As tanxentes
Asistimos ás dúas propostas que Jorge Perianes e Nano4814 nos agasallan na galería Ad hoc de Vigo. Este mostra representa unha das poucas intencións de achegarse, dun xeito coherente e arriscado, á paisaxe máis nova desde a entidade privada.
Atrapade o mensaxeiro
31 / 5 / 2005
Jorge Perianes e Nano4814 son dous dos artistas máis interesantes da nova xeración galega, cada un desde unha óptica e eixe diferentes. Os dous veñen traballando nos últimos anos coa galería que hoxe recibe as súas propostas, a mesma que leva apostando polas novas xeracións dun xeito intenso, que se pecha con autores da intensidade de Suso Fandiño, Arturo Fuentes, Patricia Iglesias ou Carme Nogueira. Xa antes de mudar de espazo, pero agora cunha maior persistencia, a intención desta galería é programar dúas perfectas direccións, condicionadas polas particulares distribucións das salas. Agora estas direccións fusiónanse. O pasado xoves atopamos a planta baixa ateigada de xente e a planta soto igualmente petada de público; a resposta a unha mostra certamente impecable, dualidade curiosa e enriquecedora de dous artistas. Falamos de ofertar unha arte nova, e poñela no pano mercantil desde unha sorte de plataforma de calidade; unha selección de nomes citados que complementan a trama de nomes e tendencias que se dispersan no panorama da arte galega actual; quizais en liñas tanxenciais, sempre complementarias doutras, coas que en moitos casos se entrecruzan identificándose.
Grandes historias no peto
Na planta baixa Jorge Perianes fainos un dos seus mellores agasallos: unha completa recreación das súas esculturas, unha síntese de proxectos e rumbos nos que vén investigando e polos que moitos de nós seguimos a súa poética fielmente: a súa cita na colectiva “Instinto” en Madrid, nas últimas edicións de Arco, de Artíssima en Milán, Generación 2005 ou no certame Alterarte en Ourense. Cando asistimos ós seus traballos, por moito que estean contaminados por outros axentes, quedan nunha verdade única de atención. As súas obras céntranse na actualidade na presentación de pequenas esculturas, delicadas e pulidas, que dispón en diversos formatos. Deste xeito, é a presente mostra un exemplo perfecto da súa traxectoria, das posibles variacións que trasladou desde unhas iniciais obras sobre lenzo, en debuxos intimistas, cunha forte débeda do surralismo e do poder do debuxo sintético, directo e narrativo. Persiste esa vertente onírica, de certo ensoñamento e fabulación, nos pequenos volumes, nunha serie de composicións perfectamente equilibradas ó redor dunha pequena historia ou pretexto.
Resulta sorprendente deterse diante de cada unha das pezas deste autor e tirar do fío do relato, facelo dun mesmo, e pasar á seguinte, para proseguir nun estado de inquedanza e intranquilidade; unha perturbación (diría curiosidade) que non entende de escalas nin formatos. Na entrada da mostra, toda inundada de árbores pintadas nas que se dispoñen casiñas de paxaros, atopamos unha serie de peanas que voan desde a parede e sobre as que dispón unha selección de paisaxes concentrados nas relacións entre animais e os seus comportamentos. Exemplo: un paxaro, unha mosca e un vaso de cristal; que sexa o lector o que poña cada un nun sitio e situación de acción determinada. Logo vén outra disposición, un mito e un soño esperto e outro conto intencionado. Por iso hai tempo que pensabamos en heroes ou en caídos cando asistimos ás súas batallas diarias.
Relatos urbanos
Se o traballo de Perianes insiste nunha metodoloxía detallada, centrada nun proxecto de seguimento dos valores poéticos, a aposta de Nano4814 existe dentro dunha non-arquitectura, igualmente de proxecto, pero abordándoo máis desde a incerteza do non-programa. Deste xeito, a súa proposta no soto insiste na súa vertente de artista-graffitero-escritor, polo que é perfectamente coñecido. Nesas tres direccións diverxentes, desde o punto de vista expositivo, se desenvólvese a súa intervención. Asistimos a un escenario recreado, unha imposición do aspecto urbano, exterior, dentro da galería. A propia negación, que o artista declara, do espazo expositivo conleva unha intervención de pura provisionalidade, onde toda a precariedade que resiste nunha paisaxe exterior se traslada adaptándose ás paredes e ó chan da sala. Deste xeito, son principalmente as pinturas murais e aqueles elementos reciclados (madeiras,...) os que trasladan ós espectador ó particular mundo de Nano4814, non á rúa, que existe xusto na parte posterior da galería, no Calexón de Núñez.
Na vertente de autores como “El Tiñas”, co que coincidiu nunha recente colectiva en Londres, prosegue nunha intervención desde o urbano, desde a propia acción. Unha orientación que reformula o que realiza nas rúas, intentando cambiar a paisaxe urbana para, logo, mudar a paisaxe expositiva. Non podemos deixar de sentir ese desequilibrio en cada unha das obras/accións, desde as propias pinturas murais, os obxectos, as esculturas de tea e unha imaxinada vivenda realizada en madeira na que se proxecta un vídeo do propio autor. E todo alterado e inundado das súas recoñecibles iconografías, como o inesquecible personaxe similar a un choco, a súa marca de identificación, a súa sinatura de seguimento e que xa localizamos no seus anteriores traballos. Resultan clarificadoras as sentencias do autor, case como os impulsos sobre as paredes: “Estado de busca... Dualidade. Atráeme a idea do fin. O fin da persoa. O fin da obra. O fin da busca... Só quero observar a outros. Ningún home é unha illa, aínda que eu o necesitaría.... A miña cabeza é a miña illa, aínda que ten demasiadas pontes. Comunico o meu desexo de incomunicarme.”
Unha aposta pola certeza, a posibilidade, na sempre cambiante e inestable realidade da arte galega máis nova. Tira da iniciativa; paga a pena.