culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

A coevolución de morcegos e bolboretas nocturnas, unha historia sen fin

A impoñente complexidade e diversidade dos seres vivos é consecuencia dos mecanismos evolutivos. Plantas e animais modifican formas e funcións debido en grande parte á presión do medio no que viven, incluídos nese medio os seres vivos cos que comparten “habitación” biolóxica –nicho biolóxico–. Hai moitos casos nos que a evolución dunha especie depende e inflúe nos cambios doutra especie: a isto chámaselle coevolución. Un exemplo de coevolución que leva sendo estudiado con profundidade desde hai 40 anos, e que aínda chama a atención dos investigadores, é a que protagonizan morcegos e bolboretas nocturnas.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Nun artigo anterior describía a íntima relación que existe entre os figos e unhas pequenas avespas. A relación de insectos e plantas é probabelmente o mellor exemplo de coevolución que podemos observar na natureza: é unha relación mercantil, as plantas ofrecen fundamentalmente alimento, os insectos ofrecen polinización, os dous saen ganando, mais tamén créase unha relación de mutua dependencia que pode chegar ao paroxismo. Moitas estruturas das plantas e, por suposto, as flores, están aí para chamar a atención dos insectos. Pola outra banda, os insectos teñen arquitecturas e comportamentos adaptados á recollida, transporte e diseminación dos graos de polen.

Unha sonora batalla silenciosa
Mais, como todos sabemos, a coevolución non é sempre una relación amigábel, nin moito menos. Abundan tamén os exemplos nos que a relación é de amor-odio ou, mellor, de fame-odio (en realidade o difícil é encontrar unha situación na que isto non exista en maior ou menor grao). Hai animais –ou plantas– que desenvolven mecanismos para aumentar a eficacia na caza das presas, e isto leva a que as presas desenvolvan mecanismos máis refinados para escapar do cazador (ou viceversa). Isto é o que lles pasa aos morcegos e a un dos seus alimentos preferidos, as bolboretas nocturnas –gordiñas, saborosas, aterciopeladas coma un melocotón–. Levan millóns de anos xogando ao gato e o rato, uns aprendendo a cazar mellor, outras procurando maneiras máis eficaces para fuxir.

A tecnoloxía de caza dos morcegos consiste en combinar alta velocidade de voo –comparada coa do insecto– cun sistema de detección tipo sonar. Xa expliquei con anterioridade que a ecolocalización –o sonar biolóxico– permite a percepción do entorno a través do análise dos ecos recibidos tras a emisión de ultrasóns. Pola contra, as bolboretas desenvolveron mecanismos de evasión aproveitando unha grande capacidade de maniobrabilidade. Algo así como un avión a reacción tratando cazar un helicóptero.

O sinxelo é eficaz
A adaptación máis importante que teñen as bolboretas é un par de “ouvidos” ou órganos timpánicos, situados no tórax, xusto debaixo do segundo par de ás. Son uns ouvidos moi sinxelos, cada un ten unicamente dúas células sensoriais, mais poden facer algo que nós non podemos: detectar os ultrasóns emitidos polo sonar dos morcegos. Teñen un rango de funcionamento que coincide co deses sons, sinais que en xeral oscilan entre 20.000 e 120.000 ciclos por segundo (ou 20 – 120 KHz). Combinando os órganos timpánicos cos silencios producidos polo bater das ás, as bolboretas poden localizar con bastante precisión a posición dun morcego aproximándose, de feito moito antes de que o cazador “vexa” á presa –as bolboretas poden percibir atacantes até uns 40-60 metros de distancia, mais estes teñen que aproximarse até uns 3-5 metros para ver aos insectos–. Unha vez detectado o inimigo e para evitar ser cazadas, as bolboretas nocturnas poñen en marcha varios tipos de “patróns fixos de acción” que teñen almacenados no seu relativamente sinxelo sistema nervioso. Estes plans de fuga actívanse cando os órganos timpánicos dan a alarma e consisten en: 1) se o morcego está lonxe: dar a volta e voar en sentido contrario; 2) se o morcego está perto: xiros, manobras de picado ou de voo cara arriba, etc, dependendo de se o atacante ven por arriba, abaixo ou ao mesmo nivel. As bolboretas teñen a vantaxe de que poden cambiar de dirección moito máis rápido, a pesar da menor velocidade; teñen máis maniobrabilidade.

Contra-defensa
Nesta batalla tecnolóxica o refinamento é continuo e hai bolboretas que tamén poden emitir ultrasóns –normalmente refregando partes duras das ás contra as patas, aínda que tamén teñen outros métodos– que son detectados polos morcegos. Para que serven? Hai varias teorías; a máis aceptada considera que son sinais de advertencia que indican aos morcegos sobre o mal sabor do insecto, algo similar ás coloracións de moitos animais. Igual que ocorre cos cores, estes sons poden ser emitidos por bolboretas tramposas que non teñen mal sabor, mais que aprenderon a maneira de enganar aos seus cazadores. Hai tamén outra teoría segundo a cal os ultrasóns producidos polos insectos crean distorsións no sonar dos morcegos que impedirían o seu funcionamento normal.

Outro truco usado por algunhas bolboretas nocturnas consiste en facerse invisíbeis ao sonar –como algúns modernos avións de guerra–; habilidade que conseguen grazas a unha superficie aterciopelada que impide que as ondas sonoras sexan reflectidas.

Contra-contra-defensa
Os morcegos tampouco deixan de aumentar o número de habilidades para non perder esta partida milenaria. Algúns producen sons de moi pouca intensidade que non son detectados polos órganos timpánicos das bolboretas mais que aínda lles permite ecolocalizar. Outros son capaces de emitir pulsos de ultrasóns que detectan bolboretas a pesar de ter unha superficie peluda “anti-sonar”. Incluso hai morcegos que desconectan por completo o sistema de sonar no momento da caza e seguen ás presas polo ruído que elas mesmas producen.

A loita pola supervivencia continúa todas as noites, e é de tal envergadura que algúns científicos propoñen que as bolboretas diúrnas existen grazas aos morcegos: o feito de voar durante o día sería outra estratexia máis que as bolboretas primitivas encontraron para evitar aos nocturnos e voraces inimigos.

Hai un experimento moi sinxelo para observar a resposta das bolboretas nocturnas aos ultrasóns: prova a sacudir un chaveiro perto dun grupo desas bolboretas que dan voltas ao redor das lámpadas…a ver cómo se comportan.

(Este artigo é un “remake” do meu primeiro artigo de divulgación científica, escrito xunto con Luis Sampedro e publicado na revista universitaria “A gota de Millikan” hai uns 12 anos).

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org