culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

8/30 Rubén Ramos Balsa

Rubén Ramos Balsa (Santiago de Compostela, 1978) sobresae como un dos mellores referentes na listaxe de novos artistas que actualmente traballan desde Galicia, nunha situación que opta por non centrarse nunha dirección galega senón que se expande na busca de novos espazos onde promoverse. Na súa traxectoria existen citas individuais en galerías como Fúcares (Almagro), na Casa dos Coimbras (Braga), no Centro Torrente Ballester ou na Kuopio Academy of Design and Crafts (Kuopio, Finlandia). Asiste habitualmente, con diversas galerías, a feiras como Dfoto, Arco ou Loop’04. Son tamén sobresaíntes as súas presenzas en certames como o Premio Auditorio de Galicia, o Cidade de Lugo ou o da Deputación de Ourense, ademais de citas colectivas como “Unha película de pel”, “Plugged-unplugged”, “Compostela” no CGAC ou a última Bienal de Arte de Pontevedra. Nestes días participa na colectiva “Insensé Espagne” na galería Colette de París.

Atrapade o mensaxeiro
27 / 5 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Búmerang1. Quizais sexa o teu un dos casos máis identificativos, dentro da creación actual galega, de desenvolver unha obra como parte dun proxecto concreto e programado, en continua evolución.

Sí. Pódese dicir que os meus traballos, normalmente agrupados en series, responden a un obxectivo pretendido e presentado a través do proxecto. En realidade, a idea de proxecto na arte trátase dunha estrutura adoptada só como estratexia, aí temos os proxectos utópicos ou as ideas minimalistas nas que xa non se precisaba da obra; pero, en ningún caso, estes exemplos dan uso da función orixinal do proxecto, a de anticipar o resultado, tal e como ocorre nos campos suxeitos a grandes presupostos coma o cine ou a arquitectura. Penso que o feito de formular proxectos, no meu caso, resposta ó pracer da imposibilidade que supón anticipar un resultado incerto, de ver como o anecdótico resalta na estrutura que valida os pasos do proceso. Como explicaba un profesor da Facultade, a execución dun proxecto realízase de forma programada, é dicir, progresiva. Falamos de que no proxecto vaise avanzando, o obxectivo está sempre perfectamente definido. Pero, a arte non é programativa, o seu proceso non necesariamente implica progreso. Por iso, como algo que dura no tempo, o proxecto artístico é unha forma de non ir a ningunha parte. Con todo o que iso significa.

Búmerang2. ¿Cales pensas que son as claves do teu traballo, sempre identificado coa medición, coa visibilidade, co control, co tempo?

Arrancando dende a lista de claves que a túa pregunta anticipa, e incluíndo a palabra xogo, teño que falar delas no meu traballo en relación ó momento concreto no que se están a dar. A medición do tempo leva máis dun século encerrada na medición do instante, algo clave para entender o gran xogo da sociedade actual, que é un xogo de visibilidade, centrado na súa obsesión insatisfeita na imaxe, a do control paso do tempo. Por iso, esa ilusión de control do tempo efectuase dende a visibilidade dunha temporalidade articulada na emisión desas imaxes. Consecuencias inmediatas son, por exemplo, que o presente se transforme en actualidade só a través dese documento que lle da vixencia, o rexistro, ou que este non sexa o que se converta na crónica dese presente nunca superado, por unha sociedade que xoga a documentarse a si mesma. O meu traballo trata de reenviar mutacións deste xogo.

Búmerang3. Comentei en varias ocasións dúas liñas que se entrecruzan nos teus traballos: a fusión entre unha bipolaridade narrativa e o emprego da tecnoloxía. ¿Cal pensas que é o lugar da técnica aplicada á arte, e enfrontada ó espectador?

Aínda que se escribiu moito sobre as posibilidades da tecnoloxía como ferramenta narrativa e a historia da arte desenvorcou onde estamos agora, en parte, por un invento que fracasou nos seus fins científicos orixinais como foi o cine, esta relación vívese sempre de forma especial para o espectador e o creador coetáneos a ese pulso tecnolóxico. Dende o campo da imaxe, a miña xeración, eu como profesional, experimentamos a implantación da tecnoloxía dixital na imaxe. Son moitas opinións ó respecto, pero eu destacaría o xa sabido: que o papel da técnica é produto dunha intención conceptual, aínda que esta sexa colectiva e inconsciente. Un exemplo popular deste feito é o acto de ver repetido un acontecemento na pantalla da cámara dixital xusto despois de que este se produza; como se non fose suficiente a intensidade do instante e necesitásemos, nun pracer infantil, sentir inmediatamente despois ecos desa emoción. Outro exemplo claro, sería o de cómo as memorias borrables, que facilitan a eliminación de datos, responden a unha intención aniquiladora respecto á imaxe, pois, xa non se trata de que esta perdure para alcanzar un grao de simbolización necesario, se non de que desapareza o suficientemente rápido para satisfacer a necesidade dunha sociedade en demanda de imaxes de contido inmediato. Dicir que o fin da tecnoloxía consiste en facer a nosa vida máis fácil é unha simplificación absurda.

Búmerang4. ¿Como valoras, desde a túa experiencia, o feito de traballar desde Galicia vinculado a galerías foráneas, como Fúcares Madrid ou Mario Sequeira?

Ben. Como non estiven nas outras situacións posibles de estar fóra traballando con galerías galegas e o resto de variables, non podo dar unha resposta comparativa dende a miña experiencia. Sí podo comentar, que si esta circunstancia ten algo de singular, aparte do privilexiado da situación, non é o feito de que as galerías coas que traballo sexan foráneas senón, de traballar con elas desde Galicia, sobre todo con proxectos tan complexos. Seguir aquí debese simplemente a que xogo nun equipo de fútbol e non quería deixalo esta temporada.

Con isto quero dicir que a calidade de vida aquí, en comparación con cidades como Madrid, é moi boa, e iso, no meu caso, é fundamental para traballar, igual que o saír fóra é tamén fundamental para ver cousas novas. En todo caso, para unha galería o importante é o resultado da túa produción para a súa venda posterior. Un ten que estar onde máis se concentre e, as galerías, onde máis mercado exista. Se me vou fóra é por completar a miña formación, non por este vínculo laboral.

Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.
Agora mesmo estou a iniciar moitos proxectos que me gustaría ver xa materializados, quizais porque teño a sensación de que levo un retraso enorme con todo o que produzo. Estes días estou pensando nun proxecto que se chama fotopompas, é un vídeo sobre o propio proceso do acto fotográfico (case como un acto performantico) realizado coa colaboración do meu afillado; como resultado deste, unhas fotos que corresponden ós 7 desexos pensados nese proceso por el. A peza final será unha instalación de vídeo e fotografía. Bueno, tamén estou a organizar coa axuda da CAM (Caja de Ahorros del Mediterráneo) unha excursión de xente que nunca viu o mar.
Ligazóns
DESCARGA O VIDEO DE RUBÉN RAMOS

Crítica da obra de Rubén Ramos

Exposición na galería Fúcares

Obras e curriculum do autor

Obras na galería Mario Sequeira

Crítica da súa obra

Exposición na Casa dos Coimbras


Pixel

Photography now


Loop ’04






Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org