A bienal do asentamento
A Bienal de Arte de Pontevedra chega coa súa XXVIII edición, descubrindo as creacións dos artistas nórdicos e amosando leves pero significativas propostas de artistas peninsulares.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
A Bienal de Arte de Pontevedra ven acollendo nos últimos anos unha progresión en ascenso hacia unha innovación da arte contemporánea; unha orientación que transcorre paralela ás filosofías descritas polas diversas realidades culturais galegas. Os anos oitenta presentábanse como unha necesidade de descubrimento, de comezar a coñecer. Deste xeito, a Bienal apostou por mostras de tipo internacionais, presentando obras dos artistas que retrataban a moda, como foron os neoexpresionistas alemáns. O diálogo chegou despois nos noventa, que foron, por sorte, como unha catarse de novidades institucionais e creativas, seguindo a Bienal os mesmos pasos de optimismo, visible especialmente nas últimas edicións e afirmado nesta última mostra.
O alento do local
A Bienal de Pontevedra segue os pasos, desde Galicia, doutros certames tan coñecidos como a Bienal de Venecia, de Lyon, a recente celebrada en Valencia ou mesmo, noutra dirección tanxencial, a Documenta de Kassel ou a Manifesta de Francfurt. Todas teñen unha mesma filosofía, unha selección de artistas nacionais e internacionais baixo un mesmo núcleo temático, e sobre todo baixo o control dun comisario que asenta esas realidades. O caso galego presenta estas premisas ó pé da letra, a elección de artistas e discursos que parten dunha ollada internacional e reflexionan desde e ante a realidade próxima, a súa xeografía e, por último, presentan unha organización forte, dirixida da man de José Carlos Valle e comisariada, nas últimas dúas edicións, por María de Corral, actual directora do Centro Cultural Caixa Forum de Barcelona.
O debate espacial
A presente edición, titulada
“Narrando espacios, tiempos, historias...” segue dándolle a man ó compoñente internacional, case de xeito categórico, ó apostar pola arte dos países nórdicos. Continúa, así mesmo, retratando a arte contemporánea peninsular, con poucos pero significativos exemplos de artistas nacionais, galegos e portugueses. As dúas pautas que o espectador debe coñecer antes de asistir é a importancia dos novos medios tecnolóxicos da arte actual, coa case exclusión dos soportes tradicionais, apostando pola videoarte e a fotografía. Outra das apostas máis arriscadas e firmes desta edición é que cada un dos artistas representan a xeración de creadores que están a traballar na actualidade. Este grupo de 33 artistas moi novos está entre os máis interesantes do panorama artístico. No caso galego acértase na elección de Salvador Cidrás, Vicente Blanco e Manuel Vázquez; no nacional con Esther Partegás, o grupo El Perro ou Juan Carlos Jarillo e, no ámbito portugués, sobresaen, como as pezas máis interesantes da mostra, as obras de João Tabarra e Filipa César. A sorpresa tamén veu da proposta nórdica con obras tan notables como as presentadas por Lene Berg, Jonas Dahlberg ou Olafur Eliasson.
Cando a arte amosa obras interesantes agrupadas baixo mensaxes coherentes e sinceras, a reflexión resulta clara e positiva, ollando ó futuro, pechando portas ó localismo; convertendo Pontevedra nun dos referentes estivais do actual.