7/30 Félix Fernández
O corpo é a principal fonte de recursos, documentais e poéticos, de Félix Fernández (Celeiro-Viveiro, Lugo, 1977), unha das realidades máis activas da nova arte galega. A súa presenza céntrase, de xeito deliberado, entre dúas xeografías: a galega e, outra, a nun nivel peninsular, xa que na actualidade vive e traballa en Madrid. Forman parte da súa traxectoria citas individuais como a realizada no ciclo Miradas Virxes e unha importante selección en colectivas e certames como Injuve, “Plugged Unplugged”, Novos Valores, Doméstico’02, “En torno al cuerpo” en La Casa Encendida, “Emergencias”, Malas Artes´03 ou o primeiro premio no III Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense, entre outras. Vén de intervir no “Festival Contenedores 2005” en Sevilla e actualmente prepara a súa participación dentro da próxima cita de Latitudes III.
Atrapade o mensaxeiro
13 / 5 / 2005
Búmerang1. A túa obra mantén un estrito seguimento do ser humano como presenza, en autorretratos e valores autobiográficos, principalmente trasladados no corpo.
O corpo é o que nos une a esta existencia terreal, penso que pode chegar a transcender o material e facer del un espello da alma. Por iso tendo a pensar que as posturas físicas adoptadas en cada acontecemento condicionan o que vai vir. Non é o mesmo ver como vén un tifón de pé que esperar sentado.
A miña obra busca no autoreferencial un espello para calquera individuo que mira con detalle as súas accións, os seus desexos e os seus medos fronte á vida, facendo que esta última sexa o leitmotiv central da súa existencia.
Búmerang2. ¿Onde situarías na túa traxectoria a intención performativa, de acción, que podemos seguir en moitos dos teus proxectos?
Creo que hai que ter en conta a miña formación de danza para entender os meus traballos, que son híbridos entre disciplinas. A performance case nunca aparece pura, pero sempre está aí. A acción ten algo de moi narrativo, aínda que non vaia a ningures, sempre fala dunha intención, dun posicionamento; as persoas coñécense polas súas accións.
Búmerang3. ¿Como observas a realidade da videocreación na empresa cultural? ¿e os problemas derivados da narratividade?
O vídeo está tendo máis presenza cada día na arte contemporánea, o que pasa é que está sendo utilizado de xeito masivo coma unha ferramenta “do contemporáneo”. Á hora de facer un vídeo todos deberíamos preguntarnos si é realmente necesario facelo, ou se, pola contra, se fai por tendencia. Cada un posúe un imaxinario. Estase impoñendo a non narratividade nos traballos artísticos, que creo que ten que ver con causas expositivas, pero non por iso se debe de deixar de facer pezas que tendan a ser narrativas. Sobre todo, honestidade cun mesmo.
Búmerang4. Do mesmo xeito que Antón Cabaleiro ou outros nomes, es un autor galego que vive e traballa en Madrid, pero sempre mantés un vínculo con Galicia. ¿como observas ou definirías esta situación?
Sair de onde te sentes protexido é moi enriquecedor, faiche madurar tanto profesional coma persoalmente, aínda que nun primeiro momento te sintas desubicado. De todos xeitos tanto Madrid coma Galicia son dúas comunidades conservadoras, que valoran moito o seguro, e que lles custa moito investir en atopar canles diferentes de ver as cousas, eu creo que é un gran erro, pero todo pode cambiar en calquera momento...
Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.
Teño moitas ganas de ter un estudio grande para facer pezas con un compoñente máis escultórico e poder darlle máis importancia á fisicidade da obra que é algo que deixei un pouco aparcado, máis que nada, por problemas de espazo. Tamén teño en mente un proxecto que se chama “Extranxeiro” que propón un paseo en primeira persoa pola adaptación do individuo ás diferentes comunidades, como capacidade de supervivencia: tomar a identidade coma un sistema de relacións e de representacións, coma un proceso activo e complexo, resultante de conflitos e de negociacións. Un proxecto que terá grandes doses performativas nos seus contidos.