referencias exteriores, o ocupante sentirá que flota no ar do interior do elevador. O mao é ao chegar ao final do recorrido. En vez de meterse en ascensores e romperse a crisma, os astronautas experimentan coa sensación de ingravidez a bordo de avións de adestramento que se deixan caer durante breves períodos de 20 segundos; neses momentos teñen a sensación de flotar no interior do aparato, o que aproveitan para aprender a moverse e orientarse.
Xornada laboral
O tempo medio de voo das Lanzadeiras Espaciais é de dúas semanas e media; outro cantar son as misións na ISS, onde os astronautas pasan tempadas de 6 a 9 meses (nos plans de colonización da Lúa e de Marte a duración dos voos espaciais deberá de ampliarse a anos e talvez algún día a xeracións). A xornada habitual dun astronauta é de 16 horas, aínda que teñen que estar “localizábeis” as 24 horas. Os traballos da tripulación das Lanzadeiras Espaciais inclúen realizar experimentos científicos, montar a ISS e manter a propia Lanzadeira. Tamén realizan misións que consisten na liberación, captura ou reparación de satélites. Na ISS o traballo principal da tripulación é realizar investigacións científicas, experimentos médicos (levan a cabo experimentos con eles mesmos e de forma rutineira toman mostras de sangue e as analizan) e manter a propia Estación. Isto último é un traballo intenso xa que hai que comprobar todos os sistemas constantemente: manter a presión e a calidade do ar e limpar os filtros, actualizar os sistemas informáticos, etc, etc. É como vivir nunha casa-coche na que á vez es fontaneiro, electricista, mecánico, carpinteiro, médico e investigador científico.
Unha das actividades máis interesantes son os paseos espaciais; algo así como por a un ser humano en órbita. Parece que é un exercicio difícil, divertido e algo mareante á vez, pois algúns dos homes-satélite teñen sufrido vertixes ao verse flotando a semellante altura da superficie da Terra. E aquí entra en xogo a experiencia mergulladora, incluso no referente á descompresión, xa que para realizar estas saídas ao exterior os astronautas deben seguir un proceso de descompresión, que dura algo máis de 2 horas, similar ao que fan os buzos logo dunha inmersión profunda. Isto faise para evitar a formación de burbullas de nitróxeno nos tecidos e no sangue, fenómeno que pode chegar a ser fatal para un ser humano en semellantes condicións de desamparo.
Mais a vida no espazo é moito máis que seguir o calendario de traballos específicos de cada misión. Os astronautas teñen que tratar de facer unha vida “normal”, algo que resulta bastante difícil a bordo dunha cápsula de metal que flota no espazo; igual que aquí abaixo, teñen que respirar, comer, chamar por teléfono a casa, asearse, durmir…No artigo seguinte veremos cómo sobreviven.
Ligazóns
NASA
http://www.nasa.gov
http://www.lanasa.net