Mentres pasa
As fotografías de Vilariño convérteno nun dos nosos mellores artistas plásticos, xa referente dunha xeración sen nome. Ata finais de xuño podemos visitar na galería Trinta de Santiago as súas entregas, achegarnos ós seus grandes temas de bodegóns mínimos para capturar unha nova lectura da paisaxe, inusual na súa traxectoria. Percorremos e remuniamos nas súas intrigas.
Atrapade o mensaxeiro
18 / 5 / 2005
Vilariño fai do feito fotográfico unha lectura de proxecto. O seu traballo pertence ó capítulo da fotografía de mínimos, condensada, repensada. Equilibrio. A composición de campos que son antes símbolos, exemplos impecables, que dúbidas. Queda o poder da interpretación centrado nun visitante que se posiciona diante de cada realidade plasmada, envorcada sobre un escenario. As súas fotografías son poemas máis que narracións de longo percorrido, son máis escalas e paradas que paisaxes ou atmosferas nas que meter a cabeza e respirar, como sucede coa fotografía de Vari Caramés. Por iso pensamos máis en escultura, en instalacións, e por iso entendemos moitos dos seus capítulos expositivos; sempre nun proxecto evolutivo. A información nas fotografías de Vilariño queda á espera da raspa da ollada, logo do tacto, mentres agardamos o murmurio da súa pregunta e a clave para seguir interrogando cada unha das súas intrigas de vida e morte.
A intriga do mínimo
Non deixamos de preguntarnos sobre as fontes de referencia das que este autor bota man nesta nova mostra na galería Trinta. E non deixamos de pensar que as escalas, os intermedios, son os lugares do diálogo, pero tamén son os escenarios, os actos extraordinarios —como son as súas imaxes— os espazos nos que facerse experimento, os momentos nos que exhibirse e ser principio. O escenario é o seu campo de acción, tanto a tremoia como a presentación nun plano. Pero non son catro nin tres os lados da súa escenografía, son dúas láminas, unha vertical e outra horizontal, as que existen antes de que se introduzan os elementos de acción. Principios que sempre existen; unha luz mínima para unha comida tamén límite, mentres observamos o paso dun tempo concreto. Un certo poder da contundencia dun soporte, un eterno sentimento de afirmación e de cambio, de vida, de evolución, representado nun cirio branco anacarado sobre un plano negro auga.
Son os reflexos e os escenarios, un mínimo elemento e unha soidade, os que remiten a unha certa fonte barroca; inesquecible para os que revisitan a Sánchez Cotán, Zurbarán, ou Morandi ou Cristino de Vera, os que pousaron un valor de tránsito existencial á interpretación da vida. O cirio que se ve acompañado, que se enfronta ó outro lado do espello; un grupo de limóns ou de noces, ou logo de calaveras. Deixamos a planta superior da galería para o final, para volver sobre unha paisaxe de mar —sempre mar espello, plano sen límite— e unha instalación de crins despois de repasar o binomio que Vilariño executa en cada entrega. No fondo da galería, flanqueado polas novas escalas barrocas, un exemplo da lectura corporal, entregada: unha madeixa de osos que se presentan atados por cordas ou filamentos de orixe industrial. Un final físico, corpóreo, como escala dun relato que o fotógrafo deixa, deliberadamente, que o visitante leve para seguir dándolle voltas, rumiando, no seu paseo pola Virxe da Cerca.
Paseo, tránsito, pausa. A intriga diante dun pano, entre vida e morte.