culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

10/30 Santi Jiménez

O traballo de Santi Jiménez representa perfectamente o cambio de facianas da nova xeración de artistas galegos saídos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Presente en colectivas como o Premio Auditorio de Galicia ou “Libro de artista” na Fundación Granell, colabora habitualmente coa galería Espazo 48 de Santiago, na que estivo seleccionado en varias colectivas e na que presenta estes días os seus últimos traballos xunto ós de Iván Prieto.

Atrapade o mensaxeiro
24 / 6 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Búmerang1. Analizamos a túa obra como parte dun proxecto que busca sempre unha certa identidade social fronte ó individuo. ¿Cales pensas que son as claves do teu traballo?
O meu traballo xira sobre os pre-conceptos que ten a nosa sociedade, habitual consumidora de imaxes, á hora de asumir a lectura destas, e busca criticar sutilmente o xeito que temos de percibir o mundo e a arte. Os meus debuxos comparten a necesidade dunha mirada indiscreta por parte do espectador para facerse visibles sen deixar de xogar cos nosos prexuízos á hora de contemplar as intimidades dos outros ou a nosa propia intimidade. Os protagonistas, anódinos e anónimos, son sorprendidos nun ámbito privado que, de xeito cínico, obriga ó espectador a violar sen a súa vontade. Pese a todo, e ironías aparte, a realidade mostrada segue sendo só un intre dun feito teatral, representador doutros posibles acontecementos.

Búmerang2. Entendes a túa produción escalonada en medios, antes a fotografía e agora o debuxo, sempre cunha vertente moi contaminada ¿Cal consideras que é ou debe de ser o lugar do soporte no traballo dun artista?
Cada quen ten que darlle a importancia que debe. No meu caso o soporte é, aínda que non o pareza, algo secundario. Podería intercambiar papel de debuxo por papel fotográfico ou mesmo pintar na propia parede e o significado das pezas apenas se vería alterado. A escolla do soporte dixital, polo menos na súa xénese, está motivada polo atractivo da contaminación que atinxe ó propio medio dixital, no que podes facer confluír infinita variedade de técnicas e motivos dun xeito práctico e inmediato. Ese “ruído branco” que irrompe e ensucia as mensaxes, a inquedante desolación do espazo dixital e as enormes posibilidades de exploración e avance do medio son realmente moi interesantes.

Búmerang3. ¿Considéraste identificado ou vinculado dentro dunha colectividade, dentro dunha promoción de novos artistas? ¿Como observas a función actual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra?
Creo que o sentimento de colectividade, se é que existe, é algo casual que vén dado por unha similitude de idades e de lugares de desenvolvemento do traballo dos artistas novos galegos, moitos deles saídos precisamente da tan deostada Facultade de Pontevedra. Aínda que é certo que pouco a pouco van destacando e coincidindo certos nomes, non me parece que exista un nexo de unión estético ou conceptual entre nós máis alá das sinxelas coincidencias persoais. A Facultade de Belas Artes ten moito sentido coma centro intercambiador e catalizador de ideas e coma formador de profesionais da arte e de futuros artistas, aínda que todavía teña moito que esixirse no ámbito investigador.

Búmerang4. Gustaríame que nos comentaras cales son os referentes estéticos e narrativos nas túas obras e aqueles artistas cos que te sentes máis identificado.
A verdade é que a miña obra de arte ideal sairía da mestura entre a inmediatez terreal das fotos de Nan Goldin ou Larry Clark, a narrativa deliberadamente mentirosa e chea de artificios de Jeff Wall, a divertida ironía das pezas de Christian Jankowski ou Kara Walker, a elegancia e sinxeleza nos debuxos de Juliao Sarmento, o compoñente crítico, ácido e subversivo de Tracey Emin, o manexo da cor e o pracer estético das pezas de Gary Hume, a forza xestual e primitiva de Jean Michel Basquiat e a capacidade de xerar misterio de David Claerbout.

Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.
O verdadeiro proxecto é seguir explorando o camiño que deixei aberto coa miña última exposición, un camiño que no seu comezo xa me encheu de satisfacción. Pero todo sen esquecer a necesidade da existencia de novas pedras no camiño (que sen dúbida fanche avanzar) e sen deixar de lado a capacidade de sorprenderme. Comezará pois a era dos certames, premios e bolsas diversas nos que tentar á sorte e quen sabe qué máis... A medio prazo gustaríame tamén saír fora de España e comezar a ampliar o horizonte expositivo dentro do territorio español. E a un prazo ben curtiño pórme en marcha, coller o lapis e o papel e, coma quen abre fogo a discreción, debuxar
Ligazóns
Crítica da súa obra


Galería Espacio 48



Jeff Wall


Gary Hume


Larry Clark

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org