Os xestos do deseño
Atrapamos unha dúbida. Analizar o feito dun obxecto deseñado resulta ser o motivo principal para achegarnos ó mundo do deseño, escalonado en tres mostras que amosan e insisten en facer desta disciplina un elemento cultural, activo e fundamental. Tres paradas que exhiben o mellor, tamén, do feito expositivo.
Atrapade o mensaxeiro
5 / 6 / 2005
Que a importancia do deseño é un feito, resulta máis que evidente cando observamos revistas, webs e listados de profesionais, pero sobre todo cando comemos, durmimos ou camiñamos por un parque. Co deseño sucede como con todas esas disciplinas que son mudas, nunca sabes onde actúa, pero sempre está presente en xestos que por cotiás non son menos inesperados. Por iso, se entramos en exposicións —expansións didácticas— sobre os produtos do deseño, e observamos as derivacións pedagóxicas e contaminadas desta área, é cando detectamos a importancia e valoramos a súa dimensión. Poñémoslle graos e acentos diferenciados.
Deseño expandido
Nunha vertente máis adoutrinadora e menos académica é na que se centran nos últimos anos varios centros de arte, sendo o caso do MARCO un referente exemplar. Nos seus catro anos de vida, o comezo da súa lectura deseñada estivo coa mostra “Indisciplinados” e continuaba coa “A creación do necesario”, comisariada por Marisa Sobrino, que supuxo o primeiro intento de achegamento histórico ó deseño en Galicia, e se pecha coa presente “Estrañamente familiares. Deseño e vida cotiá”. Toda a planta baixa inclúe pezas de arquitectura e produtos de mobiliario, de moda e deseño gráfico, nunha mostra que se detén no rol do usuario na súa concepción e na súa función; en resultados que evitan a inmediata asimilación para facer do xesto deseñado unha proposta orixinal e que reivindica o cotián. Unha síntese realmente orixinal entre o elemento construído e o estético na relación entre sociedade e utensilio. Os obxectos polémicos, novos rituais de uso, novas expectativas, as estruturas portátiles, posicionamentos nómades, os obxectos multifuncionais, funcións ambiguas, e os deseños extraordinarios son moitas das direccións nas que persevera todo o paseo polas galerías e patios do MARCO e que o espectador observa sentíndose cómplice e parte do seu teatro.
Día a día
Esa mesma liña, dual e complementaria, adquire novos argumentos na seguinte mostra que visitamos: a selección de obras presentadas ó “I premio de deseño industrial do moble María Martínez Otero”, na galería Sargadelos. Supón o achegamento ó deseño unha das demandas non só expositivas, senón de necesidade cultural e esixencia industrial; quedando a misión da promoción e difusión desta disciplina, ademais da formación, como un dos capítulos máis solicitados. Neste apartado, ademais dos soportes académicos por todos coñecidos, sobresae a iniciativa que varias entidades galegas realizan no ámbito do obxecto deseñado; unha nova plataforma vén de unirse a esta paisaxe de cambios: a Fundación María Martínez Otero, unha pequena fundación que prolonga o feito persoal e activo da súa fundadora, para centrarse no apartado do fomento do deseño en Galicia: incentivar e provocar.
Porque a historia desta entidade nace no propio nome e apelidos desa muller, que se fai cargo da empresa familiar despois da morte do seu marido, na inmediata posguerra, para elevar o proxecto e a realización de mobles como unha das máis destacables da xeografía galega. A mostra, que se presenta na primeira planta da galería, aperta o oco de escaleiras cunha banda continua de proxectos e bosquexos das 22 obras seleccionadas. Unha das partes que máis se agradece cando paseamos pola sala é o exercicio de exhibición puramente realizado; non só na mera reprodución e presentación dos traballos finalistas do certame, senón no intento de facer do deseño un elemento integrado na vida, con dúbidas e intentos, alternando entre obxectos que podemos tocar e ideas que sabemos recrear. Queda a mostra nese campo de acertos que tanto agradecemos nas apostas, novidosas e efectivas do campo expositivo, como é a presente.
Sen deixar de pensar en acento histórico, poñemos o peche a esta lectura semanal na ollada arquitectónica de Marcel Breuer, nas salas da Fundación Barrie. Mestre da Bauhaus e fonte inesgotable do elemento deseñado, en sutil relación entre sociedade e produto, resalta como un motivo excepcional para achegarse á linguaxe do Estilo Internacional que nunca debemos esquecer.