culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

O fío e o pescador

Visitamos a mostra “Colección Caixa Galicia. Últimas incorporación” na nova sede da Fundación Caixa Galicia en Ferrol, para percorrer parte da creación do século XX en emblemas significativos, movementos e tendencias que alternan desde Picasso hasta Cidrás pasando por Susana Solano ou Vari Caramés.

Atrapade o mensaxeiro
19 / 7 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Un palco da música sen instrumentos no medio da praza, mentres saímos do aparcamento e entramos na nova sede da Fundación de Ferrol. Deixamos a fachada de azul claro mentres fóra os únicos xestos musicais están nuns skaters que saltan sobre escaleiras de pedra; golpes tras golpes de madeira sobre catro rodas que segue a recordar un perfil urbano que nunca queremos esquecer. Recibe a visita unha peza con referencia marítima de Martín Chirino que se funde nun fondo marrón, antes de elevar a vista e deixar que a luz caia e os ollos se enchan de claridade segundo elevamos a mirada. Esta nova arquitectura rehabilitada, en mínimos de perfís definidos, posúe o valor da doble faz, a doble dirección e o itinerario alterno. Comeza xa na primeira planta, nun intento de seguir a claridade, a mostra que durante todo o verán repasa a traxectoria das últimas obras incorporadas á Colección Caixa Galicia e que recolle o relevo colectivo da excelente mostra "Terra" de Tàpies.

Fíos colectivos
Cada mostra colectiva dunha colección pretende significar o mellor, o emblema, dunha serie de tendencias ou movementos dentro do río da creación; significa un tempo concreto e unha escolla determinada. O pulso dun pescador que rescata do ámbito dunha determinada traxectoria artística un perfil significativo, un elemento que serve de síntese ou condensación de moitas liñas; todo nunha sóa obra. Así queremos ver e visitar cada unha das pezas que se presentan nas tres plantas da Fundación nun repaso histórico polo século XX ata a actualidade. Comeza nun dos seus lados máis atractivos e complicados, na simbiose da arte coa sociedade, e que se proxecta perfectamente na obra de Leiro, nas súas catro figuras recolectoras de chapapote; case ó xeito dun cidadáns de Calais ven pasar ós visitantes enviándolles centos de preguntas; Farreras ou Manolo Paz, nesa mesma sala, persisten nunha lectura desde a abstracción, sen esquecer a memoria, xesto do que se esquece Rui Chafes para evocar unha maquinaria dos sentimentos, táctiles, visuais, surreais. Comeza este percorrido case sen decatarse da orixe, das bases de moitas destas letras; por iso a seguinte sala fainos retrasar a lectura ás vangardas, ó comezo dunha ruptura: Picasso, Dalí, logo Lugrís, Hernando Viñes ou Vázquez Díaz; tamén Souto perseguindo a historia da beleza feminina detrás dunha pel sedutora.

Invita a primeira estancia da planta segunda a unha relaxación case ferinte; un dos mellores poemas instantáneos de Darío Villaba, na súa contundencia de conto incisivo, como sucede coa poética de Millares ou os trazos mínimos de cor e plenos de intensidade de Saura, para logo Canogar pechar esta sorte de capela de austeridade enérxica. O resto do deambulatorio permite que o itinerario reafirme toda a estela cambiante e híbrida dos anos oitenta e noventa da arte peninsular e con xestos moi intensos de presenzas internacionais. Se Alberto Carneiro destila a forza da natureza, de novo Leiro repensa o feito dramático, mentres Susana Solano concentra a memoria da fraxilidade e a poética da caixa inestable, cama e colector de aire. As cidades de Miquel Navarro pechan unha dirección que Angelo de Souza remarca e que subliña Campano, a composición, que finalmente a pintura de Pedro Cabrita Reis e o magnífico Sean Scully fixan na mellor das intencións para unha nova década.

Na terceira planta recibimos aquelas propostas que rexistran o momento actual, os momentos destes últimos anos. Serve de ponte Vari Caramés, na súa recuperación dunha cor atmosférica, logo Suso Fandiño insiste na dixestión da historia desde o apropiacionismo, Cidrás e Blanco desde a contaminación narrativa, Almudena Fernández rexistra a fusión literaria e ornamental e Manuel Vázquez impulsa a súa última abstracción de cores e son; Elisa Sighicelli remarca a ficción e Din Matamoro, que nestes días podemos ver unha mostra das súas obras no CGAC, define a fraxilidade da luz e da sombra desde a pintura. Últimos xestos deste itinerario por unha colección que segue a medrar, cambiante e atenta, como un pescador que ata os fíos para unha mellor recollida.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org